Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¡Xo, cabalo, Xo! (2)

Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 18 de marzo de 2026
Aquela sombra dos meus cabezais
Algo pasaba,
algo se movía na escuridade
daquel amencer prematuro...
Entreabrín os ollos, e fixen saliva,
disposto a berrar, a protestar:
¡Aínda non, por favor, non,
que me queda un traballo sen facer,
e traballos sen pasar...,
¡sen pasalos a limpo, quero dicir,
que os teño na cabeza,
aló por dentro, debaixo da calva,
nesta calva onde aterran as moscas,
cando veñen de visita...!
A sombra movíase,
avanzaba, achegábase...;
¡viña por min!
Tirando forzas de onde xa poucas tiña,
alcei a man dereita
para pedir misericordia:
-¡Non te achegues aos meus cabezais,
nin de min fagas mofa,
Negra Sombra que me asombras!
Pero ela..., ¡nin caso!
Impávida e silente deulle á pera da luz,
acendendo a lámpada.
Daquela díxenlles aos meus adentros:
Esa luz...,
Esa luz debe ser a claridade que nos espera
no reino da luz!
A sombra,
¡nin que me oíse!,
detívose,
pero seguía calada, como indecisa, sen falar.
Eu, desconcertado,
de pasada a turbación inicial,
entreabrín os ollos, pouco a pouco,
un case nada,
e,
asombrado do que vin,
véuseme a saliva á boca
para dicir:
-¿Como é que non traes a gadaña,
ou mandáchela cravuñar?
Por fin, ¡por fin!, rompeu a falar,
que xa era hora diso:
-Non o quería espertar,
pero,
teño que facelo,
que lle chegou o momento...,
de pasalo polas armas!
-Aquí me tes,
de conciencia examinado,
pero dubido da túa personalidade
porque...,
¿onde che vai a gadaña?
-Non creo que teña tanta pelame
como para precisar un gadañado,
así que, ande, faga o favor
de levantar ese culete tan cebado,
que lle vou poñer,
previamente,
a toalla de purgado!
Cadora máis asombrado,
moito máis,
agora si,
abrín os meus ollos, outra vez,
e desta, canto deron de si;
craveinos nos dela,
de inmediato,
fermosos, grandes e fondos,
opacos,
impropios dunha morte asasina.
-Sempre desexei que foses doce,
doce e silente,
pero nunca. ¡nunca!, imaxinei tanta discreción...,
nin tanta guapura,
tampouco!
Ela, supuxen que de afagada,
volveu a falar,
pero fíxoo suave, suaviño,
coma se fose un murmurio do vento
nas ventás fronteiras:
-Sento decepcionalo,
amigo Xosé,
pero con estas coitelas
que teño na man
vai quedar máis rasurado
que un ovo de perdiz!
Algo máis tranquilo, obedecín,
levantando o culete
canto deron de si as miñas bisagras
enferruxadas.
¿O resto?
O resto ben baixado estaba,
que ata foi milagroso que o dese atopado!
Rapoume non tris tras,
e sen gadaña, que nin a botei de falta!
A continuación,
e tamén con melodiosa voz,
que tal era a súa,
tranquilizoume:
-Agora descanse en paz,
e deixe de soñar coa morte,
que está de sorte,
pois precisamente para iso,
para evitala,
virán por vostede, dentro dun pouco,
que o levarán, nesta cama...,
na mesma,
camiño da definitiva, da eléctrica!
-¿Así que para iso fun afeitado?
¡Na miña aldea iso viña detrás,
que llelo facían na cara,
só na cara;
e dicían que o facían para que os barbudos
coubesen no ataúde...,
sen quitarlle a tapa!
-Afeiteino por hixiene desa intervención
que lle van facer...,
se é que se deixa, firmando e rubricado,
por se volve do purgatorio
reclamando!
-Sendo así, grazas, Negra Sombra,
grazas por achegarte aos meus cabezais,
e para iso,
sen firmarche!
Mais, agora que reparo:
¡ti vas de branco!
-Claro:
Son normas hixiénicas, mandato do cirurxián;
non se esqueza que estamos nun hospital,
e xa ía de liño branco Sinuhé,
aquel trepanador faraónico,
fai disto..., corenta séculos,
ou máis!
-Agora que o dis,
O que é por min, encantado,
Así que retiro os meus insultos,
deixándoos para unha ocasión nefasta,
para cando veña esa vella da gadaña,
esa que acaba coas persoas,
por mozas que sexan e se vexan!
Desde que acendiches a lámpada,
e vin o brillo dos teus ollos,
volveume a esperanza!
-¡Aínda que así non me chamen,
grazas!
-¿Sabes que che digo; de ti, non, da outra:
Que o malo non é que leve a gadaña ao lombo,
senón que a baixe, que a use!
-As miñas coitelas son pequeneiras e suaves,
que por iso se usan para que as partes pudendas
pasen a selo, a selo realmente!
Eu quedei agradecido,
agradecido pero avergoñado
de que unha rapaza
de tanta beleza
me vise naquel estado de prostración,
física e mental,
tan abatido que ata non sei cómo foi capaz de atopar
o que no meu corpo buscaba,
pois eu, eu mesmo, desde que saíu,
estirei a man para comprobar os efectos,
e so encontrei...,
un pallar segado,
sen un triste medeiro,
porque mo levaran os anos!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES