Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Soliloquios (6)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 09 de marzo de 2026
Subir polas escaleiras da vida
Soliloquios (6)
Non é igual
subir as escaleiras que subir por elas;
pero na vida, si:
Subimos a vida,
a propia,
a particular de cada quen,
pedra a pedra,
esforzándonos por acomodalas
ben.
Subimos as escaleiras da vida
xeralmente sen varanda;
como moito arrimándonos
á parede contigua,
ao apoio dos nosos protectores.
En definitiva,
que a vida é unha escaleira
feita por nós mesmos!
¿As pedras?
As pedras, igual que na vida,
saen das penas!
-.-

Aquel carpinteiro...
Soliloquios (6)
Aquel carpinteiro chamábase José,
e non houbo outro
con mellores clientes:
Xesús e María.
Por se isto fose pouco,
adoptou por fillo
ao Fillo de Deus,
e criouno a corpo de Rei.
Traballando,
iso si,
para darnos exemplo
de que non hai oficio humilde
se o aprendemos ben.
-.-

Contra desánimos..., ánimos!
Iso de tirar forzas da fraqueza
é barato de dicir,
pero caro de facer.
Non obstante,
estamos chamados a vencer,
a subir,
a medrar coma unha hedra
enroscados en nós mesmos,
carballos auténticos.
Sempre podemos máis,
moito máis
do que aparentamos,
do que estamos dispostos a ofertar
no altar da propia vida.
¿Demostración?
Como estou seguro diso,
para o ano que vén
volverei,
e preguntarei!
-.-

A responsabilidade nas decisións
Pasamos a vida decidindo cousas,
así que,
nunca sobra a preparación,
a formación,
o criterio persoal.
¡Daquela merece ser cultivado!
Cómpre aprender para saber,
e saber para decidir
co máximo acerto posible.
¡Ximnasia mental,
amigos,
do fácil ao difícil,
do elemental ao complicado!
Pensemos;
pensemos que hai decisións
sen marcha atrás,
así que procede ir amodo,
Suai, suai,
que di o mouro,
para te-la posibilidade de variar de rumbo
se o camiño
se pon escuro.
-.-

Primeiro, pensar, e despois, falar.
¿Facémolo así?
Do que non,
cantas bobadas diremos,
e cantas malicias faremos,
deformándonos!
Nós, só somos nós,
cando facemos o que pensamos,
despois de madurar as ideas.
A froita deixámola na árbore
ata que se pon en sazón,
non si?
¡Daquela copiemos da natureza,
xa que a natureza
nos fixo así!
-.-

PUÍDO DE DIAMANTES
Desde que vin aqueles rapaces
do Caravel de Bergondo
tallando diamantes,
descubrín
que todo é posible
botándolle a paciencia necesaria;
¡iso si, coa ferramenta apropiada!
Todos valemos para algo,
todos somos axeitados
se temos xeito
no que facemos.
Todos somos necesarios
para puír o mundo,
que é tan duro
coma os diamantes.
Se eu mandase,
mandaría
clasificar a humanidade
non polo seu talento
e si pola utilidade,
pola paciencia que lle boten
ao traballo encomendado.
-.-

A dignidade é irrenunciable
Non está de máis recordalo
pois
os intres de desalento,
máis que unha virtude
son un peso.
A dignidade é persoal e intransferible,
vennos do Deus que nos fixo,
así que,
forma parte da herdanza divina,
recibida.
Non cabe renunciar
a beneficio de inventario,
que iso só é admisible nos herdos dubidosos.
O noso está garantido,
salvo que lle hipotequemos ao diabro
os dez mandamentos...,
e para iso,
con pacto de retro!
-.-

Os complexos,
enfermidade con vacina.

Para sentirme acomplexado
terei que compararme
con alguén,
pero,
¿con quen o fago
se todos están enfermos de algo?
O que estea limpo,
que tire a primeira pedra...,
¡e con iso, fóronse!
A mellor vacina
é sentirme alguén, xa que alguén son,
e iso é
moita honra.
¡Que cada quen se mida a si mesmo:
os baixos, que se estiren,
e para os altos, humildade,
pois as desigualdades non se miden
co sistema métrico,
co decimal!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES