Bendito sexas sempre, Xesús
Miguélez, Xosé Antón - domingo, 29 de marzo de 2026
DOMINGO DE RAMOS (A): PAIXÓN DE NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO SAN MATEO: Mt 26,14-27,66
Tomade e comede, isto é o meu corpo ( Mt 26,26
Pedro xuraba: Eu non coñezo ese home (Mt 26,72)
Xesús clamando con voz resoante entregou o espírito ( Mt 27,50)
BENDITO SEXAS SEMPRE, XESÚS MEU DEUS QUERIDO, IRMÁN E SALVADOR
¡Cantas pasaches
Xesús amigo!
¡Canto sufriches
nesa horrible paixón
de abandono e mal trato,
de tortura e traizón!
¡E como resistiches
fiado en Deus amor,
no Pai que te acompaña
nesa entrega valente
de irmán liberador!
Por fin rachou o vélo,
que agachaba o misterio,
achegado e oculto
de Deus no vello templo,
que xa periclitou.
Por fin podemos velo,
en ti, que es claro día,
en ti misterio aínda
dun amor servidor,
en ti, que es templo santo,
da súa encarnación,
da presencia que salva,
connosco compartindo
o cotián lusco-fusco,
e esa dor máis salvaxe
revestida de tebras
que a ti te golpeou.
Ao pasar ti por elas,
deches luz de esperanza,
a esa vida máis plena
dos amores medrados,
que nesta sementamos,
e dan resurrección,
co perdón que acollemos
e que contigo damos,
Xesús, mártir valente,
fonte de luz perenne
e vencedor grandioso,
do máis abxecto mal.
Ti fuches o máis libre
(malia te veres preso
no máximo abandono)
sen deixares de crer,
sen deixares de amar,
sen deixares de ser,
irmán e redentor,
con toda a túa vida,
de tantos profanados,
irmás e irmáns prezados...
E tantos desalmados,
valiosos para Deus,
que en ti foron mallando
en aquela ocasión,
e que hoxe continúan
-máis ben continuamos-
con abuso e tortura,
a mancar corpos teus,
corpos contigo herdeiros,
de alegría e tormento,
de morte e sepultura,
que contigo esperamos,
porque es compasivo,
teñan parte tamén,
da túa redención,
rescatando esas vidas,
deses irmáns máis feros
na nova creación...
¡Bendito sexas sempre,
Xesús meu Deus querido,
irmán e salvador!
¡Apertas de domingo!
(Xosé Miguélez é párroco de Vilamova de Lourenzá)

Miguélez, Xosé Antón