No balcón do concello a bandeira palestina dignifica á cidadanía, mostrando solidariedade co país que o precisa. E son tantos: Venezuela sendo atacada en plan pirata, Cuba abandonada sen combustible, todas as guerras en marcha...
Na casa das Crechas, a bandeira palestina represéntase por medio das cores en cada un dos pisos. É moi de agradecer.
Agora, a fin de ano, a boa xente bota contas, mira os cartos que non gastou en agasallos superfluos nin celebracións innecesarias e fai doazóns ás ONG, fundacións ou asociacións que o precisan e traballan a favor dun mundo máis nobre, máis culto, máis san.
Dixérase que un dos de Silicon Valley fixera unha gran doazón antes de ter o seu fillo porque quería entregarlle un mundo mellor. Sabía que ese mundo non ía ser o que herdara a través da súa conta corrente, por iso quería redistribuír algo a riqueza (aínda que fose minimamente) para que a desigualdade esaxerada non creara demasiados problemas. Agora, semella que xa traspasamos todos os límites, que os desamparados están inertes e non teñen capacidade de resposta.

Ou que o van facer como en Mad Max, creando malas que controlan anacos do mundo, asaltando o que quede da clase media porque os poderosos estarán nas súas propiedades pechadas e defendidas por verdadeiros exércitos, empresas de seguridade que son as mesmas que alugan mercenarios nas guerras, tal como vimos polo Leste.
Hai quen se asocia ás entidades que considera máis acaídas para botar unha man sistemática, de forma que podan contar con eses cartos nos seus orzamentos anuais, pero hai tamén quen a fin de ano, unha vez recibida a paga extra, revisa os cartos cos que conta e as organizacións que lle merecen confianza e doan a cantidade que teñen a ben.
As ONG internacionais: Amnistía Internacional (para apoiar a xustiza en calquera lugar do mundo), Greenpeace (para defender a Terra de canto secuaz anda solto en forma de empresario ou goberno), UNRWA (para que os refuxiados palestinos pasen algo menos de necesidade), Médicos sen fronteiras (para que chegue algo de sanidade a quen non ten)...
Outras máis próximas como a Fundación Pasqual Maragall para que continúen investigando sobre esas enfermidades ás que tanto medo lles temos.
Máis próximas aínda, como ADEGA (para defender este país ata de nós mesmos) ou a Eira da Xoana (para manter a ilusión de montes autóctonos fronte á eucaliptización da terra). Ecoloxía e comunidade. A Fundación Neira Vilas (para traballar polo legado do autor do libro co que nos identificamos todos os desherdados e que naceu na nosa lingua, e da súa compañeira, a cubana que volveu ao lugar de orixe para construír revolución), a Fundación Manuel María (que protexe e multiplica o legado de quen nos animou a ceibar os soños da gaiola), a Fundación Rosalía de Castro (por manter o facho do Rexurdimento na voz da muller que nos cantou para facernos nós), da Fundación Novoneyra (pilotada por uns fillos que actualizan a voz druídica dos montes e nos fan soñar con ser vangarda, de novo) e... tantas outras!
Tal como se dixo que fixera o de Silicon Valley, non se trata de apoiar para ser máis feliz, senón de facelo para non sufrir en grao sumo. Igualiño ao que lles pasa aos drogadictos que xa non consumen para estar mellor, senón para non estar moito peor.
Non se trata de caridade, de dar o que nos sobra, a outros que agardan para recibilo. Trátase de dar con responsabilidade, sabendo que quen recibe está a traballar (non sentándose nunha mesa e deixando o prato usado para que alguén o recolla, non tirando a roupa que non lle serve en vez de tela mirado antes de aceptala) e sempre esperando que o traballo non quede na burocracia, no soldo de quen fai labores que podería realizar o voluntariado, de quen non analiza ben a onde deben ir eses cartos, de quen non mobiliza a poboación que debe facerse cargo do seu futuro.
O espírito do Nadal debería ser iso; diríxome aos señores que se empeñan en dicir que só eles defenden os valores cristiáns. Os valores da relixión que case é comunismo e di: non lle fagas aos demais o que non queiras que che fagan a ti, trata aos demais como se me tratases a min e as benaventuranzas, unha por unha. Valores que son defendidos polas ONG especialmente polas que non están tan burocratizadas e cunha estrutura tan montada que non poden dicir xa verdade (para non molestar a quen lles dá de comer). Ese é o perigo, cando deixan de cumprir as súas funcións por medo a molestar o poder, como temos visto ultimamente con algunha que non quixo dicirlle á consellería de sanidade que tiña que atender en tempo e forma aos enfermos que representa. Aí está o risco, cando esquecen a súa misión ocupados en manter o staff e facerse fotos cos políticos, en vez de xestionar a encomenda que teñen asignada e que lles obriga a enfrontar ese poder cando non cumpre o mandato do pobo soberano. Porque a cidadanía quere ser coidada, aínda que vote contra ela mesma, é así?