Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Soliloquios (4)

Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 05 de marzo de 2026
Coa mente na lúa
Na de San Martiño,
¡non pensedes mal!,
acordeime daquelas mozas
que ían a Lugo
no coche de Trigo:
Todas na dianteira,
xunto dos cregos,
cunha espeteira
que lle impedía ao chofer
olla-la cuneta.
Nunha daquelas viaxes
pregunteilles
se era de mel a lúa delas.
Dixéronme:
As nosas lúas témolas en Meira,
e se queres casar,
vémonos na feira!
-.-

Como queda de baleira unha casa...
cando se ausenta a familia,
por temporalmente que sexa.
Ata o aire se vai con eles
e so queda,
acariñado nos mobles,
a pátina dos tempos.
Non hai afogo semellante,
non hai baleiro máis completo;
e non che digo nada
cando se van para non volver!
A familia é o máis perfecto,
e desfacela un crime,
dos de lesa Patria.
A familia é un anticipo do Ceo,
e desfacela un favor do inferno!
A familia é,
en definitiva,
o único que é;
a familia é o único que nos fai gozar do Ceo
estando na terra.
-.-

Hoxe vin un milagre
Si, a cheminea dos veciños,
esa da calefacción,
co fume subindo
dereitiño,
para perderse no ceo.
Isto quere dicir que non corría o vento...
¡Ai se pasase o mesmo
cos falares da xente,
cos chismes
saídos de aló por dentro!
¡E menos mal que a voz
pérdese
coa distancia,
que así non oímos a maledicencia
da nosa veciñanza!
-.-

Silencios elocuentes
¿Que lle digo á miña rapaza cando,
estando ao seu lado,
non lle digo nada?
Daquela é cando llo digo todo,
absolutamente,
porque,
de levarnos ben,
con ollarnos chega!
Tamén é que non atopo verbas
suficientes
para expresarlle o moito
que a quero;
por outra parte,
se estamos enfadados,
o silencio é a cousa
máis elocuente!
-.-

Señardades, que non e igual a soidades
Disto sabemos os emigrantes;
disto, si.
Señardades son certos capítulos,
íntimos,
das soidades,
uns baleiros acentuados
que adoitamos encher
coas lembranzas do irrecuperable.
Esas sinais
parécense ás cicatrices mal curadas,
e tanto avultan
que ata se notan na cara.
Un detalliño calquera
que teña algo que ver co pasado
ráscanos na memoria
e tráenos ao presente
eses desgarros da alma.
¡Pero non busquedes a tradución
nos dicionarios,
que non está:
non é unha verba,
pois é una ferida atroz,
sanguenta!
-.-


Maldito racismo
¿Verdade, Shakina,
que te entendes con nós?
¡Quen nolo ía dicir,
que nos coidaría de vellos
unha rapaza
da raza
daqueles que,
no cincuenta e sete,
atentaron contra nós
na estrada de Safí!
A Historia é o que ten,
que,
cos anos,
pon o mundo patas arriba,
séxase,
do revés!
-.-

¡Fóra complexos!
Que non hai por que telos,
xa que son froitos,
espurios,
de cando nos fracasa a autoestima.
Algúns véñennos da soberbia
do próximo,
que nos trata de inferiores,
pero outros son
de elaboración propia.
¿Como se cambia o produto?
Enxertándonos a nós mesmos
pugas rotundas,
rotundas e dignas:
¡de Autoestima!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES