Chegan os Andrade

Como remataron as obras de reparacións da torre do castelo de Vilalba, o curioso viandante, observando a obra feita, pensa na conveniencia de poñer en orde o que a Historia documenta de tan emblemático monumento.
Ante todo reflexiona sobre o feito de que lugares e monumentos quedan en nada de non coñecer as persoas que os habitan.
Logo conclúe que neste lugar convén recordar os protagonistas que estiveron ligados a Vilalba e ás súas fortalezas.
A referencia primeira ven sendo aos Andrade, escudeiros que, a inicios do século XII, iniciaron unha saga protagonista de feitos relevantes na Historia de Galicia.
Aqueles Andrade foron os chamados Athánidas por ser Athán Froilaz o primeiro documentado, contemporáneo de Pedro Froilaz da poderosa casa de Traba no golfo Ártabro. Era mediado aquel século no que se documentan patronímicos repetidos durante trescentos anos na liñaxe, son os Fernán Pérez e os Pedro Fernández.
Por certos privilexios outorgados polos reis e achegados pola forza das armas, a finais do século XIII o castelo de Vilalba estaba en mans da poderosa casa de Lemos.
Era o seu titular Rodrigo de Castro casado con Violante Sánchez de Castilla, filla de Sancho IV e da súa amante María de Meneses.
O que pasou daquela, por ser asunto de enredos familiares, intrigas, conspiracións e ansias de poder, recordarémolo máis adiante e explicaremos a razón pola que a fortaleza de Vilalba foi presidio dun fillo dun rei sendo el neno.