Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O porto de Redes na ría de Ares

Otero Canto, Xosé - viernes, 24 de abril de 2026
Galicia, a nosa terra, é un mundo en si mesmo, unha extensión, aínda que pequena, difícil de abranguer, ten unha beleza suma que comunga a terra co mar, e, por iso, achegueime hoxe ao deus Ares que está reflectido, non como señor da guerra, senón como unha franxa azul que se vai vertendo no afastamento e desenvolvendo en beleza O porto de Redes na ría de Ares cando pola ría de Ferrol e Ares atraca a súa figura no porto de REDES onde un peirao de coios e cantería adéntrase no mar como se a lingua do deus Ares se quixese refrescar coa auga da ría, invitándonos tamén a nós, que así o fixemos no bar "A pousada do mariñeiro" porque o bar "O peirao" estaba pechado, por ser domingo. Desde a súa terraza fomos descubrindo a época modernista, as casas indianas e as casas de pescadores porque REDES non é soamente un nome, é un conglomerado de rúas que se van estendendo como as febras dunha rede atravesada por dous cordeis que son a "Rúa Nova" e a "Rúa da Ribeira". Principiando pola primeira, descubrimos como o mar envolve as casas dos pescadores, lámbeas polos seus fondos, as máis das veces acaríñaas, pero outras, zorrégalles para educalas porque son fillas da auga nos adentros da ría onde cada pouco ábrense unhas empicadas escaleiras, como se fosen as dentames duns monstros que están dicíndonos que baixemos por elas para sentir o mar e para tragarnos e absorbernos nos seus adentros azuis colmados de beleza entre os fluxos e refluxos da marea. As casas teñen uns balcóns para quedarse hirsutos e pasmados contemplando unha ría de belezas arcanas. Polas escaleiras subían os pescadores ás súas cabanas e que hoxe son casas confortábeis, non modernistas e tampouco indianas, pero acantiladas de pedra e madeiras nobres ou de cores que O porto de Redes na ría de Ares rompen o silencio dos atardeceres, sempre cos balcóns seguindo o primeiro mandamento da fe do deus Ares que é o de: "Mirarás para o mar na alborada e nos atardeceres", e así, proseguimos rúa arriba un pouco despois da arribada, máis lonxe do "Chale 29" e da casa dos candeados atopamos a casa de Paco Bello, un pouco máis arriba a de Pepe Freire, víndonos á lembranza a emigración galega desde este porto de Redes ata Nicaragua e a outros lugares do Novo Mundo. Ao rematar a Rúa Nova seméllanos a chegada de piratas e aproveitados que veñen polo mar cara a nós e para defendernos están visíbeis unhas troneiras de pedra, a modo de muralla, onde apostarían os canóns que o deus Ares afirmaría no interior dunhas fiestras máis abertas polo exterior para dirixir a mira dos bronces aos barcos inimigos que desexarían as riquezas e prebendas dos seus habitantes que se fundirían coas belezas e feitizos desta arcana e rica ría de REDES onde habita e pervive o deus grego recoñecido pola súa temeridade e por ser amador de Afrodita, nacida na escuma do mar que desde as ondas fan fertilidade e beleza.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES