Homenaxe a Pena Souto, un dos nosos
Pumariño, Alejandro - viernes, 13 de noviembre de 2009
Os veciños da parroquia de San Lourenzo de Recimil (Lugo), quixemos recoñecer a José Serafín Pena Souto a súa amizade de tantos anos, e a súa dedicación ás xentes desta parroquia, cunha homenaxe fraternal. Se censados na parroquia aparecemos un total de 111 habitantes (71 en Recimil e 40 en Vilar), somos en realidade bastantes máis porque algúns pertencemos a esta parroquia de corazón aínda que non pertenzamos de dereito. Todos queremos ben a José Serafín Pena Souto.
Pena Souto é, ante todo, un dos nosos. Ten desenvolvido unha importante actividade como industrial e como político, pero a homenaxe facémoslla á persoa, ó home, polo seu vencello connosco durante toda a vida.
Pena Souto e Recimil
Pena Souto é fillo de José Pena Arias (da casa de Teresa de Vilar) e de Manuela Souto Alonso (da casa de Fouz de Recimil). Naceu o 22 de maio de 1928 na cidade da Coruña, pero desde os catro anos criouse na casa de Fouz de Recimil, ate casar con Concepción Puentes Carreira, de gratísima lembranza.
Foi á escola de don Jesús Barreira en San Vicente de Coeo. Ían en grupo nenos e nenas, tendo que cruzar o río que nos días de crecida supoñía un risco importante. Por aquel tempo, morre súa nai. Ós catorce anos pasa á escola do Sr. Manuel, na casa de Cedrón de Vilar, con quen prepara o ingreso do bacharelato.
Os seus veciños da infancia aínda lembran a envexa que tiñan da bicicleta de carreiras que seu pai lle mercara; tamén recordan a ocasión en que foron poñer fentos verdes no camiño de ferro que cruza Recimil para comprobar se lograban facer que o tren patinase, como así acontecera; ou cando o José Serafín plantou uns pitiños, tentando que prenderan na terra e así pudieran medrar máis e máis axiña, como facían as verzas que na horta plantaban os maiores. ¡Non todos o intentos ían ter éxito!. Ata hai pouco tempo aínda se podía apreciar a pintura dunha faciana de home que Pena Souto plasmara nun chanto do peche dunha finca en Tras dos Praos.
Emprendedor
Estudiou o bacharelato nos Maristas, en Lugo. E cos seus antigos compañeiros celebra anual xuntanza desde 1950. En 1949, foi cumprir o servizo militar no Regimiento de Castillejos de Caballería Motorizada de Zaragoza.
O 1 de agosto de 1953 casa con Concepción Puentes Carreira, fixando o domicilio durante un tempo na casa dos pais da muller, en Viador, de San Mamede dos Anxos. Nesa casa impartiu clases particulares, como antes o viñera facendo no edificio anexo á Casa de Fouz de Recimil.
Moi axiña o matrimonio trasladou o seu domicilio á cidade de Lugo, ó Campo Castelo. Co tempo, regresaron de novo a Viador, despois de acondicionar a súa propia casa. Tiveron catro fillos -José Luis, María Dolores, Roberto Carlos e Margarita Isabel- e catro netos: Marta, Alejandro, Alba e Carmen. A súa dona morreu en 2005.
Durante un ano traballou na Xefatura Provincial de Ganadería, pero axiña asomou a súa faceta empresarial que iniciou instalando mesas de futbolín nos establecementos de hostalería, para logo montar no Campo Castelo o primeiro salón de máquinas recreativas do norte de España, que despois establecería na rúa Bispo Aguirre. Na Rúa de San Pedro montou un negocio de decoración, e logo Floristería Bonsái. Despois de incursións breves no mundo da construcción e como empresario taurino xunto con outros socios (esta última iniciativa resultou un fracaso), dedicouse de xeito especial ós negocios de hostalería, coa Cafetería-Restaurante Los Tilos, un Hostal-Restaurante en Mondoñedo, e a Cafetería San Marcos, para culminar coa dignificación dun recanto excepcional de Nadela como resulta ser a Casa Grande.
Actividade Social
Ademais da recoñecida condición de emprendedor nos negocios, ten sido e continúa a ser un extraordinario alentador da actividade asociativa e cultural, merecendo ser recordado o mecenazgo do grupo musical Los Magos, e destacar o seu apoio xeneroso a moitas actividades culturais e lúdicas dos veciños e asociacións dun moi amplo contorno, que mesmo se extendeu por toda a provincia.
Os seus veciños de Recimil gardan grata lembranza da excursión que a Samos organizara hai xa uns sesenta anos, facéndose a viaxe no camión do Sr. Xesús de Xan Reixa, que levaba a caixa ateigada de viaxeiros.
Velaquí unha das súas principais virtudes: o seu apego ós que considera -e nós así tamén o consideramos desde sempre- os seus veciños de toda a vida. A amizade que conservamos con el, e el connosco, é imperecedeira e baseada nunha convivencia de irmáns de toda unha vida.
Como especialista na materia, participou na elaboración da Lei do Xogo de Galicia, e fundou a primeira asociación Galega de Empresas Operadores, da que foi presidente durante 12 anos. Foi Vicepresidente do Club Deportivo con José García Pena. É membro fundador da Cofradía Sacramental lucense, e foi Presidente da Peña Amigos de San Roque durante máis de vinte anos.
Pena Souto, político do pobo
No mundo da política, comezou participando a título persoal nas eleccións municipais polo entón chamado tercio familiar. Despois, como militante, primeiro de Alianza Popular, e logo da refundación deste partido no Partido Popular. Foi concelleiro do concello de Lugo desde 1974 ata 2007, participando xa que logo na primeira Corporación democrática. Conviviu con oito alcaldes, e foi o concelleiro que máis tempo permaneceu en activo no Concello de lugo.
Varias veces Tenente de Alcalde, estivo sempre ligado á zona rural, e con tarefas relacionadas con medio ambiente, alumeado ou vías e obras. Foi tamén Síndico do Concello de Lugo.
Foi Deputado no Parlamento de Galicia nas lexislaturas III e IV, sendo membro de diversas comisións e Vicepresidente da de Economía durante oito anos.
Como concelleiro de Lugo, Pena Souto estivo dedicado de xeito prácticamente exclusivo ós temas da zona rural do Concello, sendo mérito seu o sen fin de realizacións conseguidas, case sempre como alentador, moitas veces logrando que os veciños cedesen terreos para apertura ou mellora e asfaltado de camiños que pasaban a ser pistas, sinalización dos pobos, alumeado publico e mellora de electrificación rural. O rural lucense sufríu unha transformación incrible, da que moi boa parte se debe a José Serafín Pena Souto.
Pena Souto, amigo
En Conturiz rendéuselle unha homenaxe popular á que asistiron perto de mil persoas que recoñeceron en Pena Souto o gran traballador polo Rural do concello de Lugo.
E agora, o 14 de novembro de 2009, as súas xentes de Recimil xuntámonos arredor do traballador infatigable que soubo ser sempre amigo dos seus, preocupado por todos, e que no seu traballo deixou sempre moi claro, por encima de calquera ideoloxía, que sabía que o Rural lucense é a nosa procedencia e o noso destino, e el soubo ser imprescindible para o medio rural do concello de Lugo.
Alejandro Fernández Pumariño (No nome dos veciños de S. Lourenzo de Recimil, Lugo)

Pumariño, Alejandro