Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

María Manuela

Rubia, Xoan - miércoles, 11 de marzo de 2026
Se hai unha artista cuxa traxectoria estea chea de coherencia, honradez e fidelidade aos seus principios, esta é María Manuela. Dígoo con coñecemento de causa por ter compartido con ela moito tempo sobre os escenarios e mesmo pechados nos estudos de gravación xunto tamén a Miguel Varela, o seu inseparábel compañeiro, conselleiro e instrumentista que tanto tivo que ver na súa faceta musical como cantante.

A súa cidade, fíxolle un merecido recoñecemento institucional ao seu percorrido polas súas actividades artísticas, María Manuela pintura e música coincidindo co "Día da Muller", porque María Manuela malia a canción tamén apela á arte plástica como medio de expresión. Foi alumna do meu prezado amigo Ricardo Segura Torrella e tamén de Xosé González Collado co que acadou grande solvencia como acuarelista. Música a súa chea de matices coloristas e lenzos pintados con tons musicais: esa é a vida creativa de María Manuela.

Lembro, porque lembrar é como volver a vivir, aquela estadía dos catro en Madrid, ela e Miguel e Rosi e mais eu, naquel aparta-hotel cando fomos gravar os nosos LPs para Novola e tamén ao mesmo tempo, aquel disco de "Panxoliñas" para a produtora "Abrente" que capitaneaba Nonito Pereira, partituras que recompilara para nós o musicólogo Ramiro Cartelle as que cambiamos os textos dándolle un carácter de panxoliñas reivindicativas. Pasamos horas no estudo case sen descanso traballando cóbado con cóbado co responsábel dos nosos arranxos musicais Xavier Iturralde. Tanto tempo xuntos fixo que entre nós se creara unha empatía que durou por sempre. Que ben o pasamos!

E digo que María Manuela foi fiel aos seus principios porque non se dobregou a modas e tendencias, non cambiou o rumbo co gallo de buscar máis rendibilidade a súa actividade como representante da canción galega e pelexou contra todas as adversidades, que foron moitas, na loita por manter esa cota de dignidade que ela buscou sempre en tempos nada doados para esa encomenda.

Se hai algo que caracteriza a María Manuela é a súa bondade infinita, a fidelidade na amizade, o saber que malia que pase un tempo sen contacto persoal, sempre estará aí ganduxando fíos para reforzar a relación. Por todo iso estivemos con ela na súa homenaxe, para agradecerlle o seu traballo e compromiso a prol da cultura galega tan necesitada de graos como os seus que fixeron, sen lugar a dúbidas, máis nobre o seu celeiro.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES