Testamento Martínez Otero
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 23 de abril de 2026
Nunha ocasión, estando eu nun bar, había ó meu lado un home de Foz lendo a prensa na que se falaba do matrimonio Eliseo Martínez Pillado (1842-1924) e a súa dona, Pilar Otero Pillado (1843-1925), matrimonio de Foz sen fillos e que no seu día lle deixaron á nosa vila unha cuantiosa herdanza.
Con relación a esta historia e a descomunal fortuna que lle deixaron a Foz, eu sempre tiven unhas pequenas dúbidas e, precisamente ese home e sen eu preguntarllo, aclaroume esas dúbidas con escasas palabras e escasas explicacións. Debo engadir, que a este home contoullo o propio cura párroco de Foz, José Louro estando a piques de morrer no Asilo de Foz.
A miña pregunta sempre era ¿Cómo é que lle deixaron tal fortuna a Foz e logo por certa carraxe co pobo piden ser soterrados en San Cosme de Barreiros? Isto era o que eu nunca entendín e este home, como digo, sen preguntarllo aclaroumo.
A controversia do matrimonio, poderíase aplicar como un asunto político e non cos cidadáns, pero a pesar de todo, eles foron soterrados no veciño concello. E digo controversia porque hai que lembrar que don Eliseo foi alcalde de Foz nos anos 1879, 1881, 1894, 1895 e 1897. E a controversia está en que don Eliseo e dona Pilar, opuxéronse rotundamente á construcción do actual cemiterio no lugar onde hoxe está instalado, oposición que don Eliseo realizou en solitario e en contra, tanto das forzas vivas como eclesiásticas e sanitarias, cualificando o alcalde José Reimunde Acevedo e a corporación municipal, a postura de don Eliseo de "incomprensible" e que definen deste xeito "que aunque jamás pudo creer que D. Eliseo Martínez pretendiese imponer un equivocado criterio a todos los vecinos de Foz, al Ayuntamiento en pleno y a la Junta de Sanidad unánime, la realidad, sin embargo, le demuestra que... se coloca en frente, sólo por ver si tiene lo que para él sería satisfacción el poder impedir que se lleve a cabo una obra que la higiene exige, el pueblo demanda, y la Iglesia se obligó a efectuar voluntariamente".
Como podemos apreciar neste escrito do alcalde e que foi extraído do libro "Recuperación da Memoria Histórica de Foz" de Pilar López Pérez e Xosé Ramón Fernández Pacios editado pola Excma. Deputación Provincial, é curioso como o alcalde José Reimunde Acevedo cualifica os feitos, máis de abuso de poder ou capricho que de necesidade, cando vemos que di "...se coloca en frente, sólo por ver si tiene lo que para él sería satisfacción el poder impedir que se lleve a cabo una obra...".
D. Eliseo e D.ª Pilar opuxéronse a construción do cemiterio parroquial no lugar onde hoxe está e por tal motivo acaban "odiando" a Foz e piden ser soterrados en Barreiros, a pregunta é ¿cómo é posible que desexen deixar os seus bens ó pobo de Foz ó mesmo tempo por "odiar" a Foz, piden ser soterrados en Barreiros?. Isto para min era unha contradición e un misterio, pero os feitos que anteriormente se relatan de que tanto o alcalde como a corporación municipal lle fan fronte e o cemiterio se constrúe onde as leis o permiten e as autoridades civís, eclesiásticas e sanitarias o cren conveniente, resulta un mazazo contundente para quen no seu día pensan que eran os donos do noso pobo.
O motivo polo que o matrimonio se opuxese rotundamente a que se construíse nese lugar, foi segundo eles, que ó mirar pola ventá, sería o primeiro que lles viría ós ollos facendo un efecto óptico e estético horrible para eles. Pero todos en xeral decidiron construílo nese lugar e ó non conseguiren o seu cometido, pode que pensaran que eles para Foz xa non significaban nada. Colléronlle tal odio a Foz, que mesmo pediron ámbolos dous ser soterrados en Barreiros, aínda que máis tarde as súas cinzas foron trasladadas á Capela da Residencia de Anciáns Virxe do Carmen de Foz, pero iso foi sen o seu consentimento porque sería absurdo pola súa parte pedir que os soterrasen en Barreiros e que anos máis tarde os trasladasen de novo a Foz.
A miña teoría é, que se eles por odio a Foz, porque lles levasen a contraria na construción do cemiterio e por esa razón pediron ser soterrados en Barreiros, o mesmo acontecería que por esa mesma razón NON LLE DEIXASEN A SÚA HERDANZA ó pobo de Foz.
Por lóxica e por lei tal herdanza corresponderíalles ós seus sobriños, sería o máis lóxico, aínda que só fose por honra, a fortuna reverquería neles, en Eusebio Román Otero e Manuel Palacios que ó parecer esta familia xa gozaba de boa saúde económica, proba diso é que antano dispoñían de banco propio na Capela do Ecce Homo de Covas, dito banco por ateigada de xente que estivera a Capela, só eles o podían ocupar. Outro dos herdeiros sería José Veiga Pita-Pillado (coñecido en Foz por Pepito Veiga) ó que lle tocou a envexable fortuna de 10.000 pesetas (60 euros, toda unha fortuna naquela época) e Carmen Otero Veiga outra posible herdeira.
Cando don Eliseo e dona Piar fixeron o testamento, fixérono a nome dos seus sobriños (os que acabo de mencionar), pero don Eliseo morreu o 26 de decembro de 1924, uns tres meses antes que dona Pilar, e así, entre o cura párroco don José Louro e o secretario do xulgado, don Manuel Blanco Muinelo, convenceron a dona Pilar para facer un novo testamento "IN ARTICULUS MORTIS", e así o amañaron, que por certo, foi feito tres días antes da morte de dona Pilar que morreu o 15 de marzo de 1925, e esa é a razón pola cal tal fortuna foi legalmente desviada.
O derradeiro testamento foi ante o notario Melchor Echenique, de Ferreira do Valadouro e tres testemuñas: O médico Eladio Candia, Antonio López (Pai de José de Botes) e José Reimunde (ex alcalde).
Os sobriños de don Eliseo e dona Pilar, Eusebio Román Otero e Manuel Palacios, marido de Ángeles Otero, impugnaron o testamento, e para a súa defensa contrataron en Madrid o despacho nada menos que de Alejandro Larreaux prestixioso avogado que non tardou moito en abandonar o encargo, aínda que se ignoran as razóns, pero crese que por ser un avogado honesto, deulles a entender ós sobriños que nada se podía facer, porque a rectificación dun testamento "IN ARTÍCULUS MORTIS" é totalmente legal.
O preito chegou ó Supremo e este Tribunal ditou sentencia o 25 de marzo de 1940, polo que condenaba á parte demandante ó pago de costas e outras penas. Os denunciantes baseaban a súa demanda de anulación en que dona Pilar, cando redactou o testamento definitivo, tiña as súas facultades mentais perturbadas, e como testemuña aportaron un certificado expedido polo prestixioso médico e catedrático da Universidade de Santiago, o doutor Gil Casares, que uns anos antes estivera na casa do matrimonio para unha consulta que fixera don Eliseo, que se atopaba doente. Naturalmente os demandados aportaron os informes necesarios que demostraron, polo menos para a xustiza, que era infundado.
Compre destacar que don Eliseo Martínez Pillado e dona Pilar Otero Pillado foron nomeados "Fillos Predilectos" de Foz, a título póstumo, o 28 de xuño de 1934.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)