Científicas, investigadores e outras Cassandras
Pinto Antón, J.A. - viernes, 13 de marzo de 2026
Hai políticos que inflan currículos con imaxinadas orlas universitarias. Desátase a caza de bruxas. Titulitis? Como se títulos, formación académica, paso por aulas universitarias non contara. Conta, e moito. Por máis que haxa titulados incompetentes ou que cun diploma de torneiro sexas o competente presidente brasileiro.
Importan as científicas, contan os investigadores. Aínda que cobren moitísimo menos son moitísimo máis valiosos que estrelas banais do deporte. Apenas coñecidos, non recoñecidos, austeramente pagados fan o mundo máis habitable. Salváronnos da pandemia de covid19. Pero son pouco escoitados, como vimos neste verán de ondadas de calor e infernos humanos de lume. Inevitables focos acaban en dexastres medioambientais. Mentres eles, elas suman esforzos en silencio, os nosos políticos enrédanse en liortas. Co desolador "Ao inimigo, nin auga!" abortan pactos que reclaman os expertos.
Volvemos á mitoloxía grega, ao mito de Cassandra, fermosa filla do rei de Troia. Recibíu de Apolo o don da profecía pero, rexeitando os seus ardores sexuais, foi condenada a non ser creída por ninguén. Para desgraza dos troianos. Para a nosa desgraza tampouco cremos nos estudos e investigacións das mentes máis lúcidas e dos cerebros mellor amoblados. Desta volta sobre medio ambiente, transición ecolóxica e crise climática.
EE.UU como paradigma mediático equivocado. Seis premios Nobel botan as mans á cabeza ante o maltrato do gran país á ciencia. Reducindo á metade o presuposto da Fundación Nacional da Ciencia. Manifestos na NASA, Institutos de Saúde, Axencia de Protección Ambiental contra a errática política de Trump. Ata 1.900 membros de academias científicas denuncian recortes e ataques sistemáticos á ciencia. Cassandra desespera mentres grandes cerebros denuncian que o desprezo e desmantelamento do poder da ciencia empobrece ao país e ao planeta. E debilita a democracia. De país de acollida a país de expulsións. Na memoria, científicos alemáns que chegaron a EEUU fuxindo da besta parada do nazismo. Max Born, Albert Einstein, ata 1.500 científicos xudeus e opositores a Hitler fuxiron da súa distopía racial. Entre eles, 16 futuros premios Nobel.
Quen había de pensar que a sanidade e a biotecnoloxía estiveran en perigo en 2025. Que os máximos responsables foran dirixentes ignorantes ou científicamente analfabetos como o actual Secretario de Sanidade. En EEUU a ciencia se está suicidando, denuncian. O perigo é que aquí silenciemos ás científicas, ignoremos aos investigadores. E prestemos atención a vendedores de pócimas nos carromatos do far west que pululan nas redes. Recoñecemos as predicións das nosas Cassandras da ciencia pero, como Apolos desnortados, as condenamos a non seren cridas.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora