Cando lle dan o premio Nóbel da Paz a Corina Machado, unha muller que se podería declarar golpista e non aos médicos sen fronteiras e non aos xornalistas que van ser asasinados por contar a verdade e non aos que fan o oficio de deus recollendo aos que caen no Mediterráneo...
Xa non podemos crer no Nóbel. Nunca caera tan baixo, nin sequera con Kissinger porque daquela outorgárono repartido e Le Duc Tho tivo a dignidade de non recollelo.
E agora, onde queda a dignidade dos que si recibiron este premio, merecéndoo? Onde queda a nobreza dos Mandela, Wangari Muta Maathai, Rigoberta Menchú, Adolfo Pérez Esquivel, Amnistía Internacional, UNICEF, Martin Luther King... que si o m merecían?
Cando unha destas distincións se outorga indebidamente xa non só se dexenera nesa ocasión, senón que sementa a dúbida sobre o propio galardón. Con que dignidade o recollerán os próximos? Xa non deberían aceptalo? O interrogante abre todo un cúmulo

de desastres, que poderían terse evitado se o xurado fose tal como corresponde, a un premio que leva ese nome e tiña esa consideración.
Si, sabemos que nada hai puro, que este premio non foi recibido por Gandhi e non houbo ninguén máis pacífico ca el.
Non podemos crer nas organización internacionais cando U.S.A. as usa como quere, ou as deixa sen orzamento porque o que din non lle dá a razón coma aos tolos, cando os representantes non son quen de enfrontarse á mentira das grandes empresas, cando non rachan a baralla escoitando aos que fan a guerra para conquistar economías, cando asistimos a un holocausto, a un xenocidio para desaparecer un pobo e construír unha zona turística.
Xa non podemos crer na xustiza cando esta actúa con inxustiza, salvando aos amigos culpables e condenando aos adversarios políticos inocentes. Xa o fan sen disimular, despois de ter cobrado de gobernos afíns por cursos ou subvencións. Igual que non disimula Trump cando quere montar un resort en Gaza ou cando secuestra un petroleiro en augas que non son as súas para castigar a Venezuela a quen acusa falsamente de narcotraficante e a Cuba (a illa desabastecida a onde ían dirixidos eses combustibles); igual que non disimularon cando deixaron morrer nas residencias de Madrid aos maiores, igual que cando abandonaron á súa sorte e esas máis de duascentas persoas que pereceron na dana, igual que fan negocios inmorais os familiares dos políticos sen ningún tipo de castigo, igual que non teñen pudor en defender a mentira diante de todo o mundo ou dicir unha verdade horrible (que xa non ocultan) en relación a como derivaron os cartos públicos da seguridade social a empresas privadas que non daban o servizo que correspondía...
En que podemos crer? Cando os partidos non queren asumir que os ladróns van ir a eles, correndo, tan pronto cheiren poder. Cando a meritocracia non existe e é substituída pola familia, as amizades, os que forman parte da mesma panda ou partido, da mesma mala ou rede de calquera tipo. Non miran o compromiso senón estas outras características, ou en todo caso a obediencia fronte á crítica que busca mellorar as actuacións.
Así pasou coas medalla Castelao ou coas de Galicia, que foron entregadas á meirande inmundicia (díría Castelao e Galicia, tamén, se tivese voz). Facer entrega da palma da paz, do ramo de oliveira aos violentos é como aceptar as fake news e darlle unha palmada nas costas a todos os que pretenden facer do mundo un lodazal. Como quen bota un camión de lixo sobre o corpo dun meniño, coma ese meme de Trump que emborcaba merda dende un avión sobre os manifestantes.
Malos exemplos para a rapazada do mundo. Xustamente, para eles e elas, temos a obriga de crear modelos cara aos que tender, de entregarlles a esperanza como quen dá o lume.
Haberá que deixar que a maldade acabe con todo para que un día volva a lucir a luz? E se xa non é posible? E se xa non hai marcha atrás?
Que faremos co territorio unha vez instalada Altri (igual que fixeron con ENCE), destrozada a costa, eucaliptizado o país? Terá remedio? Acordémonos de cando Felipe González dicía que se eles (os outros) nos metían na OTAN o PSOE nos sacaría e o que fixo foi encerrarnos aí para sempre xamais (iso si, co voto).
A sanidade en mans privadas que buscan o seu lucro e non a nosa saúde. As residencias de maiores convertidas en grandes negocios que nin sequera sabemos onde tributan... Unha serie de políticos entregándonos nas mans do capital (nin sequera nacional senón estranxeiro ou transnacional). Quen recuperou o que estes piratas entregaron ás privadas dende Telefónica á autopistas, dende as nosas caixas e as súas fundacións cos nosos sinais de identidade? Que non nos prometan nada, o que se perde perdido queda, igual que as ventas falsas ou as sinaturas nun momento de debilidade ou ignorancia.