Foi para todos unha gran sorpresa a boa nova, pero tamén algo que ninguén esperaba. Aquela rapaza que era o punto de mira de tódalas críticas aparece un día en Foz co título de MISS GALICIA.
Xa Foz, non tiña só preciosas raíñas, senon que tamén por primeira vez na súa historia unha rapaza da nosa vila ostenta o título de ser a rapaza máis guapa de Galicia, e que

conste que era e que aínda hoxe con 75 anos que ten e co título de avoa, segue sendo unha muller guapa, fascinante e o que é mellor, boa persoa.
Chámase ELVIRA LÓPEZ NEIRA, coñecida en Foz co precioso diminutivo de Elviriña, filla de Pilar de Carlos e de profesión redeira.
Elviriña naceu en Foz o día 5 de Outubro de 1950. Era a rapaza máis elegante da Mariña de Lugo xunto coa súa inseparable irmá Pilar.
Eu penso que cando Elviriña estreaba un vestido novo aparecían os grandes modistos de aquela época para copialo.
Elviriña sempre foi non so guapa, senon que tiña un corpo maxistral, non era alta de estatura, pero si moi ben feita. Sempre vestía á última moda e eu podería asegurar sen o máis mínimo erro que ela era sempre a primeira en levar as modas máis actualizadas e penso que foi a primeira en atreverse a levar mini-saia, porque aquelas si eran mini-saias.
Un día, apareceron no Pascasio (Bar La Terraza), Elviriña e Pilar. Elviriña levaba un vestido corto, digo corto, non, cortísimo, era de cor vermello, zapatos vermellos e no seu cabelo negro como o carbón, unha cinta vermella que llo suxeitaba. Ía preciosa, pero que era tan corto que xa daba a sensación que non levaba nada.
Nós estabamos dentro do bar e vímolas chegar pola ventá. A verdade foi que saímos todos escopeteados para velas ¡que guapísima estaba Elviriña!, pero claro, nós como sempre, ó ver o froito prohibido, por non perde-la costume empezamos a soltar parvadas.
Falábase mal de Elviriña e da súa irmá Pilar tan só por cometer o delito de ser filla de pobres e vestir á última moda. Como ben me dixo ela agora, "se eu fora filla dun rico ninguén me criticaría, pero eu era filla de mariñeiro e de profesión redeira".
Esto que me contou Elviriña, fíxome lembrar aquel dito popular que dí así: Cando un rico se emborracha, os que están con el dinlle: "¡qué simpático está hoy el señorito!", pero cando un pobre se emborracha, os que están con el dinlle: "¡se te foras para a cama, que es un borracho, e vai coidar á túa muller e ós teus fillos, mangante!".
No mes de maio de 1970, Elviriña López Neira é elexida Miss Foz, na pista Bahía polo equipo de Pepe Garalva de Lugo, encargado das mises de Galicia.
No mes de xullo a localidade luguesa de Monforte acolle o certame de Miss Galicia e alí na Pista Municipal a Miss Galicia de 1969, Mª Luisa Lorenzo Darriba colócalle a coroa a Elviriña co título da máis guapa de Galicia.
Cóntame Elviriña que para ela foi unha historia moi emocionante, xa que esa nova experiencia axudoulle a viaxar un pouco, pois Elviriña era unha rapaza que nunca saíu do seu pobo natal, Foz.
As bocas criticonas, empezaron a silenciarse e todos empezamos a ver a Elviriña como unha persoa que tan só tiña o capricho de vestir con elegancia e iso non ai lei que o prohiba e moito menos cando ela vestía así por tres razóns: a primeira, por que ela pagaba os seus vestidos co soldo seu, honrado e legal; segundo, porque a ela costábanlle moi pouco, porque a costureira era a súa propia nai; e terceiro, por que a ela lle daba a gana de andar así e estaba no seu dereito.
En Setembro de 1970, Elviriña parte para Cádiz a presentarse a elección de MISS ESPAÑA. Xa daquela, a fama dos certames das Misses tiñan mala reputación, por iso de, "Se queres chegar a algo, tes que te deitar con tal señor". Elviriña coa mosca detrás da orella, cando chega o momento toma unha seria decisión, ante a dúbida ponlle a Pepe Garalva unha condición: ¡Vou a Cádiz se ti levas á túa muller e eu levo a miña irmá!. Pepe Garalva só responde que con esa condición que se lle multiplicarán os gastos, pero que acepta para demostrarlle que detrás, polo menos por parte del, non ai nada agochado.
Elviriña vai a Cádiz, pero non consigue chegar a Miss España e de regreso a Foz, Pepe Garalva organiza unha homenaxe para ela na Pista Bahía con un espectacular baile. Aquel día todos foron bailar con Elviriña. Non descansou nin unha soa peza de baile e todos aqueles que antes a criticaban por ir ben vestida aquel día permitíanse o luxo de bailar coa Miss Galicia 1970, incluso algunhas vellas solteironas quixeron compartir a súa mesa, debían pensar que a beleza era contaxiosa, pero a beleza e o de menos, pois Elviriña merecía dous títulos: Miss Galicia e Miss Simpatía.
A escritora e poetisa local, Olimpia Pérez Gómez ofreceuse a Elviriña para darlle clases de inglés, incluso desexaba preparala para ir de recepcionista para un Parador de Turismo en Zaragoza, pero para Elviriña, iso do inglés non era o seu.
Cóntame Elviriña, que naquel ano incluso recibía cartas con tan só poñer de enderezo: Miss Galicia - Foz, sen máis datos, xa lle chegaba a carta.
Recibia cartas ata do estranxeiro, pero un inglés namorouse perdidamente dela tan só por vela en foto (nas fotos de prensa e da televisión).
Ela non quería responder ás cartas do inglés, pero Olimpia animábaa e a mesma Olimpita lle escribía as contestacións en inglés e lle lía as cartas que a personaxe lle enviaba, pero un día recibiu unha carta na que lle dicía que ía vir a España a coñecela persoalmente e que lle traería un precioso regalo. Elviriña non quería seguir coa historia e explícallo a Olimpita que llo faga constar na carta ó inglés, pois a parte da distancia e o idioma que os separaba o mencionado inglés leváballe a Elvira 21 anos (el tiña 40 anos e Elvira tiña 19).
A historia rematou, o tempo pasou nomeáronse outras Miss Galicia, pero un día, chegóu a Foz Juan Ramón López Menéndez, un xoieiro de Sarria que se levou a mellor xoia de Foz para a cidade da Noite Meiga.
Elviriña, aínda hoxe segue sendo a rapaza máis aberta e cariñosa que puido parir nai e aínda que ela di que naqueles tempos tiña a cabeza chea de paxaros, foi vítima das críticas tan só pola envexa e acabou sendo o orgullo de Foz.
Gracias, Elviriña.