Alonso Montero e o poeta e político galeguista Cabada Vázquez
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 01 de abril de 2026
Deixounos hai pouco, o 26 do febreiro pasado, quen cos seus 97 anos ben levados semellaba aspirar a ser inmortal antes de poder selo de verdade tralo seu pasamento ó mundo dos inmortais. Alonso Montero pertence agora ó selecto grupo dos que vivirán para sempre na lembranza agradecida de cantos xurdan neste mundo tras del.
Pois ben, dado que Alonso Montero tivo abondo que ver coa miña dedicación literaria a temáticas relacionadas dun xeito ou doutro con Galicia, síntome na obriga de lle dedicar alomenos unhas liñas para así deixar testemuño escrito do meu agradecemento. Foi efectivamente en certa medida por medio del como cheguei a degustar dos tesouros agachados desta miña lingua, durante séculos postergada e discriminada. Era, si, a miña lingua, mais reducida ou limitada entón drasticamente ó ámbito familiar e veciñal, allea en calquera caso a calquera modo de oficialidade e dignidade tanto a nivel eclesiástico como oficial ou civil.
Pois ben, na nosa casa familiar había un libro co título de "Vagalumes. Verso Galego", escrito por Xosé Ml Cabada Vázquez, que resulta que era irmán de meu pai. Así pois, pasada a miña infancia e despois de moito tempo vivindo fóra de Galicia, tanto en terras de Castela coma noutros países europeos (Austria e Alemaña de maneira especial), acostumaba visitar, case sempre fuxidiamente, os meus eidos familiares. Foi así como pouco a pouco cheguei a tomar unha decisión fundamental. Era cara ó final dos anos sesenta do século pasado cando iniciei a miña docencia universitaria en Madrid. Viviamos aínda daquela nunha ditadura, mais os decisivos cambios eclesiásticos coa eclosión do Concilio Vaticano II e o seu inevitábel influxo na política interna española permitían presaxiar cambios sociais e políticos importantes. A aludida decisión foi en realidade asentándose en min desde experiencias centroeuropeas en relación co uso das linguas. En consecuencia, a miña propia lingua galega debería facerse respectar alomenos en canto de min mesmo dependese. A tarefa era, pois, aprender de novo a falala, escribila e así descubrir os tesouros, inéditos tantas veces, da mesma.
Pois ben, é xustamente aquí onde xorde alguén que leva o nome de Xesús Alonso Montero, que coa súa presencia inculturadora se convertería en guieiro fáctico meu, xustamente ademais en relación con alguén que resultaría ser familiarmente moi próximo a min. Alonso Montero acadou achegarse así, lúcido e pioneiro, ó libro Vagalumes e a outros escritos do meu tío, editando así no ano 1989 a edición facsímil do ano 1931 e abrindo así o meu camiño ás dúas posteriores investigacións miñas sobre o poeta e político estradense, publicadas pola miña parte con non pouco esforzo e dedicación, no ano 2001: Xosé Manuel Cabada Vázquez. Obra Completa. Poemas e outros escritos e Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936). Só así puideron os estudosos da literatura galega e da política galeguista prefranquista dispoñer de información ampla e suficiente sobre alguén, Xosé Manuel Cabada Vázquez, que na súa curta vida tanto fixo a prol de Galicia desde o punto de vista literario e político.
A edición de Vagalumes de Alonso Montero leva como título: Xosé Manuel Cabada Vázquez: O home e o poeta (Cronoloxía, estudo e bibliografía) [Prólogo á edición facsímil de Vagalumes, 1931]. Cómpre indicar tamén que a esta edición precede unha Presentación escrita por Alfonso Varela Durán, en nome da Asociación de Fillos e Amigos da Estrada, que conclúe deste xeito: O que si temos que dicir é que a reedición deste libro foi posible gracias á xenerosidade da Caixa Amiga, A Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, que demostrou unha vez máis a súa inquietude pola proxección da cultura da nosa terra e da que é Presidente un ilustre estradense, o Doutor D. Manuel Campos Villarino, e Director D. Carlos Velasco Garrido [...] Tamén quero subliñar o apoio que encontramos nos familiares de Cabada Vázquez, que nos deron a nós e ó autor do prólogo toda clase de facilidades e ó mesmo tempo brindáronnos a súa amizade.
Pois ben, esta edición facsímil foi presentada na Estrada o 24 de xuño de 1989. Pola miña parte teño que engadir que posibelmente non tería eu dedicado tanto esforzo á pescuda en moi diversos sitios sobre os escritos e actuacións tanto culturais como directamente políticas en relación, por exemplo, coa fundación do Partido Galeguista -na que interveu directamente Xosé Manuel Cabada Vázquez, algo que por entón Alonso Montero descoñecía- se este previamente non se tivera ocupado de realizar as súas primeiras tarefas, por limitadas que estas fosen, de abrir o camiño cara a elas. Eis xustamente a razón deste quente agradecemento a el, tal como pola miña parte quero formalizar neste curto, mais obrigado, escrito. De feito eu mesmo en diversos momentos da miña publicación Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936) non deixei de aludir en diversas notas a pé de páxina (notas 3 a 7, 26, 179, 298, 345) a esta relevante edición facsímil de Alonso Montero, sobre a que penso que continúa a ter importancia en relación cun coñecemento axeitado e completo da importancia do escritor e político estradense de Codeseda.
*******
Aproveito seguidamente para incluír aquí algúns escritos procedentes da nosa mutua relación, por se a algún curioso lector lle puidera interesar:
-- 28 febreiro 2012
Xesús Alonso Montero
Rúa Sanjurjo Badía, 159, 2º H
36207 VIGO
Benquerido amigo:
Hai algúns días comentoume meu irmán Adolfo que se atopara contigo e que che falara dun pequeno artigo que publiquei hai pouco na revista Encrucillada sobre o noso admirado Seixas. Díxome que lle deixaras o encargo de transmitirme os teus desexos de ter unha copia dese meu artigo [Falando con Deus. Texto inédito do Padre Xaime Seixas: Encrucillada. Revista Galega de Pensamento Cristián, nº 175, novembro-decembro 2011, pp. 75 (555) - 88 (568)]. Pois ben, aquí cha mando, aínda que tardei algo, ata hoxe, en facelo. Como verás, non fago senón unha moi curta presentación do escrito de Seixas. Sorprendéranme esas páxinas de Seixas e pensei que podían valer para que tamén outros as puidesen ler, sobre todo quen coma ti o coñeciches e, segundo coido ter lido nalgún escrito teu, experimentaches incluso persoalmente a súa bondade. Eu só gardo recordo de entre os anos cincuenta en Salamanca cando el traballaba alí con grupos obreiros. Sempre me chamou a atención o seu modo espontáneo, aberto e informal de ser e de comportarse. Por todo iso, estou a ver se lle dou forma a un escrito sobre el que ó mellor podería publicarse en forma de libro. Como creo que che comentei cando nos vimos aquí en Vigo con motivo do falecemento de Fernández del Riego, somos agora case veciños, pois vivimos ámbolos dous na mesma rúa de Sanxurxo Badía (polo menos mentres non me destinen a outro lado). Non chega aínda a ano e medio o tempo que levo vivindo aquí e estou pouco a pouco acostumándome a vivir por aquí despois de máis de corenta anos de permanencia en Madrid. Espero que te defendas da gripe e que sigas con tan boa forma como a que me comentou meu irmán Adolfo cando te viu hai pouco. Un moi cordial saúdo e unha aperta.
Manuel Cabada Castro
Rúa Sanjurjo Badía, 79.
36207 VIGO
-- 22 xaneiro 2016:
Reproduzo seguidamente o xeneroso comentario publicado por Alonso Montero en La Voz de Galicia, Fugas. Suplemento de Ocio y Cultura no 22 de xaneiro do 2016 sobre unha publicación miña do ano anterior, ó que el lle deu o título de A lingua dos predicadores xesuítas. Eis o seu intelixente comentario:
A Orde de San Ignacio de Loyola, a Compañía de Xesús, ten sona nos tratados de oratoria pois foron os xesuítas teimudos e eficaces predicadores en terras moi distantes, sen excluírmos Galicia. Nun recente libro de Manuel Cabada Castro publícanse textos de Memorias e Informes que contan a experiencia dos frades xesuítas como protagonistas de misións populares na Galicia do XIX e do XX. Titúlase o libro de Cabada Castro Crónica de un encuentro cultural. Análisis antropológico de las misiones populares jesuíticas en Galicia (Madrid, Universidad Pontificia de Comillas, 2015). O autor, que é xesuíta, amósase bastante crítico co labor dos misioneiros. Xa é significativo que o último capítulo desta monografía se titule Deficiente inculturación de los misioneros poulares en la realidad gallega.
Para redactar esta crónica e esta análise Cabada Castro consultou un número moi elevado de informes obrantes nos arquivos da Compañía de Xesus. No presente volume reproduce textos moi reveladores da realidade antropolóxica galega da segunda metade do XIX e décadas posteriores. O autor repara, dun xeito moi especial, nos informes nos que se fai algunha referencia á lingua dos aldeáns aos que se dirixían as prédicas dos misioneiros. Son breves e moi escasas pero de notable interese. Centradas, no esencial, as misións, no medio rural galego -que era galegofalante-, os xesuítas empregan sistematicamente o castelán, lingua de púlpito e lingua -pensaban eles, supoño- que, no esencial, entendían os seus catecúmenos.
O 13 de 1875, en Santa Marta de Ortigueira, un home de cincuenta anos, que levaba vinte sen confesar os seus pecados, de xeonllos ante o confesor, recoñeceu en dialecto galego: Señore, eu son un animal... Paréceme que son condenado (o memoralista non reproduce o texto con fidelidade). En opinión do autor do informe, este foi un dos episodios que suscitou la hilaridad dos misioneiros.
Doutra entidade é o feito acaecido en Fragas (Campo Lameiro) o 18 de agosto de 1897. O informante relata: Se leyó por vez primera el examen de conciencia en gallego... La lectura duraría cinco minutos [...] No faltó una persona que debió a la lectura en su lengua nativa confesarse de pecados en que no había nunca reflexionado.
No autor desta excelente monografía, esta insólita praxe idiomática suscita unhas palabras, moi razoables, de recoñecemento. Agora el e Xesús Ferro Ruibal terán que investigar non pouco para atoparen o texto galego dese exame de conciencia.
-- 25 xaneiro de 2016
Xesús Alonso Montero
Presidente da Real Academia Galega
Rúa Sanjurjo Badía, 159, 2º H
36207 VIGO
Benquerido amigo:
Só quero agradecerche moi de veras a atención e as loas que lle dedicaches o día 22 pasado ó meu escrito sobre as misións xesuíticas en Galicia, tal e como me anunciaras ó vérmonos xustamente o día anterior na Casa do Libro. Dado o escaso coñecemento ó que en xeral están condenados este tipo de libros, o feito de que publicases a túa xenerosa recensión do mesmo é para min un honor que non merezo. Moitas grazas, pois.
Esperando que sigas traballando con tanto entusiasmo e xenerosidade coma sempre pola dignificación da nosa lingua e cultura, deséxoche todo ben neste ano novo que hai aínda pouco comezamos.
Un moi cordial saúdo e unha cordial e agradecida aperta.
Manuel Cabada Castro
Rúa Sanjurjo Badía, 79.
Apartado 4050
36207 VIGO
--10 de febreiro de 2017
Xesús Alonso Montero
Presidente da Real Academia Galega
Rúa Sanjurjo Badía, 159, 2º H
36207 VIGO
Benquerido amigo:
Lin o día 20 de xaneiro pasado na Voz de Galicia un dos ben belos Beatus qui legit que publicas dende hai tempo. Esta vez era sobre Evaristo González Fernández. Ó me atopar pouco despois do principio coa palabra Marquain quedei pensando. É unha palabra que teño oído moitas veces de cando os xesuítas foron expulsados de España pola República e moitos deles continuaron os seus estudos en Bélxica, concretamente en Marquain. Entroume a sospeita de se ó mellor Evaristo tiña que ver algo con isto. Pois ben, ti falas de que Evaristo despois do Seminario de Tui estudara tamén no de Marquain. Polo que acabo de ver, non se trataba dun Seminario, senón dunha casa onde vivían un bo grupo des xesuítas españois expulsados e Evaristo marchou alá para entrar alí como xesuíta, como facían tamén outros mozos que pensaban ter vocación. Esta tarde dediqueime a follear nos vellos Catálogos dos xesuítas daqueles anos e atopeime efectivamente co que sospeitaba. Como non sei se tes este dato, comunícocho por se che interesa. No Catálogo da provincia xesuítica chamada de León (agora é unha única provincia: España) de 1933/34 aparece Evaristo González (non figura o seu segundo apelido) como nacido o 2 de marzo de 1917 (trátase polo tanto da persoa da que falamos), indicándose alí que ingresou o día 6 de outubro de 1933 (tiña polo tanto 16 anos) como novizo da Compañía de Xesús en Marquain (Bélxica), con domicilio neste enderezo: Château Duray - Marquain - (Haïnaut). No Catálogo do ano seguinte (1934/35) continúa como novizo no mesmo sitio. Nos Catálogos dos anos seguintes xa non aparece. O que vén indicar que xa non fixo os votos xesuíticos que se fan normalmente ó final dos dous anos de noviciado. Non hai data concreta do día en que saíu do noviciado. Sería seguramente antes de cumprir os dous anos de noviciado.
Unha cordial aperta
Manuel Cabada Castro
Rúa Sanjurjo Badía, 79.
Apartado 4050
36207 VIGO
N. B.: Cómpre aínda indicar que sobre o nesta carta comentado directamente a Alonso Montero publiquei algúns días despois no xornal Atlántico (24 de febreiro deste mesmo ano 2017) un artigo de opinión que leva como título A formación xesuítica de Evaristo de Sela.

Cabada Castro, Manuel