Para subir ao Ceo hai que ir de cara, e con humildade, pois de cu non vemos as consecuencias dos nosos pasos..., e tropézase nada máis romper a camiñar pola vida.
¿Está lonxe o Ceo? ¡Para os soberbios, si! Só hai dez chanzos, dez mandamentos, pero Deus tira de nós para arriba, e o diabro para abaixo, así que todo depende de a cal lle demos a nosa man; séxase, cara a onde miremos. ¡O de sempre: cuestión de medidas!
Nunha ocasión dixen que hai once; ¡si, once, pois á marxe dos dez, ou como complemento deles, está o de resarcir polos danos causados! O camiño do Ceo évos precioso; ¡canto máis repaso nos Evanxeos máis seguro o teño! ¿Pero, señor Xosé María, aínda así dubida? ¡É que tamén teño libre albedrío, e pásame o que á Avoa: quero máis! A miña esperanza está en que rezo tódolos días..., "...non nos deixes caer na tentación, e líbranos do mal. Amén!". Teño que vacinarme, teño que volver a Marcos 8:34, 38, que lle oíu dicir ao Mestre: "-Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perde a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. Pois, ¿de que lle serve o home gaña-lo mundo enteiro, se perde a súa vida? Porque quen se avergoñe de min e das miñas palabras , nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o Fillo do Home se avergoñará del cando veña na gloria de seu Pai, entre os santos anxos".
¿Avergoñarse das palabras de Cristo, avergoñarse da verdade? ¡Deus nos libre de tal!
Tivemos un Mestre que nos ensinou a medir, pero tamén unha Mestra, que nos predicou con humildade divina: "Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches". (Lucas 1: 38). ¡Que ben o entendeu o arcebispo Santiago Agrelo para dicir, no seu artigo "Fijos los ojos en el Cielo", publicado en Galicia Digital: "... Comulgar y caminar, como la Virgen María, la más pequeña entre los humildes, la más de todos entre los necesitados, la más de Dios entre los hombres"!
-.-
Dereitas ou esquerdas? Votar, ou botar?
O ideal, o perfecto, sería votar ao final de cada lexislatura, con toda a documentación examinada, pero isto é unha utopía, un imposible, así que, ante o irremediable, encomendarse a Deus!

Eu tiven na familia, aínda que non o cheguei a coñecer, un semideus: ¡Nicolás Salmerón y Alonso, sogro de miña tía-avoa Hortensia Ramona Lombardero San Miguel, aquí enterrada, neste panteón do Cemiterio Civil de Madrid, onde só podíamos ir a rezar en presencia unha vez ao ano, o Día de Defuntos; tíñao prohibido Don Francisco! Lóxico: Un matón escandalízase de que alguén mate, ou deixe matar, ou mande matar, salvo que se apelide Franco!
¿Semideus? Só alguén que así fose, alguén con tales virtudes, naqueles tempos, deixaría o poder..., ¡por negarse a firmar sentenzas de morte, un precedente do que pouco se leva falado!
-.-
O Estado ideal?
¿Houbo algún, tivemos algún? ¿Listas abertas, ou cerradas? ¡Moito lle debemos a esa Institución, a esa Constitución, pero aínda admite melloras! ¿Acaso con listas abertas...? As dúas teñen vantaxes e inconvenientes, así que será cousa de inventar unha terceira fórmula para que podamos sentirnos, estar, mellor rexidos e mellor representados. ¡Que nos representen os mellores, os superdotados, os honestos, eses de conciencia recta e madura..., que habelos hainos, pero, non son, non somos, doados de coñecer a priori! ¡Deus, querido Xesús, querido Mestre, xa pasaron vinte séculos, e aínda estamos verdes; axúdanos a madurar coa fraternidade, coa calor da túa verdade!
Certo é que o mellor escribán pode botar un borrón, pero..., se para todo se precisa un noviciado, para político farían falta tres carreiras: Socioloxía, Económicas, e ..., votos! Pero que sexan os votos deles, antes cós nosos, prometendo o xurando que nos van facer leis xustas, xustas e prudentes. Igual que Salmerón deixou o poder por negarse a firmar sentenzas de morte, se os de agora non están dispostos a ser exemplares, que se vaian tamén, que emigren, ou que se dediquen a representar comedias, xa que esa vén sendo a especialidade de moitos, en tódalas razas, en tódolos países.
Esta terra, esta onde desembarcou Noé, (Noia), está tan ben situada, nesta encrucillada

de rutas, tanto, que resultou apetitosa para ducias de razas, para ducias de pobos, así que as consecuencias á vista as temos: un cóctel racista, e por tanto ideolóxico, que nin os vinte séculos do cristianismo foron capaces de moderarnos, de compatibilizarnos. ¿Cantos faltan...? ¡Isto hai que preguntarllo a Deus!
Mentres agardamos pola madurez, nin os agora chamados hispanos, nin os sucesivos gobernantes, foron, nin son, capaces de lexislar a gusto de todos; así que, entre os seus fallos, e maila nosa diverxencia, unha torre de Babel, outra!
Aló na Idade Media os guerreiros seica lle pedían ao Boanerges, ao Fillo do trono: "¡Santiago, cerra, pecha España!". ¿Para que, para que non viñesen máis, ou para que se fosen os intrusos?
¡Intrusos, ou fillos de intrusos, éramos todos, coa excepción dalgún cavernícola, e para iso..., ¡cavernícula!
¿Que tivemos malos gobernantes? Pero, mereciámo-los mellores? ¿Queredes probas? ¡Pois botádelle unha ollada aos países por nós conquistados, colonizados, ¿civilizados? En América os ingleses, como a súa illa era pequeneira, mataban indios para amplia-la tenza; ¿e nos, que? ¡Ademais de fornicar, mestizaxe, roubar; non si, querida Torre del Oro? ¡E todo iso iniciado, propiciado, baixo os auspicios dunha raíña que se tiña por católica! Seica a queren canonizar... ¡Pois iso sería o colmo de tódolos colmos!
Coido que os fillos aínda non verán a maduración desta civilización peninsular tan esperada, tan esperada e tan necesaria; ¡a ver se os netos...!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.