Moralismo 2.0
Santalla, Iago - miércoles, 11 de marzo de 2026
Vimos de celebrar en novembro os 50 anos dende que morreu o ditador. 50 anos son xa dúas xeracións desenvolvidas nun sistema democrático, con todas as súas eivas pero democrático. Isto significa que teoricamente o sistema recoñécenos capacidade racional e moral a partir dos 18 anos. Chegada esta altura, podemos decidir quen nos goberna e, incluso, presentarnos como alternativa.
O que non nos recoñece o sistema é que esa alternativa se erga en moralidade absoluta. Unha sociedade democrática e madura non precisa que o político lle interprete a realidade senón que xestione axeitadamente os recursos públicos. Vén ao caso de que en Collado Villalba unha concelleira decidiu interromper unha obra de teatro porque, ao parecer, non lle gustaba. Unha concelleira pode decidir que traer ou non; incluso (e iso non o vexo ben), ten o poder de vetar; pero, xa é o colmo que no desenvolvemento dunha obra que ela mesma contratou decida a súa suspensión. Ata a censura procuraba ser máis discreta.
Son un asiduo ao teatro. Vexo de todo e son eu o que valoro se é bo ou non. Se esta valoración non é persoal ou transcende de xeito que implique que a obra siga o seu curso ou se suspenda, ten un nome moi claro: censura.
Reivindico a maioría de idade e a madurez do pobo, aínda que ás veces elixa representantes por baixo da media de madurez.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora