Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O día dos inocentes, ou da inocencia?

Sampedro, Pilar - jueves, 19 de marzo de 2026
O da dos inocentes, ou da inocencia? Hai uns días cumpríronse 2025 anos do nacemento dun meniño que é deus para todo o cristianismo. Era pobre. A nai tivera que parir nunha corte de vacas porque non lle deixaran outro sitio. Os animais déronlle a calor que precisaba. Os máis pobres do lugar acudiron a levarlle alimento: eran pastores.

Mentres tanto, o rei buscouno para matalo porque unha profecía anunciaba que ía ser máis poderoso ca el. Por se acaso, para que non se lle escapase no medio dos outros, asasinou a dereita e esquerda.

Non se conta se deixou vivas as meniñas (con elas non se corría risco?) ou, para non ter que pararse, leváronos a todos por diante.

O 28 de decembro, catro días despois do nacemento de Xesús, celébrase a festa dos santos inocentes, daqueles que caeron pola man dos homes de Herodes, para matar o futuro. Meniños mortos para que algún adulto durma tranquilo.

Tantos anos despois continúa a suceder, nunha roda que non para, ata que o eixe se derrame. Os nenos e as nenas de Gaza asasinados polas bombas e outras armas de lume, pero tamén pola fame e a falta de atención sanitaria.

Meniños no envoltorio de saba branca, cara á cova, xoguetes rotos...

Nun lugar moi afastado, na praza do Obradoiro de Santiago, están eses xoguetes nun monte de tristeza, as velas que os velan (nunha redundancia necesaria) prendidas na noite. O silencio simbólico que os acompaña antes da lectura do manifesto onde se repite que cando os meniños dormen hai que calar para non espertalos, pero cando os están matando hai que berrar forte para deter a man dos soldados de Herodes Netanyahu; botar o berro máis rexo para espertar o mundo, que derribe as murallas de Xericó e rache a arca da alianza. Un grito que se estenda dende a ponte de Munch ao recuncho máis afastado, para que os personaxes do Guernika saian do cadro e atravesen os pobos mirando aos ollos a rapazada do planeta que ha de saber que se non están seguras as crianzas de Gaza nunca o van estar eles, que se os adultos perden a conciencia e o instinto de protección ante as crías da especie... non o recuperarán, que os depredadores xa son exército e van a polos débiles.

Porque non era unha guerra senón un xenocidio berran os manifestantes pacíficos, na case escuridade da noite. Porque había algunha muller que non podía mirar para a instalación e facíao para a catedral agardando a axuda dun deus que non abandone aos humanos máis desamparados porque como dicía Gere: no Mediterráneo, cando os mariñeiros recollen aos náufragos, están facendo o oficio de deus.

Remata a acción cunha panxoliña, a panxoliña triste que en galego deita os meniños da man de Antía Muíño, Mondra e Brassica Rapa Oliveira ardendo en homenaxe a Berrogüeto e ao pobo palestino:
Cara a Belén camiña
unha nena apurada,
valente e, canda
a ela, súa irmá a acompaña.
Chegaron a Belén,
alzaron a mirada
unha oliveira ardendo
o seu paso cortaba.
Chaman á súa porta
e cando á porta chaman
outros responden dentro
con voz alborotada.
Esta é a nosa terra
berran as nenas cansas
vós teredes as bombas,
nós, dignidade humana.
Miran ao seu redor
as dúas abrazadas
a pequena penaba,
a grande a consolaba.
Non te apenes, meu ben
corre, ven, dáme a man
dende o río até o mar,
Palestina vencerá.

Queremos crer ese último verso que se repite en cada concentración, queremos crelo sen que se nos rache a voz, coa esperanza pintada no horizonte para que a xustiza sexa xusta (outra redundancia necesaria) e venza a humanidade.

Pero hoxe, hoxe, neste momento, sabemos que venceu a peor das maldades e a humanidade foi derrotada.

Queremos contar co que queda de almas limpas para resucitala.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES