Opinión en Galicia
¡Xo, cabalo, Xo! (10)
Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 30 de marzo de 2026
Quo vadis, Domine?

¡Xa o vedes, volvemos á emigración,
á crucifixión,
imitando aos nosos pais,
igual que eles o fixeron con respecto aos deles!
¡É a desgraza de ter nado
nun país rico,
pero mal administrado!
¿E logo, xa non hai conseguidores?
¡Si que os hai, pero do deles, do propio!
Non quixeron, ou non puideron, ou non souberon
frear o cabalo da especulación,
así que agora só lles queda aos gobernantes
invitarnos á emigración,
tal e como fixo don Hermenegildo,
que a estaba desexando pero ordenáballes aos bancos que
declarasen as cesións das divisas recibidas
como turismo,
da vergoña que lle daba
que se soubese a nosa exportación
miserenta,
tal que andoriñas no inverno da vida!
¿E logo, non vos daba alpiste?
¡¡Si que o facía, que Franco era un portento,
pero..., de pan balorento!!
-.-
Acelera, piloto, que volvo a Galicia!

Montado nun DC catro,
volvo na primeira colonial,
e volvo coas as,
pero tamén cos brazos,
abertos;
volvo a ti, Galicia,
aínda que non sei se abrirás os teus
para recibirme ben.
Miña nai querida:
Paríchesme no verde, para vivir no verde,
pero os teus administradores
obrigáronme a emigrar,
así que me fun,
forzado,
á terra dos cactos!
A emigración só ten unha cousa de bo,
que desfai ese dito estúpido
de que,
lonxe da vista, do corazón, tamén.
¡Non hai falacia peor!
¿Il non será que a inventaron os morgados,
para mellorarse,
eles,
no herdado?
-.-
¡Veño de xudeus!
Miña avoa,
unha Lombardero San Miguel,
daqueles San Miguel
que colleron apelidos deste tipo ao pasar a conversos,
pero eu,
que de zoqueiro pasei a bancario,
directamente,
non terei unha propensión monetaria
herdada?
¡Pois que se acabe en min,
que quero aos netos enxeñeiros,
que os necesita este país,
máis que aos banqueiros!
Pídolle a Deus que invente
outro tipo de cabalos,
do que sexa,
pero que non proporcionen gases contaminantes,
nin sexan careiros,
¡co difícil que está isto de facerse herdeiros!
-.-
Rosa negra
As miñas, predilectas, tratándose de rosas,
sempre foron as negras.
Abundan pouco, pero hainas,
que eu téñoas.
¿Que non son rotundamente negras?
¡Pois, claro,
que mouras, mouras, só as penas!
Dacabalo non se cheiran as rosas,
nin se apertan as mulleres,
ademais de que iso de levalas ás ancas non se estila,
nin elas o queren!
¿As rosas, coma as mulleres, detrás de min?
¡Non é de cabaleiros!
Rosas e mulleres son as flores da creación divina;
¡divindades!
Rosas e mulleres, tratalas con coidado,
¡para non espiñarse!
Rosas e mulleres,
na miña vida,
daquelas, cen, e destas, unha,
pero,
escollida!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora