3. O Santuario de Tarnas (Cervantes)
3.1. Localización
O santuario, dedicado á advocación mariana dos Remedios, está emprazado nunha entidade de poboación,

nomeada Tarnas, que está situada no cume dunha montaña dos Ancares. As súas coordenadas de localización son: 42º 52' 58'' N. // 7º 03' 54'' W.
Esta entidade posúe unha poboación de 14 habitantes e pertence á parroquia de San Martín da Ribeira, que abrangue unha superficie de 13,12 km2. Os seus lindes son: ao Norte e Leste, o municipio de Navia de Suarna; ao W, o municipio de Becerreá; e ao Sur, as parroquias de San Román de Cervantes e Santa María do Castro.
Ademaís, esta parroquia forma parte do municipio de Cervantes, situado na parte oriental da provincia de Lugo. Ten unha poboación de 1187 habitantes, distribuída en 21 parroquias, que ocupan unha superficie de 277,6 km2.
Así mesmo, o municipio cervantino está integrado na comarca dos Ancares, que ocupa unha extensión de 1049,96 km2 na que viven 9161 habitantes repartidos nos municipios de As Nogais, Baralla, Becerreá, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, e o actual Cervantes.
Dende unha óptica eclesiástica, Tarnas e un lugar da freguesía de San Martiño da Ribeira, que forma parte do arciprestado de Cervantes e da diócese de Lugo. Ao santuario accédese a través dunha estrada local, que parte da capital do municipio (San Román), distante uns 4 km.