Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hoxe as ciencias avanzan...

Rubia, Xoan - miércoles, 04 de marzo de 2026
"Hoy las ciencias avanzan que es una barbaridad" dicía don Hilario, personaxe da célebre zarzuela "La Verbena de la Paloma" de Bretón, estreada no ano 1894, frase que se fixo famosa e que aínda hoxe empregamos diante dos avances tecnolóxicos e científicos que se van producindo. Avanzamos en múltiples aspectos, pero hoxe quixera referirme a un que modificou de xeito contundente o traballo da escritura e que en certa medida supuxo unha auténtica revolución. Hoxe as ciencias avanzan... Refírome á aparición dese bolígrafo BIC fabricado en Francia cuxo creador foi Marcel Bich inspirado nun que se facía na Arxentina por Lazlo Biro a quen mercou a patente. Eu fun de rapaz usuario daquel mítico "BIC Cristal" que chegou a España aló polo ano 1955.

Cando eu ía a escola primaria escribíamos en lousa con "pizarrillo", cousa que hoxe vemos como do Plistoceno. A cousa consistía en rañar pedra contra pedra. O mestre escribía no encerado de madeira con pezas de arxila branca e facía tinta con pos e auga que vertía nuns pequenos recipientes de porcelana colocados nun burato da táboa inclinada dos pupitres. Eran os tinteiros onde mollabamos uns plumíns de metal con soporte de madeira que soltaban borróns a eito e esgallaban ao pouco de usalos, cos que faciamos caligrafía. E entón aparece o bolígrafo que veu a competir cos lapis e coa pluma fonte que apareceu na escena no século XIX.

Fun, como todos os daquel tempo, usuario daquel "boli" transparente que supuxo un avance substancial na practica da escritura. O bolígrafo desbotábel permitía escribir con máis soltura, sen preocuparse máis nada que de escribir. Foi un grande invento, tanto que sobreviviu as máquinas de escribir e aos ordenadores. Apareceron bolígrafos de múltiples marcas e deseños pero aínda temos ao tipo BIC rexeitábel como o bolígrafo popular por excelencia, tanto que chegou a ser o mais vendido do mundo.

Na casa gústame escribir con pluma estilográfica, pero sempre teño a man un lapis e un boligrafo ao pe do meu ordenador. O PC, outro grande invento. E que virá despois? ¿Cal será o seguinte paso? É que hoxe, como denantes, as ciencias avanzan que é unha barbaridade, ho!
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES