3.5. A devoción popular
Os romeiros veñen suplicantes para que a Virxe lles conceda algunha petición ligada con doenzas

humanas e animais, con nacementos, e casamentos. Tamén acoden logo de que o rogo sexa atendido, cumprindo cunha serie de rituais e ofrendas.
O 20 de maio algúns devotos aínda veñen andando dende cadanseu lugar de orixe, como sacrificio previo denantes de entrar en contacto có sagrado. Noutrora, ao chegaren a "Ponte de Muinovo", subían de xeonllos ata o santuario e levaban a cabo procesións individuais ó redor da capela.
"Algúns devotos levan a cabo procesións individuais ao redor da capela, de xeonllos ou caminando". Logo, oen unha das misas que se celebran desde as 9 da mañá ata as 13 horas, que é cando o párroco e algúns cregos de parroquias limitrofes concelebran a misa solemne. Ao rematar a misa solemne, participan na procesión, que percorre o perímetro da capela. A súa disposición presenta a seguinte orde: a cruz parroquial, levada por un fregués da comunidade parroquial; a imaxe mariana, portada por catro mulleres devotas da Virxe; como remate, os cregos concelebrantes e máis os fieis colocados sen distinción de idade e sexo.

Hai anos ían ofrecidos, de xeonllos, por baixo das andas da Virxe, mais esta práctica desapareceu nos últimos tempos. Asi mesmo, no interior da capela os romeiros pasan diante da advocación mariana, situada no interior dun arco de medio punto de madeira, e tocan coas súas mans e panos o manto da Virxe, ou fanlle unha inclinación de cabeza.
A relixiosidade popular ten, ademais dunha dimensión práctica, un compoñente de pacto baseado na reciprocidade, que esixe do devoto a entrega dalgún ben para propiciar ao ente sacro ou para compensalo polo favor recibido. Por iso é común que se depositen diversas ofrendas durante esta romaría. Unha moi xeral é a de cera. Os devotos aportan "velóns" -cirios pequenos- que deixan acesos na parte superior dereita da capela.
Outra ofrenda son as esmolas en metálico depositadas nos petos, especialmente no intre de pasar diante da advocación mariana. Tamén ofrecen misas.
No ano 2013 houbo unhas cincuenta misas ofrecidas, polas que os devotos tiveron que pagar dez euros por cada unha. Finalmente, tamén traen ramos de flores, que adoitan depositar no interior da capela, moi ornamentada por este tipo de ofrenda.
Finalmente, a celebración relixiosa compleméntase cunha dimensión laica ou profana na que os fieis en xeral gozan dun tempo de lecer. Algúns percorren os diferentes postos de venda ambulante, provistos de obxectos diversos, ou beben algo nun bar situado no campo da festa, asistindo a sesión vermú.
Logo, ten lugar o xantar familiar, para á noitiña achegarse á verbena. Polo tanto, esta romaxe reflicte cara ao exterior unha serie de elementos básicos, como os ritos relixiosos, a comensalía; as relacións de amizade e de parella; a solidariedade comunal e a alegría como factor predominante.