O Infante Felipe
Que un fillo do rei estivese preso na fortaleza de Vilalba a finais do século XIII foi asunto arquetípico e paradigmático de conspiracións e enredos nobiliarios onde se mesturan todo tipo de ambicións.

O asunto foi así. Sancho IV de Castela e a súa esposa, tamén tía del, María de Molina tiveron sete fillos e fillas. El, que morreu en 1292, era fillo de Alfonso X, e segundo as leis promulgadas polo rei Sabio, correspondía que o fillo maior do matrimonio, Fernando, de só sete anos, herdase o trono. Un irmán de Sancho IV, o infante don Juan, opúxose ao sobriño por considerar que era fillo ilexítimo ao non ser válido o matrimonio dos pais por non contar coa necesaria despensa eclesiástica de parentesco no momento de casar. O infante don Juan, aspirando ao trono, buscou apoio nos reinos de Aragón e Portugal e tamén dalgúns nobres, entre eles o de Rodríguez de Castro, poderoso señor de Monforte e marido de Violante Sánchez de Castela medio irmá dos fillos de María Molina porque era filla por fóra do matrimonio de Sancho IV.
Así as cousas, María de Molina, para defender os dereitos do seu primoxénito, o futuro Fernando IV, enviou a Galicia o tamén infante Felipe, neno duns cinco anos, co nomeamento de pertigueiro maior de Galicia. Viña acompañado de tropas ao mando Alfonso Suárez de Deza.
Nun primeiro enfrontamento Rodríguez de Castro logrou capturar o infante Felipe e prendeuno na fortaleza de Vilalba, onde debeu permanecer dous anos. Logo, reforzadas as tropas de Suárez de Deza e considerando don Juan que as súas pretensións xa non contaban cos apoios necesarios, Rodríguez de Castro foi vencido, liberado o infante Felipe e Fernando IV reinou baixo a tutela da súa nai.
Sobre este episodio o escritor vilalbés Manuel Mato Vizoso escribiu a finais do século XIX un pequeno drama, un apropósito aínda hoxe inédito, no que reflexiona sobre dilemas que son eternos: a solidariedade familiar, a lealdade, as ambicións polas riquezas, o poder polo poder, as ansias de ser servido...