Puntos de apoio mental
E non só estes, pois nos Evanxeos temos un almacén de muletas, que nos axudarán a camiñar dereitos..., con tal de que así queiramos facelo!
Se fallamos en recoñecer o honor que lle debemos a Deus pola súa paternidade divina, isto levaranos directamente ao camiño da rebelión. Así, se a Eva e mailo seu Adán fosen agradecidos, máis agradecidos que soberbios, por moito que lles soprase o diabro non estarían tan propensos naquela gravísima debilidade. Por moito que os provocase o anxo rebelde, diríanlle: Temos moito recibido, e todo gratis, que só se nos puxo unha condición, e para iso elemental, pois temos de sobra co resto do Edén. Non lle aceptamos este xogo, esta lotería, antes de ver as bolas, que aínda non son tempos do Straperlo; e a onde non cheguemos, para iso está o Creador, que lle podemos preguntar; El, se o ten a ben, xa nos dará as explicacións do caso. Por se isto fose pouco, señor Tentador, saiba que entrar no prohibido é roubar, roubar ao Xefe da nosa Empresa, facerlle a competencia. Máis é, que se ti, esta besta que nos fala, te levases ben co Creador arestora non estarías arrastrándote polo chan, e de paso que pasas, de paso que te arrastras, estás invitándonos a unha sublevación. ¡Maldita sexas, serpe do diabro, que nos vés con consellos máis propios dunha serpe que dun anxo!
A situación estaba clara, pero a maldita soberbia, a ambición desmedida, cegounos!
Mirade se é desgraciado ese tentador, ese rebelde, ese sublevado, que, non contento coa fraxilidade daquela parelliña, volve ás andadas con nós, cos netos da Eva, que incluso se atreveu co Fillo de Deus feito Home. (Mateo, 4: 1, 11; Lucas, 4: 1, 13; etc). ¡Cave ne cadas! Xa nolo aconsellou Xesús cando nos ensinou a rezar, a pedir: ... non nos deixes caer na tentación... ¿Temos libre albedrío, seguimos téndoo? ¡Daquela escollamos o bo, pero fagámolo con humildade e con agradecemento!
«El libre albedrío, aunque hace posible el mal, es también lo único que hace posible cualquier amor, bondad o alegría que valga la pena tener». C.S. Lewis.
Se nos paramos a ler o que opinan os teólogos, ¡os estudosos da verdade!, atoparemos un rosario de luces deste tipo:
Ese monstro, ese rebelde incansable, sempre está buscando a maneira de roubarnos o noso sentido da dignidade, coas mesmas malas artes que utilizou coa avoa, con Eva. Daquela, ¿por que nos estraña a caída da avoa xa que con nosoutros obra coas mesmas malas artes, e tamén picamos, e tamén caemos? ¡Veña renegar da Avoa, século a século, e en lembranza dela, da súa debilidade, abusando das outras mulleres, pero o Adán tamén picou, tamén aceptou, tamén participou, así que, fóra machismos, pois en debilidades, maiormente na soberbia, somos iguais cós nosos entregos!
Reflexión secuencial: Cando estamos absolutamente convencidos do honor que Deus nos prodigou en Cristo, servímolo con entusiasmo, pero cando esquecemos o que Deus nos fixo, ¡nos fixo e nos deu!, estamos destinados, provocamos, causamos, unha nova rebeldía. ¡Témolo claro, e aínda así! O pecado orixinal deixounos intoxicados, pero a vacina tamén nola deu Deus: ¡Está nos Evanxeos! Aquela intoxicación, perdurable, transmitida, é a que explica esa atracción viciosa que tira de nós, que tanto nos inclina ao malo, que tan agradables nos presenta as apetencias nefastas, as medidas falsas. Está claro, pois, que perdura unha loita entre Deus e o diabro, ese insubordinado seu; pero tamén o está que gana, que ganará, Deus. Daquela, ¿por que apostamos a perdedor, por que nos afiliamos ao diabro tendo a certeza de que calquera día o vai pechar Deus nos infernos? O por que aínda non o fixo, só o propio Deus o sabe, así que, no entrementres, nós, ¡co gañador!; e non só por ser gañador, senón porque é o bo, absolutamente bo e misericordioso, que ben demostrado está na predicación, morte e resurrección do seu Fillo, Cristo Xesús!
Lin unha vez un teólogo, pero non lembro onde, que, máis ou menos, razoaba así: Se che ofrecen un prato de veleno, aínda que estiveses morrendo de fame, comeríalo? Adán e maila súa Eva eran listos de abondo como para refusar unha oferta velenosa. ¡A maldita Serpe sabíao, así que a coaccionou de maneira que pensara que aquel froito era bo para ela: "Non ides morrer, que ben sabe Deus que o día que comades desta árbore abriránsevos os ollos, e seredes tanto coma o propio Deus, distinguindo o ben do mal (Xen. 3: 4, 5). ¡Que pícaros son os pícaros; e con iso, por que lles chamamos pícaros aos nenos cando de feito son..., anxos? ¡Picardía é enganar a un neno; iso si!
O Maligno continúa coa súa estratexia hoxe en día. ¡Lévanos ao pecado convencéndonos de que iso é bo para nosoutros! ¡Canto mentimos, que mal medimos, aínda que nos demos conta de que mentindo destruímos as nosas vidas, o noso porvir! Se vemos que unha acción nos vai facer dano, xeralmente evitámola; daquela, ¿por que sucumbimos ás accións pecaminosas que inevitablemente nos destrúen? ¡Ah, é porque estamos convencidos de que o pecado beneficiaranos! Cremos que o pecado faranos a vida máis levadeira; aínda que sabemos que algúns comportamentos custarannos, de final, unha traxedia, non nos convencemos de que os beneficios inmediatos non compensan o dano final, o definitivo. Esta clase de engano atopámola por todas partes, en tódalas idades, pero tamén en tódolos países. Chegamos a crer que o mal é ben, y que o ben é mal. ¡Maldita herdanza, maldito ofuscamento!
Buscamos o pecado polos seus beneficios, sen decatarnos de que son aparentes; e animamos ao próximo a facer o mesmo. ¡Nun só, dous pecados! ¿De que maneira chegamos a crer estas mentiras? Facémolo da mesma maneira que Eva chegou a crer que o froito prohibido era bo. Nótese o que ela fixo xustamente antes de comer: "A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo ¿...? para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu: logo deulle ó seu home, e tamén el comeu. (Xénese 3: 6).
Facilmente pasamos por alto a importancia do desenrolo destes acontecementos porque vivimos nunha época que nos anima a investiga-las cousas do mundo por nosoutros mesmos. Os pais ensinan aos seus fillos a investigar a vida meticulosamente. Os avances científicos demostran o valor dos experimentos y dos descubrimentos que están cheos de creatividade. Desde este punto de vista parece que Eva meramente utilizou os dons dados por Deus para escoller a mellor opción. Pero o fondo da cuestión está en que Eva non utilizou simplemente as súas habilidades, senón que, levada da súa soberbia, e por ende da súa ambición desmedida, ególatra, pura insubordinación, deulles mal uso. En lugar de empregalas razoadamente en consciente submisión á palabra do seu Creador, ela mesma púxose de xuíz supremo. ¿Cabe insubordinación, pretensión, meirande? Ela por si mesma determinou que facer co froito, ¡a pesar da revelación, da advertencia, de Deus!
Agora podemos darnos conta de que maneira a tentación cara ao falso orgullo é tan efectiva. Moita xente non axita o seu puño conscientemente na cara de Dios, pero, ao facelo, salta, pásase, as hostes de Satanás. Coido que poucas persoas pactan conscientemente co diabro, e que en moitos casos a xente ten boas intencións, pero co noso orgullo, e de paso co noso pasotismo, estámonos apartando da verdade, confiando en nós mesmos en lugar de facelo no Santo dos Santos, na misericordia do noso Redentor.
En definitiva, que Deus, ¡sempre paternalmente!, fíxonos dúas mandas (A.T, e N.T.), pero ambas son coincidentes no principal: A terra, por días de vida, séxase, en usufruto, para os soberbios; e o Ceo, para toda a eternidade, aos humildes. ¿Cales vos parece que son os mellorados?
A todo isto, se seguísemos conservando aquela inocencia prístina, a do Paraíso, ¿como sería a nosa vara de medir, a de daquela? ¡Perfecta, pero levámoslla ao Fiel Contraste tardiamente, quebrada por aquel trompazo do Pecado Orixinal!
-.-
A nosa segunda personalidade, a pecadenta.
¡Uf; esta cheira que apesta: unha vara verde tirada, quitada do esterco que nos botamos enriba, nos mesmos, a humanidade ao completo, a partir daquela xeración empezoñada! ¡Agora si que hai que ter coidado con nós, que xa non somos de fiar!
Non me cansarei de lembrar, e por tanto, de citar, a meu avó e padriño, José Gómez Carballedo, tamén coñecido por O menciñeiro Berlán, que, na súa profesión de albeite, compatible coa de labrego, tiña amigos e inimigos nunha ducia de parroquias, ¡que ata falaban del no periódico da Fonsagrada El Tío Pepe!, moito dicía, moito aconsellaba, que, Do oído nada crido, e do visto, a metade!.
¿Aconsellaba incredulidade? ¡En absoluto, que ata tiña dous tíos na súa casa, frades dominicos, que o foran do convento de San Cibrao, pero escravizábao a prudencia, a análise persoal do interlocutor, na súa experiencia acerca da facilidade coa que soltamos a lingua, con ou sen coñecemento de causa! Isto polo que respecta ao oído, pero a vista humana é curta, e tamén pode enganarnos.
Outro dos meus tubos de ensaio, persoal e profesional, foi, na Banca, aqueles estudios da solvencia dos clientes que pedían préstamos. ¡Nin con lupa se daba chegado ao fondo da maior parte dos simulacros: canto máis ricos, máis tramposos! Pero teño que agradecerlles que, con eles, moita psicoloxía aprendín; non a teño aprobada, pero coido, teño para min, que estou doutorado niso.
Mais, ¡coidado!, que non tódalas persoas son mentireiras; tamén as temos tan inocentes que, de enganadas, enganan, e sen decatarse diso! Sorte teñen os curas, que dan a penitencia acorde co confesado, sen ter a obriga, nin a obriga nin a posibilidade, de analizar a fondo os feitos: se son reservados, con dicirllo así ao penitente, misión cumprida.
¿Aceleración ou freada? Incrible: En dous séculos pasamos do Laissez faire et laissez passer, le monde va de lui même dos franceses, ao pasotismo globalizado actual! ¿Como se mide isto?
A verdade é que se pasa facilmente da liberdade á libertinaxe, que a saben manexar e aproveitar para a súa comenencia os máis inmorais da familia, de cada familia, así que algo de freo terá que poñer o Estado (léase, lexislar) para defender e protexer aos débiles, que adoitan ser precisamente os bos, os humildes. Xa é contradición, xa, que teñan que ser os fortes os que teñan o poder, os que defendan aos débiles, pero, como tamén din os franceses, ¡C´est la vie! É unha frase conformista, pero tamén contraditoria pois igualmente sabemos, e dicimos, que o remedio fai falta onde hai enfermidades.
A civilización é, debe ser, ten que ser, coma unha lixa para ir eliminando, suavizando, as rugosidades que creou a propia humanidade a partir daquel enfrontamento de Caín contra Abel. ¡Amigos, si, pero a vaquiña polo que vale!, foi un bo invento dos nosos labreguiños para defenderse dos abusos masónicos dos xateiros.
O problema sempre está, e sempre estivo, na credulidade dos inocentes. Daquela, Eva era, foi, inocente? Con respecto ao diabro, si; con respecto a Deus, non! Estoume lembrando daquel tendeiro de Lugo, un tal Amaro, que ía polas feiras vendendo..., o que hoxe chamaríamos saldos, e berraba así: ¡Amaro no vende; Amaro regala!. O seu regalo consistía en que terminaba regalando, aos que lle compraban algo, unha cousa insignificante, tal que un paquetiño de agullas de coser. As nosas avoas, ¡outras Evas!, saían tan ledas daquelas operacións coidando, entendendo, que, efectivamente, lles fixera un regalo; a súa ledicia sobrepoñíase ao calote da compra! ¡A credulidade dos inocentes; a avaricia de recibir, aínda que só sexan agullas para face-los remendos! ¿Trátase de ser desconfiados? ¡Non; non é iso: trátase de ser analistas, de aprender a medir..., de comparar as varas, as nosas coas do ofertante!
O home é capaz de adestrar certos animais, pero, ¿quen adestra ao home, muller incluída? O labradío son os xenes, por suposto, que non se pode ignorar a súa importancia, a súa función; pero a labranza é, ten que ser, obra de moitos: pais, avós, tíos e demais parentes; veciños e amigos; sen esquecer o esforzo adaptativo e selectivo do propio interesado. Pero hai máis: Aquí abaixo, o Estado; e aló Arriba, Deus; con Deus, ese secretario individual, o Anxo da nosa Garda. ¡Precisamos de moitos titores, e aínda así, protexidos deles, ese Inimigo do xénero humano vixíanos continuamente, pendente de toda oportunidade para infiltrarse, para levarlle a contraria a Deus.
¿Quen mandaba nas cavernas? ¡Seguro que o más forte fisicamente, o mais bruto! Tempo adiante viñeron os

gregos, folgazáns eles, pensadores eles, e comezaron a escoller entre os mellores. Non hai pobo ao que a Humanidade non lle deba algo, algún invento, algún pensamento, pero nós, aos gregos, ata lles debemos unha raíña, caladiña e sufrida; humilde, pacífica e pacificadora:
¡Deus, o verdadeiro, llelo pague, por aquel simbolismo da humildade!
Fixeron falta séculos, ou máis ben milenios, para descubrir que incluso escollendo, ¡votando!, non acertamos con plenitude. (É que os políticos parécense a Amaro; venden facendo que regalan!).
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.