Se hai alguén... que fale, por favor, que diga algo. Fainos falta saber que non estamos sós, que hai alguén con quen falar, alguén que poda recoller o lume, non para prender o monte senón o corazón dos homes e mulleres de ben, facéndolles ver que son moitos e teñen na súa man a forza.
Necesitamos que alguén ice a bandeira da esperanza, para que a rapazada poda erguerse con ilusión sabéndose protexida e non ao dispor do máis forte, para que os maiores podan saberse queridos e non produtos de inversión; para que haxa algo... máis alá do mercado.
Se hai alguén aí, poderemos construír a utopía, unha vez máis; porque a utopía é coma a ave fénix que se queima no seu propio lume para ser reconstruída, con outros

materiais pero igual de imposible. É horizonte cara ao que ir, a raia que nunca se toca pero necesitamos ver, para orientarnos. É a loita, o proceso, a ansia de mellorar o mundo para recibir con alegría aos que han de vir e despedir con dignidade aos que se van
Se hai alguén aí, camiñaremos xuntos ata onde sexa posible; a etapa pode ser máis ou menos longa pero seremos compañeiros de ruta. Algúns cansaranse, decidirán parar; non lles gusta o seguinte percorrido... non importa, seguiremos os que decidamos facelo e aínda que vaiamos perdendo camiñantes, sabemos que o camiño é como a viaxe a Itaca, un navegar con tripulación para enfrontar as adversidades, o perigo dos mares, buscando a ruta á casa que todo humano desexa, pola parte de anxo herdada.
Se hai alguén aí que faga sinais, que prenda luces, que cante para guiarnos porque no medio da noite non vemos cousa ningunha (como dicía a canción). A noite é longa coma un día sen pan, escura coma carbón, terrible coma túnel sen saída, tenebrosa coma boca de fascista... leve o uniforme que leve.
Temos que unir todas as forzas, reunir as voces da ilusión, camiñar sen afrouxar o paso mentres plantamos as árbores do país, mentres limpamos o patrimonio, mentres contamos os contos que a rapazada precisa para medrar san, mentres acariñamos a pel da terra, mentres coidamos de que ninguén caia.
E sempre, sempre, lembrar que os que van destruíndo o territorio, a educación e a sanidade, os servizos sociais e a dependencia... en fin, o estado de benestar, son nin máis nin menos, que os que nos gobernan co voto dos nosos veciños, eses que semellaban ser boa xente (igual que os asasinos cando os descobren e din que eran amables e saudaban), nós tamén poderiamos dicir o mesmo, parecían boa xente, aínda que non negamos que algúns deles xa teñen feitas as listas por se volve pasar o que un día pasou, alá polo 36.
Ás veces preferíamos que nos gobernaran dende lonxe para que doera menos, porque ter os gobernos ao pé da casa de nada serve. Porque o problema non é se están aquí ou alá, o problema está no que defenden. Sempre pensamos que un goberno galego miraría por nós, coidaría do país porque tamén é o deles, pero non. Alguén pregunta: como poden non querer esta terra? E a resposta non sei se é que non a queren ou que máis que á terra queren os cartos, as grandes empresas que os mercan ou os adulan, ao partido no que militan.
Creo que hai que deixar de calar. Creo que cando nos autocensuramos e non dicimos a verdade, porque non é politicamente correcta, estamos facéndolle un favor ao adversario. Podemos dicir e dicimos (que diría alguén a quen acaban de embarrar cando xa non se pode limpar) que a competencia de costas nas mans da autonomía nos dá medo, igual que non fai temer que as decisións sobre patrimonio as tomen os concellos e non a Xunta, igual que sentimos arrepíos ante a xustiza que exerce o poder xudicial sen recambio dende a ditadura ou os xurados populares que poden ser igual de irresponsables como cando votan contra si mesmos, contra a bondade, contra a atención a maiores e enfermos.
Margaret Atwood, autora de distopías, afirma que hai que crear unha utopía que nos axude a imaxinar como salvar o mundo. Niso estamos, tentando non caer na desesperanza a pesar de que as forzas do mal atacan o mundo por tódolos flancos. Facéndose piratas no Caribe, roubando barcos con petróleo e atacando barcos en augas que non lles pertencen. Converténdose en mafiosos que xogan coas vidas das persoas ao eliminar un pobo para converter o seu territorio nun resort. Xogando a exercer de mediadores de paz cando o que están facendo é negociar negocios (vale a redundancia) para si propios, sen ter en conta as vítimas, os dereitos dos países ou as leis humanitarias. Ameazando con asimilar países que non lles corresponde, onte amaazaban Canadá, hoxe Groenlandia, mañá calquera outro lugar. Convertendo aos inmigrantes en delincuentes que envían a cárceres onde perden todos os seus dereitos, en países que se converten en prisións. Chamando o que son eles, como pode ser que busquen aos narcotraficantes fóra se o seu país está cheo deles e de consumidores?
Pois no medio de todo iso, debemos crear a utopía que nos axude a imaxinar como salvar o mundo do cambio climático que estes apuran cos seus intereses económicos sobre todo o demais. Porque estamos nas mans dos personaxes máis imbéciles e malignos, debemos imaxinar a utopía!