Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Claudio Rodríguez Fer investido membro da Academia Europea de Ciencias e Artes

Bao, Marcela - viernes, 13 de marzo de 2026
O escritor lucense Claudio Rodríguez Fer, poeta traducido a máis de oitenta línguas e profesor visitante en universidades de Nova York, Bretaña e París, ademais de director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, foi investido membro da Academia Europea de Ciencias e Artes o pasado 7 de marzo de 2026, durante unha sesión plenaria desta entidade celebrada no Auditorium da Universidade de Salzburgo (Austria), cidade centroeuropea onde ten a súa sede tal organismo internacional. Claudio Rodríguez Fer investido membro da Academia Europea de Ciencias e Artes Levouse así a efecto a elección como numerario, acordada polo seu senado o 14 de maio de 2025, de Claudio Rodríguez Fer, Doctor Honoris Causa pola Universidade da Alta Bretaña, Medalla Eminescu pola Academia Internacional Eminescu de Romanía e último Premio Babel por Mundus Artium de Texas nos Estados Unidos.

A multitudinaria sesión plenaria, que tivo como figuras tutelares en pantalla a referentes humanistas europeos como Leonardo da Vinci e Erasmo de Rotterdam, reafirmou os principios de paz, progreso e tolerancia que caracterizan á Academia Europea de Ciencias e Artes, asociación non gobernamental composta por científicos e artistas de vocación innovadora, interdisciplinaria, colaborativa e transnacional que tratan de contribuír á unidade de Europa reivindicando á súa historia, as súas linguas, as súas tradicións e culturas e postulando o humanismo universal na procura do que une aos europeos fronte ao que os separa.

Coa investidura de Claudio Rodríguez Fer recoñécese a proxección intercultural e multilingüe da súa obra, de ética comprometidamente humanista e de estética audazmente vangardista, así como o comparatismo literario europeísta dos seus estudos literarios, que comprenden a tantos escritores en galego como noutras linguas, dende Verne e Cavafis a Dostoievski e Tolstói, pasando polos hispanófonos Borges, Neruda, Cernuda, Valente ou Gamoneda.

Ademais, o autor do poemario precisamente titulado Extrema Europa situou boa parte da súa obra nos países nos que viviu, como, aparte de Galicia, Bretaña e demais nacións célticas en Meus amores celtas ou Nova York en Nova York, novos poemas, así como ambos ámbitos en A unha muller descoñecida. Mais foron moitos máis os países que visitou polo mundo e desde logo por Europa, especialmente, Francia en Os amores profundos, Italia en Ansia das alas, Grecia en Limiares sen límites, Romanía en ADN do infinito, Inglaterra e outros en Unha tempada no paraíso e boa parte da Europa Occidental en Viaxes a ti e en A muller sinfonía.

A Academia Europea de Ciencias e Artes, que conta con 38 premios Nobel entre os seus membros de honra, investiu a Claudio Rodríguez Fer investido membro da Academia Europea de Ciencias e Artes Claudio Rodríguez Fer xunto a outros novos numerarios, nunha cerimonia que comezou cantando en pé o himno universitario medieval"Gaudeamus igitur" e que terminou co "Himno á Alegría" da Novena Sinfonía de Beethoven, considerado Himno de Europa, ambos a cargo músicos da Universidade Mozarteum de Salzburgo, pois non en van esta cidade é precisamente a natal de Mozart, na que figura omnipresente e na que se custodia a súa visitada casa museo familiar.

Conduciu o evento o presidente da Academia Europea de Ciencias e Artes, o filósofo e científico alemán Klaus Mainzer, e realizouse unha homenaxe ao seu antecesor no cargo, o gran cardiólogo austríaco Felix Unger, autor do primeiro transplante de corazón artificial en Europa. Durante a solemne sesión festiva, á que acudiron centos de persoas procedentes de moi varios países, interpretouse música dos clásicos xermánicos Bach, Brahms, Haydn e Beethoven.

Claudio Rodríguez Fer aproveitou a estancia en Austria para visitar alí o memorial do campo de concentración nazi de Mauthausen, chamado campo dos españois por ser miles de exiliados republicanos da España franquista os seus primeiros moradores, onde tamén por certo miles deles pereceron. O memorial conserva e exhibe os barracóns dos internados, a canteira escalonada dos seus traballos forzados, as torres e os valados de vixilancia, a cámara de gas e os fornos crematorios.

Ante o monumento aos deportados españois situado na zona de homenaxes memorialistas de moi diversos inmolados (xudeus, xitanos, rusos, franceses e resto de europeos), Claudio Rodríguez Fer leu en galego e en castelán o seu poema "Un milenio de silencio (O mal nunca é banal)", dedicado ás vítimas do nazismo. O poeta xa lera esta composición ante o memorial dos deportados españois no cemiterio Père-Lachaise de París, daquela en colaboración francófona con María Lopo, o 5 de maio de 2025, con motivo do oitenta aniversario da liberación deste campo e ante moitos descendentes dos internados, como pode verse neste emocionante vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=Iq_l4v5ddJs

Aparte desta homenaxe a todos os internados españois, Claudio Rodríguez Fer interesouse polos galegos relacionados na xigantesca listaxe de nomes inscritos nunha dependencia subterránea, como é o caso de Balbino Santín Aira, nacido en Sebrás, As Nogais, o 11 de novembro de 1909, que foi trasladado dende Mauthausen ao veciño campo de Gusen, onde faleceu, aos trinta e dous anos, o 10 de decembro de 1941. Xunto co dos seus veciños Octavio López Raimón e Liberio Balín García, o seu nome figura nunha das tres stolpersteine ou pedras da memoria (ideadas polo artista alemán Gunter Demnig e espalladas xa por decenas de países) que foron colocadas pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica no municipio lugués de As Nogais. Para Claudio Rodríguez Fer, resistentes como eles foron pioneiros da unión dos europeos contra a intolerancia e a barbarie representada polo nazismo.
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES