Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No cabodano de Ramón Cabanillas

jueves, 05 de noviembre de 2009
Cúmprense agora 50 anos da morte de Ramón Cabanillas acontecida en Cambados o 9 de novembro de 1959. Con tal motivo o seu concello vén de organizar unha manchea de actos para afondar na importancia do seu quefacer como activista intelectual e político. Luís Rei publicou a súa biografía, unha obra necesaria para entender o alcance non só do labor literario do autor cambadés; tamén para coñecermos o activismo político e cultural desenvolvido dende idade temperá.

Pasou Cabanillas varios anos en Mondariz levado por Enrique Peinador Lines, que o incorporou ao seu Balneario, evitando así o segundo desterro americano. Ali escribiu gran parte da súa obra literaria e desempeñou diversas funcións, tales como a de administrador e relacións públicas, un posto que lle viña como anel ao dedo ao noso poeta. Durante este tempo encargouse Ramón Cabanillas da dirección das revista “Mondariz” e “La Temporada”, que editaba o Balneario. Aproveitou aqueles anos para, entre outras actividades, artellar a Liga de Amigos de Galicia, xunto con Valle Inclán, García Martí e o propio Enrique Peinador Lines.

Durante a súa permanencia en Mondariz, Ramón Cabanillas colaboraría con Peinador para promover a constitución do novo concello. Isto aconteceu en 1925 coas posibilidades que abría o novo Estatuto Municipal da autoría do ministro Calvo Sotelo. Cabanillas, funcionario municipal excedente, foille de moita utilidade a Peinador na tramitación do expediente de segregación, chegando a formar parte da corporación municipal de 1929, por un breve perído de tempo; apenas dous meses. O 21 de outubro dese ano participa na aprobación dos orzamentos municipais.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e a Irmandade Xurídica Galega queren reivindicar a actividade profesional de Ramón Cabanillas, descoñecida practicamente polos seus lectores, que tivo nos derradeiros anos condicións persoais ben difíciles por mor dun expediente de depuración de responsabilidades políticas.Foi secretario municipal dos concellos de Cambados, Cuntis, Dozón, Meis, Mos, Moaña, Redondela e Silleda. Todos os rexedores municipais das devanditas corporacións están convocados o próximo día nove para celebraren no salón de plenos da Casa do Concello de Mondariz-Balneario un acto de homenaxe ao poeta cambadés e a aprobación da “Declaración de Mondariz-Balneario”, que pretende consolidar o papel normalizador das corporacións locais, incluíndo a promoción da nosa lingua nos seus servizos públicos e poñendo os medios para que todos traballadores ao servizo directo ou indirecto da administración local teña unha actitude favorable ao emprego da lingua galega, con coñecemento oral e escrito suficiente para atender nela ao cidadán. Porque as corporacións e os traballadores locais estamos obrigados nestes momentos a continuar xogando un importante papel: o de evitarmos que se impoña a dinámica da crispación e do conflito ao tratarmos os temas lingüísticos, o de manter os avances e os sensibles equilibrios que se foron tecendo nos servizos públicos e que sosteñen o uso da lingua galega nestes principios do século XXI.

Velai onde debemos estar as autoridades e traballadores locais, na idea de que o galego non é patrimonio de ninguén senón que é un vínculo que nos une, revalidando nesta singular coxuntura o protagonismo social e democrático que as corporacións xogaron ao longo das últimas décadas, neste como noutros tantos eidos.


* Secretario da AFNL/Irmandade Xurídica Galega.

González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania