O outro día caeu nas miñas mans este libro de Rosalía de Castro, "La hija del mar", editado pola librería "Gali" de Santiago de Compostela, que estaba na rúa do Villar 66, e hoxe desaparecida, tamén publicaba "La casa de la Troya", "Cantares gallegos" e a "Cocina práctica" de Picadillo.
O libro foi dedicado pola autora ao seu cónxuxe, Manuel Murguía, por ser a persoa "a quien más amo" e como "recuerdo de algunos días de felicidad."

No libro trata tamén da defensa do feminismo e da muller tanto nas páxinas interiores como no prólogo que é da mesma Rosalía. Nas páxinas interiores observamos como cando fala do vicio da murmuración achácao non soamente ás mulleres senón tamén aos homes, dinos "feo vicio en el que, a pesar de que siempre se achaca a las mujeres, se me antoja creer, y, lo que es más, decirlo, incurren los hombres con demasiada frecuencia", prosegue Rosalía invitando as mulleres do noso país a que abandonen a tiranía na que se atopan froito da escravitude e dun feudalismo atroz: "Infelices criaturas, seres desheredados que morais en las desoladas montañas de mi país; mujeres hermosas y desdichadas, que no conoceis más vida que la servidumbre, abandonad vuestras cumbres queridas, en donde se conservan perennes los usos del feudalismo; huid de esos groseros tiranos y venid aquí en donde la mujer no es menos esclava, pero en donde se le concede siquiera el derecho del pudor y de las lágrimas."
Se isto aparece en follas interiores, o prólogo é unha alegación en prol da muller, son dúas páxinas que non teñen desperdicio, comeza citando a Malebranche e a Feijoo que "sostuvieron que la mujer era apta para el estudio de las ciencias, de las artes y de la literatura" para despois ir citando unha serie de nomes de mulleres famosas como: madame Roland, dirixente da Revolución Francesa; madame Stäel, política, filósofa e poeta; Rosa Bonheure, pintora; Jorge Sand, novelista; Santa Teresa de Jesús, teóloga mística, Safo, Catalina de Rusia, Juana de Arco, María Teresa e tantas outras que protestaron contra a vulgar idea de "que la mujer solo sirve para las labores domésticas."
Continúa Rosalía expoñendo que "pasados aquellos tiempos en que se discutía formalmente si la mujer tenía alma y si podía pensar", permitíndoselle ás mulleres optar á inmortalidade escribindo algúns libros froito da chegada do século XIX, para logo continuar coa vaidade "ese pecado de muller" do cal, moi certamente, "no está muy exento el hombre", aínda que o seu libro sexa -segundo a autora- un libro máis no mar das publicacións actuais "es como una gota de agua en el Océano."
Finalmente coméntanos que o libro concibiuno nun "momento de tristeza" "y escrito al azar, sin tino y sin pretensiones", vindo a dicirnos que é un libro propio do Romanticismo onde non hai uns esquemas prefixados porque a forza dos impulsos sentimentais están por riba do raciocinio e o que vale é a forza dos sentimentos que enrodelan as accións e o amor dos seres humanos que como forza do destino pode con nós e lévanos polo mundo das paixóns, mais, tamén "porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben" por iso acontece a existencia deste libro.