'Abrídeme a ventá, que quero ver o mar': Rosalía de Castro
Otero Canto, Xosé - viernes, 17 de abril de 2026
Estas son as últimas palabras que nomeou Rosalía denantes de morrer segundo nos contou a súa filla Alejandra no desafortunado día do 15 de xullo de 1885: "Abrídeme a ventá, que quero ver o mar."
Haberá palabras máis bonitas neste mundo e con máis significados ca estas? Por unha banda asómase a morte dunha grandísima poeta que quere poñerse en conxunción cos elementos naturais e entre eles, haberá algo neste mundo con maior beleza có mar? O mar como froito da creación e da beleza suma que nos leva ao mundo da poesía, o mar que nos embarga a mente para botar diante del todo o tempo do mundo contemplando os seus movementos, as súas idas e vidas cheas de sortilexios e enganos, os seus roces e cariños lambendo a materia e arrolando os nosos soños nun berce infinito onde as contendas son os suaves sons que nos transportan por outros eidos cheos de amor e melancolía que Rosalía soubo expoñer na súa poesía e na súa narrativa.
Por outra banda en: "abrídeme a ventá, que quero ver o mar", está tamén a presenza do infinito, a fiestra aberta ao alén, ao descoñecido que se estende desde a terra polo océano inmenso, ao alén mar ou ao mundo sobrenatural dos nosos devanceiros, que comezaría no "finis terrae" e iría ao outro lado descoñecido, nunha viaxe que duraría unha parte da eternidade para chegar a ese alén descoñecido e ao que todos lembramos e lembraremos neste tránsito que envolve as nosas vidas e os nosos pensamentos cara o outro lado, mais en "abrídeme a ventá, que quero ver o mar" supón tamén um desexo de liberdade en todos os ámbitos da nosa vida para vagar "libremente" como diría Celso Emilio Ferreiro cunha arela de liberdade e dunha vida digna , sen opresións de ningún tipo, onde a muller tivese esa igualdade desexada por Rosalía tantas veces e que tan ben a soubo pedir. Esta frase de Rosalía supón unha linguaxe clara, ao meu ver, directa e, sobre todo, dunha riqueza poética inigualábel xa que supón liberarse das ataduras e ser libre como "as escumas" dese mar do que todos procedemos e do que todos, queiramos ou non, somos fillos.

Otero Canto, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora