Confeso que sentín unha ledicia grande ao saber que na miña vila (Mugardos) abrira unha libraría nun tempo no que os negocios parece que van noutra dirección. Unha libraría dalle un valor engadido á vila pois a vida cultural dunha comunidade esta incompleta se non conta cun ágora onde estea o libro. Se un da co libro axeitado pode que estea acadando un amigo fiel para sempre.
Os promotores desta iniciativa, a de abriren "As Lendas do Gato" (belido nome, non si?), teñen un mérito emorme porque apostar polo libro como produto comercial éche

dabondo comprometido malia que dun tempo a esta parte o libro foise convertendo nun elemento máis da cesta da compra, como nun alimento espiritual. Arestora lése máis, a xente está máis pola labor, edítanse miles de titulos ao ano e un pregúntase cómo é posíbel que se venda todo o que se publica. Evidentemente uns venden moito, outros menos e unha morea un pouquiño, e iso sábeno mellor que ninguén o libreiros, pero todos forman parte da grande empresa do libro na que eles son os que poñen o producto nas mans da xente.
Eu felicito a estes emprendedores que elixen o camiño dificil, sabendo que teñen que se faceren cunha doses alta de resiliencia. Resiste e vencerás, semella ser a praxe. Os libros electrónicos irromperon con forza no mercado, pero eu son dos que cren que o libro de sempre, o de papel con ese tacto especial, non ten comparanza co de ler nunha pantalla. Esta é a sensación que eu sinto cando teño un libro nas mans, pero como tal é rebatíbel e por suposto haberá quen prefira o "eBook" entre outras cousas porque almacena moito sen ocupar espazo nos estantes. Asi como a tele non rematou coa radio, o "eBook" non rematará co libro. Ambos os dous son compatíbles.
Mugardos leva loitando anos pola reivindicación dunha biblioteca. Témola, pero fisicamente non é a que a vila merece. Hai pequenos establecementos onde se vende case de todo: lápices, bolígrafos, xornais, revistas, etc, pero libraría o que se di libraría propiamente dita, non houbo ata o de agora. Libraría e biblioteca son conciliables, ambas as dúas teñen as súas competencias que non se atrancan. Das "Lendas do Gato" podemos levar a casa unha mascota felina en formato libro, e se eliximos ben pode que nos acompañe toda a vida. Parabéns e moita sorte nesta alentadora encomenda.