Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isaac Díaz Pardo, Chairego de Honra

jueves, 12 de noviembre de 2009
A Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz convócanos nesta fermosa capela de San Alberte para investir como chairego de honra a Isaac Díaz Pardo. Cónstame que a Isaac lle fai moita ilusión esta distinción por vir de quen e de onde ven, pero para facerse merecedor deste título tivo que traballar e desenvolver centos de emprendementos durante os seus 89 anos de laborar arreo, pensando só no decoro de Galicia e en recuperar a súa memoria histórica.

Todo empezou un 22 de agosto de 1920 en Santiago, na casa da Tumbona onde naceu. Na horta da casa montou seu pai, Camilo Díaz Baliño, un galpón palafítico de madeira, que era o taller de escenografía, biblioteca e museo ao mesmo tempo, onde se reunían os máis importantes homes do galeguismo. O propio Isaac ten recordado en numerosas ocasións que na súa casa coñeceu a Castelao, Ánxel Casal, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Suárez Pícallo, Peña Novo, Bouza Brey, Blanco Amor, Asorey, e algúns máis novos, como Arturo Cuadrado, Luís Seoane ou Fernández del Riego, todos membros das Irmandades da Fala, da xeración Nós, do Partido Galeguista ou do Seminario de Estudos Galegos.

A actividade paterna propiciou un ambiente artístico e intelectual que o marcou de maneira definitiva. En 1936, con quince anos de idade, implicouse na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. No taller de Díaz Baliño realizouse toda a propaganda do plebiscito. Camilo fixo o cartel que firmou el, e Isaac realizou catro, tres asinados co pseudónimo Xalo e outro co seu propio nome. Castelao, que andaba tan atarefado coa campaña plebiscitaria non tiña tempo de compoñelos, así que lles deu uns debuxos e as instrucións precisas e díxolle: “Isaíño, fainos ti”. E un día Isaac discutiu iradamente co seu pai, con Castelao e con Ánxel Casal aos que acusou de demasiado culturalistas e pouco comprometidos coa restauración política de Galicia: “Claro, vostedes os galeguistas son así porque son uns reaccionarios”. Castelao riuse polo baixo e borboriñou: “vaia co rapaz”, Casal mantivo a compostura, pero mostrou o enfado e Isaac tivo que escapar correndo do taller, ante os improperios que seu pai lle dedicaba.

A guerra civil e as utopías truncadas
Todas as ilusións da infancia e adolescencia escacharon en xullo de 1936. Camilo Díaz Baliño foi detido e paseado e o seu cadáver apareceu xunto ao do estudante de Medicina, o rianxeiro Sixto Aguirre, en Palas de Rei. Avisados polo Dr. Puente Castro, de que as vidas de Antonia, a nai, e Chita, a irmá, pero sobre todo a de Isaac corrían perigo refuxiáronse na Coruña. Isaac na casa do seu tío paterno Indalecio e alí estivo agachado medio ano sen saír á rúa.

Con 16 anos acabados de cumprir, Isaac perdeuno todo e pasou de ser un neno educado nos valores republicanos a un adolescente baixo sospeita durante a guerra e a posguerra. A maior parte dos amigos de Camilo Díaz Baliño foron inmolados, encarcerados ou obrigados a exiliarse e todas as ilusións da familia Díaz Pardo quedaron desmanteladas, e tamén sumida na máis absoluta miseria material polo que nos primeiros meses de 1937, cando amainaba un pouco a terrible represión inicial, Isaac atopou traballo na casa Bianchi, un taller de pintura industrial no que rotulaba tranvías e decoraba os escenarios nos que se celebraban as vitorias do exército franquista.

Estudante de Belas Artes e singular artista plástico
En 1939, ao resultarlle impensable, por motivos económicos, a súa idea de facerse arquitecto decide trasladarse a Madrid a estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando. Participou na primeira experiencia en España de deseño industrial da Escola da Palma, visitou en viaxe de estudos os museos máis importantes de Roma, Siena e Florencia, exerceu de profesor na Escola Superior San Jordi de Barcelona e desde 1943 a 1948 dedicouse integramente á pintura e realizou numerosas exposicións na Coruña, Vigo, Madrid e Barcelona con grandísimo éxito. E no momento en que se erixía coma o valor máis consagrado da plástica galega do seu tempo decidiu abandonar a pintura porque iso de andar pintando cadros e despois vendelos non o convencía.

Alicerces da cerámica industrial: O Castro de Samoedo
Abandona, pois, o seu cabalete e instálase no Castro de Samoedo, onde casara en 1945 con Carmen Arias de Castro, familiarmente coñecida por “Mimina”, que era unha prometedora acuarelista formada no estudio coruñés de María Dolores Díaz Baliño, “a tía Lolita”, e na Escola de San Fernando de Madrid e creadora de moitos dos decorados das pezas do Castro nos anos cincuenta e sesenta. Isaac montou no Pazo do Castro un laboratorio para estudar as mesmas arxilas caoliníferas que Antonio Raimundo Ibáñez usara para fabricar louza ao estilo inglés en Sargadelos. Entre 1946 e 1949 fanse os primeiros ensaios e o resultado positivo da experiencia fixo posible que se constituíse a Fábrica de Cerámicas do Castro. Iniciouse a comercialización das pezas en 1950 e en 1952 tiña xa un cadro de persoal próximo ao cento de traballadores e cuns produtos con boa aceptación no mercado. Nun principio a produción consistiu case exclusivamente en reproducir en porcelana finísimas pezas decorativas orixinais de Isaac. Pouco despois xa se iniciou a fabricación de servizos de mesa. Tratábase, por tanto, de volcar a arte en produtos de consumo popular, capaces de integrar a arte e o deseño na cadea de produción industrial, de facer unha seriación mecánica e achegarse ao concepto máis moderno de igualitarismo e benestar social.

A Magdalena, ponte coa Galicia do exilio
Os ecos das virtudes da planta de cerámica do Castro de Samoedo chegaron á outra beira do Atlántico e Isaac, animado pola ansia de liberdade que se instalara na Arxentina trala caída da ditadura do xeneral Perón e pola posibilidade de contactar cos exiliados que estaban levando a cabo un labor de tanta lealdade con Galicia, en 1955 viaxa a Arxentina para dar a coñecer a súa pintura e a produción cerámica do Castro no Centro Galego de Bos Aires e acepta a invitación de montar a Fábrica de Porcelanas Magdalena, na marxe dereita do Río da Prata, a 108 quilómetros de Bos Aires, semellante á que fixera no Castro, aínda que máis evolucionada, baixo os auspicios dunha sociedade denominada Celtia S.A., da que formaban parte Cerámicas do Castro e moitos dos exiliados.

Moito máis alá de ampliar a experiencia do proceso industrial do Castro, a estadía arxentina supúxolle a Díaz Pardo o reencontro coa Galicia do exilio e con Luís Seoane, a quen coñecera xa antes da guerra no taller do seu pai, cando Isaac tiña 15 anos e Seoane xa se licenciara en Dereito. Separados polas consecuencias da guerra mantiveron unha ampla correspondencia e Isaac colaboraba na revista Galicia Emigrante que Seoane dirixía en Bos Aires.

A estancia americana resultou ser unha decisión de profundas consecuencias para a cultura galega. En Magdalena ou en Bos Aires, Isaac mantivo numerosas reunións con Seoane e co resto das figuras esenciais da cultura galega alí transterradas, nas que se concibiron diversas actuacións tendentes a recuperar a memoria da historia de Galicia, interrompida en 1936. A idea concretouse na creación do Laboratorio de Formas de Galicia, ente teórico e viveiro de ideas creado en 1963 ao asinarse un convenio de colaboración entre Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, aos que pouco despois se uniu o arquitecto Fernández-Albalat. En 1964 o Laboratorio de Formas constituíu a sociedade Sargadelos, Lda., que ademais de producir obxectos industriais contemplaba a recuperación da cerámica de Sargadelos. En 1968 Cerámica de Sargadelos, empregando as materias primas dos depósitos veciños de caolín, iniciaba as probas nunha pequena planta experimental e o 10 de maio de 1970 inaugurou a planta circular proxectada por Albalat e construída a 700 ms. da vella factoría de siderurxia. Desde entón a fábrica de Sargadelos, coa color azul cobalto como elemento de identificación e a actualizada estrela de sete aspas radiais da primeira época como marca, produce louza e pezas ornamentais. Coa nova etapa de Sargadelos, o que o Laboratorio de Formas quería recuperar era o espírito ético de empresa, afastada de calquera tentación especulativa, que fora organizada e planificada polo ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez a finais do século XVIII.

Os prototipos da cerámica de Sargadelos nacen da conxunción da idea básica de Seoane de querer enriquecer o mundo coa nosa diferenza e a do compromiso social das formas de Isaac. Como fonte de inspiración estúdase a arte e a cultura galega desde o paleolítico ata hoxe, os códices medievais, a arquitectura popular, as formas das vellas casas mariñeiras, as xoias castrexas, o románico e o barroco, pero tendo en conta tamén a cultura e os movementos artísticos máis modernos.


Rebelión sen causa
Tras 89 anos de vida intensa ao servizo da dignidade humana, das causas xustas e da ética por riba de todo, Isaac Díaz Pardo, que pasou a vida creando factorías culturais e espazos contra o baleiro, ten que librar unha nova batalla porque o mercantilismo voraz e soez intenta destruír os soños compartidos por Díaz Pardo e Seoane alegando que como no auto de Calderón os soños soños son, e ademais non reparten dividendos. Díaz Pardo, un home imprescindible na industria e na cultura galegas da segunda metade do século XX, no verán de 2006 foi apartado da presidencia das Fábricas de Cerámica do Castro e de Sargadelos polos accionistas. Con egoísmos e deslealdades, os seus propios socios arredárono do control das empresas que el creou. Arredor destas dúas empresas de cerámica pivotaban unha decena de empresas como son ou, mellor dito, como eran o Museo Carlos Maside de Arte Contemporánea, Ediciós do Castro, o Novo Seminario de Estudos Galegos ou o Instituto Galego de Información, creadas polo Laboratorio de Formas, que foi o que posibilitou que da unión de dúas personalidades creadoras e visionarias como a de Luís Seoane e Díaz Pardo xurdise a proposta cultural máis importante e transcendente de cantas se teñan feito na Galicia posterior ao ano 36.

O complexo “O Castro-Sargadelos” constitúe, polo tanto, un Patrimonio cultural de Galicia enteira. Así o entenderon máis de mil intelectuais galegos que en xaneiro de 2008 presentaron un manifesto encabezado polas firmas de Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe e Manuel Fraga Iribarne no que lle pedían ao presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, que mediante o procedemento acaído preservase e garantise a súa continuidade e supervivencia a cuberto de calquera eventualidade e de calquera peripecia empresarial que o puxese en perigo de desnaturalización, estrago ou desaparición. En canto ben de interese cultural para o pobo galego, é patrimonio da cidadanía, e á cidadanía incúmbelle reclamar do poder democrático que actúe e interveña para defendelo e mantelo ao dispor da cultura do común de nós, da nosa nación.

Fandiño, Xosé Ramón
Fandiño, Xosé Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES