Opinión en Galicia
¡Xo, cabalo, Xo! (8)
Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 26 de marzo de 2026
Pantocrátor da catedral de Lugo

¿Por que non facemos a Deus patrón dos políticos,
xa que tanto o imitan:
Crean, predican, absolven ou condenan,
sóbense ao Ceo, por si mesmos,
e para máis imitación, nin sudarios precisan,
que lles chega cos votos das furnas
para cubrir as súas
loucuras.
Cando vexa ao Bispo de Lugo
heille propoñer
que confese aos políticos
fóra,
tal que nas escaleiras do seu pazo episcopal,
¡non sexa que se solte o Pantocrátor,
e lles fenda a cabeza
ao pasar!
-.-
¡Foime imposible!

-Quero unha careta axeitada
para disfrazarme de home bo.
-Vostede, de que manicomio fuxiu?
¡Iso xa non estila,
e se o di por aí vano prender...,
por sospeitoso!
-¿E logo...?
-O careto de home bo
é o que se leva a diario,
¡para que a cara deixe de ser un espello da alma!
No Carnaval
o usual
é disfrazarse de home mundano,
malo e perverso,
que así a veciñanza tómanos
por honrados,
pero,
disfrazados!
-¿Daquela parecerán o demo?
-¡E sono,
por dentro e por fóra,
mais,
como estamos agardando pola coresma,
a xente pensa que o fan de penitencia
sacando para fóra
o peor que levan dentro!
-¡Ah!
Foi a miña resposta,
e sego coa miña cara, coa propia,
coa de vivir,
xa que é moda disfrazarse
de influencer...,
para influír!
-.-
Domingo de Ramos
Xa non lle teño que pedir ramos
a Brais,
que tamén plantei, e teño, unha oliveira...,
a Deus grazas!
Cando emprenda a viaxe definitiva,
desde a miña finca,
o único que non terei será unha burra,
e para ir ao Ceo os cabalos non serven
porque son orgullosos,
tanto os cabalos coma os cabaleiros!
O caso é que eu tamén quero asistir
á procesión dos ramos...,
aínda que sexa a pé,
tan afeito que estou de subir andando
ao convento da miña parroquia,
en San Cibrao.
¿Que deixo atrás?
¡Señor, algo de todo,
carballos e roseiras, fillos e libros,
pero tamén unha silveira plantada cos meus pecados,
que foron moitos,
de toda clase,
así que,
de corazón cho pido,
que só me imiten no positivo!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora