Opinión en Galicia
¡Xo, cabalo, Xo! (3)
Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 19 de marzo de 2026
¡Señor, un aniño máis,
pero con esta xentiña,
sa e santiña!

Que de favor cho pido,
¡outro, un aniño máis!
E non me leves no outono
que abonda coa caída das follas.
Quero, que aínda non foi abondo,
ve-los nenos xogar,
medrar,
razoar,
¡tan ben que o fan!
Quero ver, outra vez,
outra máis,
a natureza brotar,
aínda que iso me supoña,
outra vez,
as silvas rozar.
Quero extasiarme co cheiro das rosas
¡tantas que lles concedes ás miñas roseiras;
tantas, que xa emocionan á miña Estrela!
Quero ver se o mundo mellora,
quero ve-la xente libre e farturenta,
quero velos traballar,
que me crispan os contos deses toureiros,
deses administradores,
que tourean tan mal o touro peninsular.
-.-
¡Pobres palabras!
¡Pobres palabras, que mal vos tratamos,
que nin que fósedes quintos lexionarios:
Dereita, ar;
Esquerda, ar;
Media volta, ar!
E total, para que;
para o tempo matar?
Temos esa manía, a de cuadricula-lo todo,
a de someter sen someternos,
que incluso o fan os poetas forzando a rima,
poñendo firmes as verbas
aínda que así esmaguen os conceptos!
A palabra é un privilexio divino,
comunicativo,
que nos distingue dos outros animais;
e por iso debemos reverencialas,
entronizalas, respectalas,
dándolles un uso sacro
e falando de vagar, con solemnidade,
cousa que só facemos os vellos,
cando nos cansamos de
bradar!
-.-
Palabras guapas
Palabras guapas
son as enxebres,
esas que uso coa miña muller,
pois doutro xeito non se lle fala
á Estrela
que arroubou o meu querer!
Sorte tiven en casar,
que así teño de mestra unha Mestra,
normalizada na Normal.
Sorte tiven que me gustasen as mulleres,
¡co ben que cheiran!
¿A quen non lle gustan as rosas,
por espiñas que teñan?
Aos cabalos gústanlles as eguas,
por vellos que sexan;
¿e a min?
¡Para min iso é pretérito,
e pídolle a Deus que no Ceo
non teña que volver a escoller,
pois acertar dúas veces
sería moito merecer!
-.-
Que se teño instintos?
¡Claro que os teño,
ou non sería un ser vivo!
A diferenza co meu cabalo
está en que o freo póñoo eu...,
¡cando me atrevo!
O meu cabalo corre, salta e patea;
¡eu tamén!
O meu cabalo protesta rinchando;
¡pero eu calo, aguántoas todas,
tódalas que me fan os demais
pois os meus desmandos
só teñen reconvención cando durmo,
e para iso non sempre
pois a imaxinación tamén traballa
con pesadelos ferentes.
¡O día que aprenda a frearme
deixarei de ser cabalo!
-.-
O cabalo da envexa, é bo?

Non é malo se acertamos a compatibilizar
o freo coas esporas!
Concentrarse no estudio e no traballo,
que sempre podemos facer algo máis,
máis e mellor,
a eito.
¡Que volo digo eu,
que máis puiden deixar feito,
e xa non digamos mellor!
Comézase na escola,
¡a Deus grazas!
¿Só a Deus?
¡E aos compañeiros, tamén,
que se non os tivésemos mellores cá nós,
cativa sería a rasa,
o listón!
Por iso, ser o primeiro da escola
pode ser bo para os demais,
para todos menos para nós,
pois,
se nos durmimos nos loureiros,
daquela,
cando espertemos,
¡estará fría a cea!
Entón,
¡bendita envexa!,
mais, para tela,
é preciso ollar cara arriba,
e comer cos ollos as estrelas!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora