Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol aos confrades da diocese
Recibide un saúdo afectuoso:
Gustaríame comezar esta carta traendo á memoria o Xubileu Diocesano das Confrarías que celebramos hai uns meses en Ferrol e que foi unha ocasión preciosa de encontro e de oración compartida. Ver a tantos confrades reunidos lembrounos que a nosa identidade común está por encima de calquera desencontro. Aquela xornada convidábanos a purificar, na vida persoal e na vida das confrarías, aquelas actitudes que non axudan e que poden desfigurar o auténtico espírito confrade.
Como dicía na carta que escribín ao comezo da Coresma, "urxe reconstruír xuntos a comuñón". Porque sabemos que esta é un don recibido, pero tamén unha tarefa compartida. E porque sabemos que, tamén nas nosas propias confrarías e entre irmandades, introdúcense as tentacións de egos que procrean desencontros e divisións. As lóxicas diferenzas que existen han de encaixarse con ese espírito sinodal ao que a Igrexa nos convida: "camiñar xuntos". Non podemos permitir que as diferenzas pesen máis que aquilo que nos une na fe.
Sabemos que neste camiñar hai decisións complexas que afectan a persoas concretas e que poden producir inquietude ou dúbidas. Neses momentos, necesitamos oración, paciencia e apertura ao diálogo sereno que axuda ao discernimento, evitando xuízos precipitados ou confrontacións que non edifican. Necesitamos caridade. A madurez cristiá demóstrase precisamente na maneira de afrontar os momentos delicados. A miña primeira invitación é, por tanto, a cultivar a comuñón como testemuño que ofrecemos no noso mundo polarizado.
Convídovos tamén a ser conscientes da forza da piedade popular da que sodes expresión. No medio dunha sociedade onde a secularización avanza con rapidez, as nosas confrarías seguen sendo un dique que preserva a memoria crente do noso pobo. Na nosa diocese, esta relixiosidade alcanza unha intensidade singular na Semana Santa de Viveiro e de Ferrol, pero tamén latexa con forza noutros recunchos como Mondoñedo, Burela, Ortigueira, Ribadeo e tantas comunidades onde a devoción vívese con sinxeleza e fondura. Lémbrovos que vós sodes parte viva e visible desta Igrexa diocesana.
Alégrame e paréceme un reto para a nosa Igrexa comprobar que moitas persoas -tamén novas- achéganse ás irmandades buscando algo máis que tradición ou estética. Buscan sentido, pertenza, protagonismo e raíces. Atopan nas confrarías un espazo onde a fe faise visible, onde a beleza conduce ao Misterio e onde a fraternidade ofrece un fogar espiritual. Esta realidade interpélanos a todos. Cando unha confraría é escola de fe e espazo de servizo, convértese verdadeiramente en ámbito de evanxelización.
Sabedes que ser confrade é un estilo de vida. É vivir o bautismo desde unha pertenza concreta á Igrexa, deixando que o Evanxeo modele as nosas actitudes. Iso implica aprender a dialogar, a escoitar, a corrixir e a deixarnos corrixir; implica aceptar que non sempre temos toda a razón; implica, sobre todo, poñer por diante o ben común e a caridade fraterna.
Por iso, na alma confrade están presentes dimensións esenciais da vida cristiá: a devoción sincera a unha advocación que acompaña a oración diaria; a experiencia de fraternidade concreta nunha irmandade onde ninguén debería sentirse estraño; a formación que ilumina a intelixencia e fortalece a fe; e o compromiso caritativo que se traduce en xestos reais cara a quen máis o necesitan. Cando algunha destas dimensións perde forza, a vida confrade pode empobrecerse e centrarse excesivamente en aspectos organizativos ou externos. Anímovos, por tando, a coidar o esencial, para que todo o que facemos brote sempre do Evanxeo e conduza a el.
Son consciente e valoro tamén o coidado que facedes do patrimonio. As imaxes, os pasos, os avíos, os templos e santuarios que custodiades non son simples bens culturais. Son expresión visible da fe de xeracións que nos precederon. Por iso é belo coidalo. Pero non esquezamos que o patrimonio máis valioso é a comuñón entre nós.
Durante estes días revestirédesvos co hábito. É signo de identidade, de penitencia e de pertenza. Pero de pouco serviría vestir unha túnica impecable se o corazón déixase arrastrar pola murmuración, a rivalidade ou a desconfianza. O hábito exterior ha de ir acompañado do hábito interior da virtude. A credibilidade do carisma confrade non se xoga só na beleza externa, senón na coherencia cristiá.
Queridos amigos: non quero rematar sen convidarvos a vivir estes días santos desde a fondura da liturxia do Triduo Pascual, que dá sentido pleno ás expresións externas de devoción. Anímovos a participar con fe na eucaristía, especialmente na Vixilia Pascual; convídovos a participar no sacramento da reconciliación que, sen dúbida, faranos moito ben porque o perdón recibido poderémolo ofrecer; convócovos a deixar que a Palabra, no silencio, ilumine o noso discernimiento.
Que estes días santos nos axuden a responder os desexos profundos do noso corazón e a fortalecer a fraternidade. Que acompañando ao Señor no seu Misterio de Amor, nos renovemos e sexamos capaces de custodiar o esencial: unha fe viva, unha comuñón sincera e unha esperanza que non se apaga. Esa vivencia que non se garda co hábito na tarde da Pascua de Resurrección senón que se prolonga como eco cada domingo do ano.
O voso irmán e amigo,

+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
Portada: Junta General de Cofradías de la Semana Santa de Ferrol