Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

(29691) Ramónallerulloa: o cuarto asteroide galego

Viscasillas Vázquez, Carlos - martes, 03 de marzo de 2026
O asteroide (29691) Ramónallerulloa é un obxecto do cinto principal descuberto o 11 de decembro de 1998 no Observatorio Nacional de Llano del Hato (Mérida, Venezuela) polo astrónomo Orlando Antonio Naranjo Villarroel. A súa denominación foi publicada oficialmente polao Grupo de Traballo para a Nomenclatura de Corpos Pequenos (WGSBN) da Unión Astronómica Internacional (IAU) o 2 de febreiro de 2026. Presenta unha órbita cun semieixe maior de 2,767 unidades astronómicas, unha excentricidade de 0,101 e unha inclinación de 9,95 graos respecto da eclíptica. O seu período orbital é de aproximadamente 4,6 anos. Ten unha magnitude absoluta de 13,7, un diámetro estimado duns 5 quilómetros e un albedo xeométrico de 0,307. O nome rende homenaxe a Ramón María Aller Ulloa, pioneiro da astronomía galega moderna, destacado polos seus estudos de estrelas dobres e pola creación do Observatorio de Lalín e a fundación do Observatorio da Universidade de Santiago, que hoxe leva o seu nome, converténdose nunha das figuras científicas máis relevantes de Galicia no século XX.
Con esta designación, Ramónallerulloa convértese no cuarto asteroide con nome galego. Súmase así a (658642) Carreira, descuberto en 2017 e nomeado en 2024; (9605) A Coruña, descuberto en 1992 e oficializado en 2025; e (14005) Ferrínmoreiras, descuberto en 1993 e nomeado tamén en 2025. Mais a presenza galega na toponimia astronómica vai alén dos asteroides. En Venus atópase o cráter Castro, denominado en 1994 en honra á poeta universal galega. No ámbito estelar, a estrela Rosalíadecastro leva oficialmente o nome da escritora dende 2019, no marco da campaña internacional NameExoWorlds. Arredor da orbita da estrela, o exoplaneta Riosar, tamén bautizado ese mesmo ano. No caso de Aller Ulloa, cómpre lembrar que xa anteriormente recibira unha homenaxe na cartografía lunar. No libro The Moon de H. Percy Wilkins e Patrick Moore, publicado en 1955, asignóuselle o nome Aller a un cráter da Lúa, o actualmente coñecido como Atwood, a instancias do astrónomo Antoni Paluzie. Aínda que esa denominación non prosperou oficialmente na IAU, constitúe unha mostra do recoñecemento internacional á súa figura. Tamén levan pegada galega outros obxectos estelares. A estrela múltiple Lin 1, descuberta en 1992 por Josefina Faen Ling, así como varias estrelas dobres identificadas por Ramón María Aller Ulloa e coñecidas como Aller 1, Aller 2, Aller 3 e Aller 4, incorporan o seu apelido aos catálogos astronómicos.
Deste xeito, Galicia conta hoxe con catro asteroides, un cráter en Venus, unha estrela e un exoplaneta que levan nomes oficiais e recoñecidos pola IAU vinculados á súa historia e cultura, proxectando a identidade galega máis alá da Terra, ata os límites do Sistema Solar e mesmo fóra del. O nomeamento de (29691) Ramónallerulloa é un dos resultados do I Congreso Galego de Investigación en Astronomía e Astrofísica celebrado en Vigo os días 17 e 18 de xullo de 2025.
(29691) Ramónallerulloa: o cuarto asteroide galego

Carlos Viscasillas Vázquez é investigador no Instituto de Física Teórica e Astronomía da Universidade de Vilnius e membro do Grupo de Traballo Nomes de Estrelas (WGSN) da IAU.
Viscasillas Vázquez, Carlos
Viscasillas Vázquez, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES