A figura da tola como personaxe sempre estivo moi presente en Rosalía de Castro e xa "En las orillas del Sar" vemos como nun poema nos di "Ahí va la loca soñando" e tamén na novela romántica "La Hija del Mar", entre outras, segue facendo mención da loucura representada por mulleres, unha delas levaba oito anos nese estado e mandaba matar

aquel paxaro, porque cada vez que o vía, doíalle o corazón, pois "deixástelo escapar e agora éntrame no corazón", que non deixa de ser unha imaxe moi fermosa pois compara o corazón cun paxaro que se lle move dentro como os latexos improvisados do corazón no seu fluír vivencial, por iso ao paxaro "deixástelo escapar e agora ao entrarme no corazón, martirízame, mátame." Que é o que faremos!, dicíalle Ansot a Ricarder, que vagaba pola finca, depravado e corrompido, cun amor tremendo a esa muller demente, esperando que esta volvese á razón para dicirlle se aquela pequena, Esperanza, abandonada encima dunha pena, tal vez fose a súa filla e a da súa nai Candora...
Ata que un bo día chegan tres homes á finca e a tola ou enferma salta pola fiestra fuxindo e lanzando agudos alaridos. A demente quixo matar uns paxaros no estanque ata que unha pomba roza a superficie das augas, nese intre a tola quixo perseguila, pero con tan boa sorte que un dos criados bótase á auga para salvala. Ela, inconsciente, non sabe onde está, pero é o momento en que lle desaparece a loucura e a nós tráenos recordos de Rosalía, cando xa en Padrón pronuncia aquelas derradeiras palabras, segundo nos di a súa filla Alejandra antes de morrer, "Abrídeme a ventá, que quero ver o mar", o 18 de xullo de 1885. Palabras que tamén lle engaden unha tintura poética e nostálxica do seu último alento convertido en desexo, que quizais sexa unha non loucura ou un símbolo do alén ou descanso final cheo de beleza que entronca coa liberdade da súa alma para fundirse coa inmensidade da que tanto escribiu e á que tanto amou. A Teresa de "La hija del Mar" quizá sexa a mai de Rosalía, tamén chamada Teresa, chea de desprezos e humillacións que padeceron as dúas, Teresa e Rosalía, nai e filla, e se cadra, a mesma Rosalía se crea a filla do mar e por iso e aí os derradeiros desexos da grandísima autora sexan os de "Abrídeme a ventá, que quero ver o mar".