¡De nenos a vellos temos un gran treito, pero os medios de transporte son análogos!
Neste transo, para as imaxes, para velas mellor, temos gafas e lentiñas, pero...,
para prever as consecuencias dos nosos actos, que?
¡Nin sequera nos decatamos de que os nosos feitos
teñen, ou poden ter, boomerang!
-.-
Hai que verse nelas
para entendelas.
Hai que chegar a vello
para entende-los nenos.
¡Hai que ser obxectivos,
que é un mandato divino!
En definitiva:
Hai que ser o que realmente se é,
cada quen nas súas circunstancias,
caretas á parte;
hai que medir, e medirse, con humildade,
¡e mellor aínda coa vara do veciño!
¿Que faríamos, como seríamos,
de vernos no seu cabalo?
¡Só medidos deste xeito
comprenderemos
a nosa dimensión,
a verdadeira,
a real!
-.-
1 Pedro 1: 22,25; 2: 1,3
Xa que a purificación do voso interior coa aceptación da Verdade vos levou a querervos sinceramente, coma irmáns, querédevos ben uns ós outros, de corazón e con constancia. Porque volvestes a nacer, non dunha semente perecedoira, senón dunha imperecedoira: volvestes a nacer por medio da Palabra vivificadora e permanente de Deus. Porque todo mortal é coma unha herba, e toda a súa beleza coma a flor dunha herba: secou a herba e caeu a flor. En troques, a palabra do Señor permanece para sempre. Ora, esa é a palabra conque vos evanxelizaron. Vos sodes unha raza nova, escollida, sacerdocio de reis, nación santa. Así que, espídevos de toda maldade, de toda mesquindade e finximento, da envexa e de falar mal dos outros. Como nenos que acaban de nacer, ansiade o leite puro, o espiritual, o que recibistes no bautismo, para medrardes con el en orde á salvación, xa que probáste-lo bo que é o Señor.
-.-
¡Somos da verdade, pero non acougamos nela; toleáronnos as mentiras de Lucifer, pero despois diso, séculos despois, recibimos, do Mestre, a verdade; ¡volvemos a ela! ¡Daquela deixémonos de ofuscacións e sexamos fieis a esa verdade, á divina, á auténtica!
-.-
Como humanos que somos, tivemos/temos tres vidas: Aquela do Paraíso, que no la escacharrou a soberbia, pois pola soberbia tivemos aquela ofuscación, e fixemos un mal uso do noso libre albedrío, ¡cousa, poder, que só tiñan os anxos! Do Paraíso pasamos ás cavernas, con praza reservada no inferno. E por último, de presente, grazas ao Fillo de Deus, que de parte de seu Pai, co seu ensino, co bautizo e coa súa Paixón, indultounos, abriunos as portas doutro Paraíso, do definitivo..., ¡para a alma! ¡Iso si, se non volvemos a caer na soberbia!
-.-
Lucas 21: 33
O ceo (o de minúsculas, o dos astros) e maila terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
-.-
Nesta seguridade, con que vara debemos medir os nosos actos, coa subxectiva ou coa obxectiva?
-.-
Para opinar dunha cousa o primeiro é coñecela en todo o posible. ¿Quen somos, e como somos? ¿De onde vimos, e a onde imos? ¿Consecuencias previsibles das decisións tomadas?
Deus criounos (Xénese 1 e 2). No 1: 26, e seguintes: "Despois díxose Deus: Imos face-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza...etc". No 2: 1 e seguintes: "Quedaron así rematados o ceo e a terra e tódolos elementos..., etc". No 2: 15, 17: "O Señor Deus estableceu ó home no xardín de Edén, para que o traballase e o coidase. E deulle esta orde: Podes comer do froito das árbores todas do xardín pero da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás".

Reflexión: Aquela prohibición (fose do que fose, e fose como fose) indicaba o límite da condición humana, ao tempo que supón que nas normas que obrigan aos homes está Deus. ¡Pero tiñan libre albedrío, que era outra facultade que lles dera o Creador; infinitamente bo, xeneroso e omnipotente! Nisto viu o Maligno unha ocasión propicia para seguir enfrontándose a Deus, así que escaravellou na soberbia da nosa Eva, e utilizouna para enfrontarse ao Creador; ¡para iso, e por iso, pasounos, pasámonos, ao seu partido, ao partido da malicia, e por tanto, ao da nosa perdición!
¿Ampliar esta lección, se temos esa curiosidade? ¡Nin sei, nin falta que nos fai: Para iso está o Ceo, o de maiúsculas, así que, paciencia, que para salvarnos sabemos abondo, e nos Evanxeos temos por onde documentarnos..., se lles prestamos atención!
-.-
Do Edén ás cavernas!
Para comezar: ¡A transmisión! Foi inevitable, simple e sinxelamente porque aqueles avós xeraron os fillos despois do pecado, así que na súa semente (corpo e alma) recibimos a súa herdanza, a súa participación nefasta. ¡Para que logo haxa quen opine que nos abortos provocados non hai crime: son a morte dunha persoa, que xa o é; foino, desde o principio!
-.-
No Edén xa sabíamos medir, xa sabíamos elixir, pero fixémolo coa vara equivocada.
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.