Cabodano
Xiz, Xulio - jueves, 19 de marzo de 2026
O noso ricaz idioma utiliza o termo "cabodano", especialmente para conmemorar o primeiro ano cumprido do pasamento dunha persoa, extensible a sucesivas celebracións que en tempos dependían das posibilidades económicas da familia, e do desexo manifesto de lembranzas que podían ir desde o puro agarimo ata o desexo de notoriedade para os mortos e os que quedaban.
E dado o carácter fondamente relixioso dos nosos devanceiros, o cabodano viña ser ou significar a mesma celebración conmemorativa relixiosa, como unha continuación das celebracións do enterro. Neste caso, por extensión ou repercusión, o cabodano que todos estamoa lembrando coincide cos seis anos que se veñen de cumprir do noso peche colectivo diante da pandemia da Covid, que tan fondamente incidiu na nosa vida cotiá.
Os que libramos con ben desta pandemia, vese que optimistas por natureza, adoitamos falar do que fixemos naquel tempo morto no interior das nosas casas, para non deixarnos levar pola marea de preocupación e desánimo, sendo o último a quen escoitei Amancio Prada, este sábado, no auditorio Mato/Fuxan os ventos, que confesou terse dedicado a profundar na obra de Becquer e a súa conexión con Rosalía,
Con altos ou máis rasantes cometidos, superamos aquela dificultade, conseguindo obter algún ben daquela desgraza. Parece que os que quedamos soubemos acomodarnos á realidade, e aproveitar algunhas das súas posibilidades.
Se chegamos aló, ogallá poidamos celebrar dentro de seis anos o resultado deste tempo difícil no que navegamos, no qiue parece que todo se concita para (sálvese quen poida) manterse a flote na situación en que unha presa de descerebrados está poñendo o noso mundo patas arriba.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora