Opinión en Galicia
Soliloquios (8)
Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 12 de marzo de 2026
O optimista

O optimista sempre ten o sol
por diante,
por diante dos ollos;
e se chove que chova
pois o seu paraugas do optimismo
tíralle a auga fóra.
O optimista sempre se atopa
con persoas
que precisan da súa axuda,
e non vacila en dárllela,
camisa incluída!
O optimista desbota
os pensamentos negativos:
Enfróntase aos problemas de fronte,
conseguindo
que os obstáculos se aparten,
per se,
do seu camiño!
-.-
Non hai galegos pobres
Non pode habelos,
pois os outros,
aínda que se teñan por ricos,
non teñen de alfombra
os prados verdes,
da verde Galicia!
Pobres, non, pero...,
verdes?
¡Refírome aos prados;
non sexades mal pensados!
-.-
Análises e propostas
Os meus análises fágoos nocturnos,
cunha almofada de fiscal,
acusándome dos tropezos
diúrnos.
¿Vou a mellor?
¡Iso é o que pretendo,
pero tódolos días teñen tentacións,
tentacións e desalentos!
En consonancia,
déixolle ao sono facer de depurativo,
e á mañá seguinte
esperto,
decidido a emendarme.
¿Consígoo?
¡Polo menos, inténtoo,
que xa é positivo!
-.-
Non é cómodo aprender...,
cando non se quere saber.
¡Pero deses non hai,
pois todos nacemos
con ansias de chegar,
de chegar a reinar,
en nós mesmos,
sen escravitude,
sen sometementos inxustos.
A dignidade que dá o aprender
é algo celestial,
así que merece o esforzo
de erguernos
sobre nosoutros mesmos.
¡Upa, arriba,
que non é difícil,
se queremos facelo!
-.-
Destacar en algo
Non é doado
con tantos competidores ao redor,
pero sempre se ten algo
que lle falta ao meu veciño:
¡ser eu, que xa non é pouco!
Deus fíxome así,
así como son,
para que o mundo sexa variado,
e deixemos de envexarnos
sen razón.
Non hai envexa posible
sendo irmáns,
séxase,
herdeiros universais
da mesma gloria,
da celestial!
-.-
¿Que lles fago aos erros?
Os do xiz pódense borrar cun trapo,
pero as trapisondas da vida
requiren humildade:
Recoñecer as caídas,
e pedir axuda,
se é preciso,
para erguerse e repoñerse,
para recuperar o perdido.
Son tantos os erros posibles
que error sería
definilos;
quedémonos conque só son punibles
aqueles que dimanan de accións,
ou de omisións,
voluntarias.
¿Como se borran?
¡Coa marcha atrás, desandando o andado!
-.-
A importancia das cousas miúdas
¡Pero se non as vemos,
nin as vemos nin as coñecemos;
e non obstante, existen,
como existen as moléculas e mailos átomos!
Non hai cousas miúdas,
nin depreciables,
que todo é útil, todo ten un fin,
pois por algo foron creadas.
Para min só son miúdas
as ruindades.
¿Por que?
¡Porque as facemos os torpes,
os miúdos,
os recalcitrantes!
-.-
Recrear a vista
Recrea-la vista nas cousas belas,
tantas que hai, tantas que temos,
é coma as abellas
libando no mel.
A miña gran pregunta,
que na Biblia non lle atopo resposta,
é:
¿No Ceo debe haber rosas,
a sobrar,
pois cando se levan ao cemiterio
en lugar de subilas
déixanas murchar!
Gustándonos as cousas belas,
¿por que insistimos en facer
as feas,
tal que recrearnos no pecado
infernal?
Daquela
gocemos coa beleza,
tanta que hai!
-.-
O pracer de estudiar
Só se pode comparar
o daquel que rega
na roseira
para ve-las flores brotar.
Comezan por gromos,
¡agroman!,
e acaban perfumando
as propias mans do regante,
agradecidas que son.
¿Que as rosas teñen espiñas?
¡As rosas, si,
pero o estudio, non,
que sempre deixa bo corpo
se se fai con amor.
-.-
O cariño
O cariño é unha luz suave
que entra e sae polos ollos:
con só ver como nos miran
xa queda acreditado.
¡Non hai outra forma de medilo,
nin de pesalo!
¿Se me miran mal,
que é?
¡Está claro:
É o desamor que me teñen!
Ser cariñoso é algo así
como ser embaixador de Deus,
que nos utiliza para transmitir
o seu querer.
O afecto brota da alma,
e por iso fai brillar a cara.
O odio tamén sae polos ollos,
pero doutra maneira:
¡botando chispas!,
que por algo vén do inferno,
dese inferno que os malos
levan dentro.
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora