Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xesús, luz e adianto da nova creación

Miguélez, Xosé Antón - domingo, 15 de marzo de 2026
DOMINGO 4º E CORESMA.- Sam 16,1b.6-7.10-13.- Sal 22(23).-Ef 5,8-14.- Xn 9,1-41
• O Señor é o meu pastor nada me falta. (Sal 22 (23))
• Antes erades tebras pero agora sodes luz no Señor (Ef 5,8)
• Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo ( Xn 9, 5)

XESÚS, LUZ E ADIANTO DA NOVA CREACIÓN

1.Eu non nacín cego de nacemento,
sempre unha luz acesa me alumou
e eu percibina sempre incandescente,
no riso amable que eu vin a carón.

2.No rostro de meus pais, un sol sorrinte,
branda raxeira para os seus rorrós,
no mol pracer de verme ben servido
nas fames e nas sombras con paixón.

3.Seguramente o meu saber interno
chamou a aquela luz, o Deus mellor,
o que nas mágoas sempre confortaba,
o que era todo graza e defensor.

4.Esa vivencia, a poucos cuestionada,
foi dando pasos ao trabar a dor,
a albiscar outra luz descoñecida
fonte da luz que vira deica entón.

5.As dores eran po sobre os meus ollos
belidas para o meu mundo interior,
e ás veces, cego, me recoñecía,
ao ferirme a inxustiza e frustración.

6.Mais dese po, mil anxos xenerosos,
cun cuspe que era de divina unción,
fixeron barro para untarme a vista
e ofrecerme de balde curación.

7.Bañándome na fe do Enviado,
de Xesús Cristo, Servo e Salvador,
a luz reapareceu viva e amiga
obrando en min a Nova Creación.
8.Fíxenlle caso en ser agradecido,
indo con el, con nula presunción,
sen facer de xuíz en ningún crime,
reservando ese oficio a Quen é Bo.

9.En ordenar os meus desexos todos
para servir con forza o bo amor,
en deixarme guiar polo bo mestre,
e en acoller constante na oración.

10.Laveime en superar con el mil medos,
e en buscar cada día a conversión,
en honrar aos demais coma sagrados
fose cal fose a súa condición.

11. Co barro, po e cuspe dese Cristo,
lavado na auga á que me enviou,
regaloume Xesús o don de velo,
vivo en Deus santo na resurrección.

12.Desde ela, compartindo con nosoutros,
sempre moi preto e fiel en comuñón,
é compañeiro de calquera irmán,
co seu Alento tan consolador.

13. Bendito Xesús Cristo irmán humilde,
que completa a primeira creación,
Fillo do Home e servidor dá parte
desa vitoria en boa adoración.

14. A ti quero adorarte pois te prostras
ante os pequenos como servidor,
a ti seguirte nos teus mesmos pasos
irmán e Deus, guieiro e bo pastor.
¡Apertas de domingo!
Miguélez, Xosé Antón
Miguélez, Xosé Antón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES