Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 04 de marzo de 2026
En pleno século XXI

En pleno século XXI. Sempre se repite a mesma frase: "En pleno século tal parece mentira que sucedan estas cousas", en referencia, por suposto, ás calamidades, ás masacres, ás barbaries, ás guerras. E, porén, en pleno século XXI as guerras continúan. E continuarán.
Porque Estados Unidos -o gardián do coñecido e do por coñecer- está preparando unha nova intervención. Como se fose lei de vida, este país métese en todos os conflitos. E por iso a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, concédelle a Medalla de Madrid por ser "o faro do mundo libre".
Pingas de Orballo O faro do mundo libre a base de bombardeos, ameazas e secuestros. O faro do mundo libre que cualifica a Benjamin Netanyahu como heroe de guerra, cando para moitos representa hoxe a imaxe máis brutal do conflito e da devastación... tamén en pleno século XXI.
En pleno século XXI, a guerra de Ucraína cumpre catro anos, despois de que se dixese que sería unha guerra de catro días. Non é a única: hai guerra civil en Sudán; conflitos internos en Myanmar; violencia enquistada en Siria e no Iemen; loitas armadas na África Subsahariana -na República Democrática do Congo, en Somalia, en Nixeria e na rexión do Sahel-; e diversas tensións fronteirizas en Asia. Todo isto, en pleno século XXI.
Século tras século repetimos a mesma leria, a mesma ladaíña de que "parece mentira". Parece mentira, mais é verdade. Parece mentira que no século da información instantánea sigamos sendo incapaces de frear a violencia. Quizais o máis inquietante non sexa a existencia das guerras, senón o costume. A capacidade humana para adaptarse mesmo ó horror. Escandalizámonos, si, pero seguimos. Dálle que dálle. En pleno século XXI.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES