Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A despensa de Europa

Rubia, Xoan - lunes, 09 de marzo de 2026
Andei estes días por Andalucía, concretamente por terras de Almería considerada a despensa de Europa pola inxente produción hortícola que alberga debaixo dos plásticos dos invernadoiros que ocupan máis de 30.000 hectáreas onde, intúo, traballan en precarias condicións miles de homes e mulleres, moitos sen papeis, procedentes do veciño país de Marrocos e doutras áreas subsaharianas que veñen na procura dunhas mellores condicións de vida. Impresiona ver tanto teito de plástico espallado pola paisaxe.

O índice de inmigración nesta terra á que me unen tantos lazos afectivos é moi notábel. Pensei namentres paseaba pola comarca de Níjar e mesmo polas inmediacións de El Elgido a tortura que debe supor traballar A despensa de Europa baixo unha bóveda de plástico a temperaturas que superan os 45 graos e onde o ar queima os pulmóns facéndose case irrespirábel. Un almeriense dicíanos que alí non había paro, que aquel que quería traballar traballaba, e que os "moritos e moritas" (sic) con contrato indefinido (cantos terano? pregunto eu) podían acceder a cretos bancarios sen moito problema. Soa a país das marabillas non si? Esta é unha imaxe desenfocada que pouco ten que ver coa veracidade coa que se pretende vender a idea dunha prosperidade que en puridade está sustentada nun sistema de traballo escravista. Esa é a crúa realidade. O índice de paro na provincia de Almería en xaneiro de este ano era dun 15%, cousa que non é como para botar foguetes.

Malia reflexionar sobre estas cousas, desfrutei da miña estancia por aqueles pagos, dos seus acantilados costeiros modelados pola erosión, coa grandiosidade do Cabo de Gata, coa quilométrica praia en Roquetas de Mar e os seus pequenos espazos a xeito de oasis compostos cada un de media ducia de palmeiras mirando ao Mediterráneo. Impresionante a "Geoda de Pulpí" á que se chega camiñando polo interior dunha mina xa abandonada da que se extraía ferro que visitamos na compaña dos amigos Ester e Xan, e a mostra de minerais luminescentes expostos na Casa da Cultura da vila de Pulpí. Pero dese milagre da natureza e doutras impresións desta viaxe pola Andalucía oriental falarei doutra volta.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES