"Nuestros muertos": a conxugación da memoria e o perdón
Santalla, Iago - miércoles, 04 de marzo de 2026
Tiven a sorte de ver, no teatro Rosalía da Coruña, a obra "Nuestros muertos" dirixida por Jaime Llorente e interpretada maxistralmente por María Álvarez, Carlos Jiménez-Alfaro, Clara Cabrera e Javi Díaz. A peza basease nun programa encontros restaurativos entre presos e vítimas de ETA que Institucións Penitenciarias puxo en marcha no 2011. Para participar esixíaselles aos presos determinadas condicións como expresar o rexeitamento explícito, ter a vontade de pedir perdón e ter a mesma vontade de colaborar.
Precisamente esta vontade de colaborar converteuse na principal esixencia das vítimas no 2018. Esta esixencia segue plenamente vixente xa que hai crimes sen esclarecer e, neste sentido tantos anos despois, sería bo un quid pro quo que axudaran a dar verdade ás vítimas e rescatar a verdade para a historia colectiva.
Seguindo o razoamento anterior é totalmente xusta e necesaria a colaboración e saber o que pasou (como esixen as vítimas). O "pro quo" deste "quid" proponse que sexa a fin da dispersión. É xusto ou non? O preso di: "porqué ten que pagar a miña familia o que fixen eu?" A vítima dille: "a túa familia tente e vaite volver a ver. Eu ao meu fillo non".
Outro aspecto importante é o da familia da vítima: participar ou non? Vese que antes de decidir hai un debate moi complicado porque, independentemente do perdón, trátese de estar cara a cara co asasino do ser querido.
A obra consegue establecer unha sensibilidade e unha empatía que constrúen un clima que propicia o diálogo entre os polos máis opostos. Neste clima, o perdón non é esquecemento senón un pequeno bálsamo para a vítima que fica e a memoria non é rancor senón a construción do xusto espazo perenne que merece ocupar na historia esa vida segada polo terrorismo.
Finalmente, coido que o mérito e a valentía das vítimas fica meridiano e lévanos a preguntarnos dende o máis fondo do ser: eu sería capaz?

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora