Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡Xo, cabalo, Xo! (13)

Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 02 de abril de 2026
Cabalos de Vigo
¡Xo, cabalo, Xo! (13)
Fixéstelo adrede, non si,
encabuxados
nun desafío competitivo cos rañaceos
de Vigo?
Daquela fágovos saber,
que xa foi, que pasou, aquilo de que,
Vigo traballa,
Santiago reza,
e Coruña pasea!
Ao de hoxe folgan os tres:
Pisos baleiros,
mendigos nas beiras,
e a imaxinación dos gobernantes
posta na lúa, que a teñen
por
paraíso fiscal,
o único que lles quedaba
sen visitar!
-.-

Crentes, si, crédulos, non.
Era máis doado subir
ao castelo de Sarria
a pé,
que ao Santo Cristo de Goián
dacabalo.
¡Non obstante, de ofrecidos ían,
subían!
Menos o burro do señor Afonso da Cordeira,
que, de chegado á castiñeira…,
cansou!
Diante ía, no seu cabalo branco,
que nin que fose Santiago,
o seu veciño,
Celestino:
Afonso, dálle a volta,
e pono de cu para as eguas,
pois así é como se lles fai aos burros:
levarlles a contraria…,
para espelilos!
A receita resultou,
pois daquela mesmo,
o cabalo branco,
cabreado de que un simple asnal lle dese a traseira,
levantouse das ancas
obsequiando ao burro do Afonso
con senllas patadas,
una por cada ferradura.
¡Boa a fixo Celestino,
que tivo que compartir
a sela
co seu veciño no resto do camiño!
O burro, se estamagado ía,
peor quedou,
que se espatarrañou ao abeiro dunha castiñeira.
¡Darlles patadas aos burros,
meus pobres,
é o peor que se pode facer nesta vida!
¿Que diría dos seus devotos
o Ecce Homo de Goián?
¡Non me atrevo a pensalo…,
e menos a referilo,
aínda que me teñades por burro!
-.-

Xo, cabalo, que está Enriqueta dándonos o alto!



Coa Otero non hai bromas,
que igual fala que dispara,
con tal de matar, con tal de reprimir
abusos sociais!
Enriqueta,
un ser completo, corazón de monxa
e armas de guerreiro audaz.
¡Xo, cabalo, Xo! (13)
Enriqueta,
a incomprendida,
que por iso che tiñan medo
os animais
do pobo ibérico,
pero retratáronte mal
pois a arma
máis efectiva
non estaba nas túas mans
senón na túa lingua
de fiscal.
Miña Enriqueta,
¿sabes que estou pensando?
¡Pois que aí, na túa Miranda,
ollando desde o Alto,
envoltiña na tricolor,
os peíños deixarían de doerche,
curados daqueles balazos
inhumanos,
que chos lanzaron,
desde lonxe, claro,
aqueles
¿cabaleiros?
de Lugo,
para despois levarte,
sen sequera vendarte,
sen curas nin Curas,
ao cárcere da Coruña,
mais agora,
no Ceo,
pasadas as de Caín,
pasada a porta de Alcalá e maila de San Pedro,
seguro que lles berras
cunha voz que chegue ao inferno:
¡Animais, aprendede,
e que vos sirva para sempre,
se non a vosoutros si aos vosos netos:
Que ri mellor o que ri de últimas,
tal que o fago eu!
-.-

Retortos
Retortos son os tortos,
en pretérito,
séxase,
despois de retorcidos...,
por se non o fosen abondo
de nacemento.
¿Quen os retorce?
Ante todo, eles mesmos,
pois eses tales gozan co zume
agre
da propia maldade.
Despois diso tratan de aplicarse
na escola mundanal,
que é de onde saen, onde se dan,
eses másters da maldade.
¿Daquela,
é tan difícil ser malvado,
retorcer a alma coma se fose un trapo,
para secala?
¡Exactamente iso,
para secala,
que por algo a retorcen os malvados,
ata deixala correúda,
coma unha gamba!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES