Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre unha exposición de Lázare

viernes, 13 de noviembre de 2009
Sobre unha exposicin de Lzare Na sala de arte da Deputación Provincial de Lugo, está aberta agta fin de ano unha exposición de Jesús López Lázare, Lázare para a arte e para o mundo. Toda exposición é unha aventura, aínda que esta non se viva nunha selva –habería que ver como se pode xulgar a sociedade actual- nin comporte os perigos físicos que calquera expedición arriscada leva consigo. Pero calquera apertura da alma dun artista diante do público é unha aventura con riscos innegables. Desta, eu sei que Lázare vai sair con ben; con moito ben.

Lázare, parco en palabras, sumamente expresivo con lápiz e pincel, encargome que falara por el no acto de presentación, cousa que sempre é de agradecer pola confianza que supón fiar da miña palabra para falar por el.

Lázare, naceu en Lugo hai corenta e nove anos; fíxose pintor pintando para encontrarse a si mesmo, refacéndose como pintor na escola de Artes e Oficios Artísticos que leva en Lugo o nome de Ramón Falcón.

Certo que as súas obras non son descoñecidas dos lucenses e desde que ós dezaoito anos amosou os seus xuvenís traballos na Aula de Cultura da Deputación ata agora, leva desenvolvida unha traxectoria calada, humilde, de pescuda no mundo da arte, que culmina no momento en que se somete ó xuizo dos lucenses os seus últimos pasos, definitivos neste momento, que prometen moito máis para o futuro. Titula esta comparecencia “Memorias 1994-2009”. E eu entendo que é un “Suma e segue” nun camiño que Jesús López Lázare está recorrendo imperturbable coa precisión dun desfile militar, e coa seguridade do que sabe cara a onde camiña e todas as dificultades que o camiño lle vai presentando.

De Lázare como persoa atráeme o seu habitual silencio, a modestia e a timideza. Porque é das persoas que se manifestan de xeito especial a través dunha obra luminosa e expresiva. Que agora comparte cos lucenses ata o remate de 2009 nesta magnífica sala de arte que honra ó pazo provincial e prestixia ós artistas que nela expoñen.

Aurelia Balseiro, Directora do Museo Provincial, di que os retratos de Lázare son “retratos con alma”, que “teñen a forza na mirada” e augura que as imaxes provocarán “no espectador preguntas e respostas” e tamén “misterio e reflexión”. Comprobei que era verdade, porque eu fun a esa sala de arte antes da apertura da exposición, e notei esa mirada. E a pesar de que non había ninguén vendo unha mostra aínda non aberta, eu notei que non estaba só, que eu miraba as obras, pero tamén as obras me miraban a min. Tiñan vida e esa vida estaba pendente de min, como preguntándome que facía eu aquí, nunha exposición nonnata, como espiando con quen sabe que intención.

E quen máis atentos notei á miña presencia extemporánea foron os debuxos do fondo, de maiores e nenos especialmente. Os nenos e nenas dos debuxos, teñen vida, esa vida especial que da o ter perdido a inocencia a forza de golpes, o de ser maiores antes de tempo, o de saber demasiado cedo dos misterios e das desgracias dun mundo inxusto. Pola súa parte, os vellos de Lázare teñen esa especial vida que dan os anos, e resultan estar -como cantaba en tempos Patxi Andino- “con toda la mar detrás”.

Andando entre os óleos, sempre contemplado por eses ollos vivos, fixeime nos cadros e nas referencias que o autor pon medio escondidas para que non quiten protagonismo ás imaxes... Pero chaman a atención títulos como “Engañosa quietud”, “propuesta de poesía y angustia”, “Emoción serena” ou “creador de sueños”. Ou “Donde estás, Señora mía, que no te duele mi mal”. E sempre as miradas. Pero tamén os rostros tapados ou medio escondidos, que sen embargo teñen a viveza do curioso que está máis vivo canto máis atento. Como se o ver -o primeiro dos sentidos- fose o máis importante da vida.

E sempre, Exipto aparecendo na súa obra... Desde moitos dos seus cadros, corenta séculos nos contemplan a través dos símbolos, das pegadas dunha civilización misteriosa que segue a ofrecernos milleiros de misterios. Lázare, por agora, aínda non estivo en Exipto. E, sen embargo, Exipto está nel.

En fin, que aí tedes a Lázare. Que eu non son ningún especialista en pintura senón un falador que estima ó pintor e á súa pintura, e que puido contemplar en soedade unha mostra histórica. Histórica para o pintor e para todos os que saiban achegarse a ela cos sentidos abertos, cos sentidos da alma que son moito máis sensibles ca os do corpo, aínda que en moitos aspectos coincidan.

Lázare agarda moito desta mostra, que se celebra tres décadas despois daquela exposición xuvenil na mesma casa. E ten dereito a agardalo. E pode agardalo porque seguro que os lucenses saberemos ser sensibles á sensibilidade da súa expresión pictórica.

E se calquera día é perfecto para ver esta exposición, eu aconsello, e falo por experiencia, que a vexades calquera outro día, cando non haxa moito apuro, para contemplar en soedade debuxos e cadros, que seguro se expresarán moito mellor e dialogaredes amistosamente.

Se vos fixades en Lázare, pareceravos que está completo, enteiro, cabal. E sen embargo, eso só ocorre co físico. Porque a alma tena repartida ou compartida. E cada unha das súas obras é un anaco desa alma, con vida propia, disposta a conquistarvos, a falar e a quedarse convosco.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES