Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libros: unha vacina contra a manipulación

lunes, 09 de noviembre de 2009
Oíndo o que se oe, escoitando o que escoitamos e vendo a cotío o que nos obrigan e nos obrigamos a ver, xa se pode asegurar que unha das funcións relevantes dos programadores de televisión é desprogramar o cerebro. E todos tan contentos.

O cerebro: xa saben, ese big-bang de 100.000 millóns de neuronas enredadas en billóns de sinapses onde brota a intelixencia e a fantasía, os odios africanos e o amor ata que a morte nos separe, as pulsións do sexo e os impulsos da solidariedade, a rebeldía con causa e sen causa e a creatividade imprescindible para recrear un mundo de estatura humana.

O cerebro ten moitas grandezas: a máis grande é que fai do home coñecedor, creador no mundo e arquitecto do seu propio cerebro. O cerebro humano ten moitas miserias, a máis miserable é que é o órgano máis lacazán do corpo: non da pancada se ninguén lle empuxa, non traballa se ninguén lle esixe traballar, non pensa nin é capaz de formular unha soa idea sen non é impelido a facelo.

E isto sábeno moi ben os manipuladores, os prestidixitadores capaces de transmutar unha persoa nun babeco. Por iso é tan fácil toparse, sobre todo nas noites de viño e rosas, con auténticos buratos negros do xénero bípede capaces de liquidar o problema da comunicación con catro ducias de palabros. O mal uso da lingua, a incapacidade de enfiar dúas ideas seguidas, o discurso pobre e balbucinte que exhibe a nosa rapazada é un síntoma de falta de lecturas.

E todo iso a pesar de que un dos combustibles máis baratos e menos contaminantes para facer que funcione ininterrompidamente a máis complexa máquina da creación, o motor máis poderoso capaz non só de transformar a realidade senón de se transformar a si mesmo, é a lectura. E os libros. Sobre todo os libros, o único pecado de papel que perdoa a ecoloxía.

Benqueridos pais, hai que obrigar a ler ás nenas. Señoras nais, hai que obrigar a ler ós fillos. Hai que obrigalos a ler sen obrigalos a ler: xa saben, lendo nós lerán eles. Mirándose nun espello lector, reflectiranse como fillos lectores. Cada vez que regalamos un libro ós fillos estamos a activar os chips do disco duro do cerebro, ancorándoos nunha realidade que evita o presentismo e a fuxida cara a ningures. Porque unha rapaza que le, un neno que le, está salvado.

Señores e señoras que mandan e que xestionan os nosos cartos: hai que proporcionar a todos e a todas maiores posibilidades para a lectura. Por exemplo, poñendo nas súas mans máis libros e máis baratos. Asolagando as casas de libros poñeremos en marcha a revolución máis grande de tódolos tempos: a que obriga a traballar ó cerebro.

Necesitamos máis bibliotecas e con horarios máis amplos. Resulta revelador que as nosas bibliotecas públicas pechen os sábados pola tarde, os domingos e festivos, e reduzan dun xeito draconiano os horarios nos longos períodos de vacacións, sobre todo no verán. ¡Xusto cando a xente ten máis tempo para ler! ¡Xusto cando os niveis de manipulación e do cultivo da parvada nas televisións acadan niveis inenarrables segundo o sabio principio lido nunha pintada: “Consuma merda, cen millóns de moscas non poden estar equivocadas”!

A mellor vacina contra a manipulación é un libro nas mans. O mellor antídoto contra a estupidez é un tempo diario a solas cun libro, calquera libro. Porque ler é moito máis que ler, e toda unha liturxia da intelixencia actívase nesa viaxe interminable polas palabras, frase a frase, capítulo a capítulo ata a folla en branco da meta onde, vencedores, nos entregan o trofeo da palabra FIN.
Ler é reler. Ou deixar de ler. Saltarse as follas que non interesan ou volver ó capítulo anterior porque me gustou e porque me peta e me da a gana. Ler tocando e palpando o libro, acariñando a pel de pel ou de papel, pechar as follas sobre o nariz e ulilas.
Ler é colocar e recolocar os libros con cen criterios cambiantes de tamaño, cor, tema, orde alfabética ou anárquica nos estantes nese tesouriño persoal chamado biblioteca familiar: unha en cada casa.
Ler é abandonar o libro que non interesa e devorar unha e outra vez o que nos gustou.

Ler é un acto de rebeldía contra a cultura cocacola que nos invade e a liberdade contestataria de pensar que na inmensa galaxia Gutenberg hai moitos, moitísimos máis habitantes que un tal Harry Potter. Benvido e bendito sexa, a pesar de todo, ese clon de hipermercado! Todo é posible cun libro nas mans no territorio do silencio.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES