Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Semana Santa: escola de amor, fe e esperanza

García Cadiñanos, Fernando - lunes, 31 de marzo de 2025
Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Semana Santa 2026

Semana Santa: escola de amor, fe e esperanza
Un ano máis a Semana Santa chama ás portas. Comezamos unha nova oportunidade de celebrar o Misterio Pascual nas nosas igrexas e de prolongalo nas nosas rúas. As rúas dalgunhas das nosas cidades, como Ferrol, Viveiro, Mondoñedo e outras máis, veranse enriquecidas polo paso das procesións que son prolongación do noso culto e o testemuño de vida que se fai cultura e beleza. É momento de agradecer o inmenso traballo que todas as confrarías realizades ano tras ano. A vosa dedicación e a vivencia profunda dos Misterios non é mera tradición, senón unha verdadeira e pública manifestación de fe.

O papa Francisco, cando era aínda bispo en Buenos Aires, deixou escritas estas palabras: «Convídovos, pois, a que saiades ás rúas e acompañedes os pasos de Semana Santa, é unha forma de evanxelizar! A través da beleza plástica das imaxes que reflicten instantes concretos da Paixón, Morte e Resurrección do Señor, estamos a evanxelizar! Por medio da participación activa e ben coordinada nas procesións damos testemuño da nosa fe, unha fe que, imbricada na cultura e na arte dos nosos pobos e cidades, fai que os nosos concidadáns se asomen ao misterio redentor dun Deus que por amor a toda a humanidade, a todos, entregouse no Misterio da Cruz. É necesario saír ás rúas, porque tamén en e por elas transcorren as nosas vidas e quefaceres cotiáns. Tamén no medio delas temos que converternos en testemuñas vivas e valentes dun Cristo vivo».

Pero a Semana Santa é moito máis que a posta en escena dun pasado: é a experiencia presente dun Deus que ama ao mundo ata o extremo de dar a vida. Por iso, anímovos moi especialmente a abordar esta celebración desde a única clave cristiá que lle dá sentido pleno: a fe e a esperanza.

Contemplar o misterio do amor de Deus manifestado en Xesús, que foi pasado pero sempre é presente, hanos de encher de asombro e agradecemento. Este é o inicio do camiño para a fe. Pero tamén nos convida a revisar cal é a nosa resposta a ese amor entregado e como nos move a transformar a nosa vida e as nosas comunidades. A Cruz tamén é motivo de esperanza para un mundo tan ávido dela. Ao mirar ao Crucificado atopamos a salvación. A realidade da dor que atravesa toda a nosa vida, misteriosamente únese a aquela Cruz e atopa nela un raio de luz e de fortaleza. A violencia dos inxustamente masacrados e ajusticiados polo mal que aniña no noso mundo (pensemos nas guerras, nas diferentes violencias, nos desprazados por múltiples motivos...) realmente é iluminada e vencida por aquel xusto ajusticiado. A Cruz é árbore de vida, acubillo de camiñantes, faro na tormenta.

O Crucificado ilumina a nosa vida. Por iso expoñémolo na praza pública. Convídovos a contemplar esta Cruz que nos salva. Que nela, no encontro co seu amor, elevemos a nosa oración por nós e espertemos a unha maior sensibilidade polos crucificados do noso mundo. Porque vivir a Paixón do Señor lévanos a solidarizarnos cos que sofren no noso tempo.

A Semana Santa convértese así en escola de amor, de fe e de esperanza. Contemplar os tronos é contemplar o amor de Deus mostrado en Cristo. Pero tamén é reler a nosa historia e unha provocación para a solidariedade e a cultura do coidado. É acoller a esperanza que nos vén da Cruz. Por iso, convídote a que non quedes no externo. Entra no corazón do Misterio que representan. Dá vida aos sentimentos que te provocan, transforma o teu corazón, a túa mente, os teus xuízos, os teus valores ao paso daquilo grande que contemplas. Só así quedaremos tocados polo Amor que se manifesta na Cruz, e pola vitoria de Cristo sobre o pecado e a morte.

Que vivamos unha feliz Semana Santa.

O voso irmán e amigo,
Semana Santa: escola de amor, fe e esperanza
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol


Imaxe de portada: Roberto Marín - Encontro Diocesano de Confrarías 2025.
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES