Opinión en Galicia
Soliloquios (3)
Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 04 de marzo de 2026
Eloí, Eloí, lamá sabactaní
Non foi Teu Pai,
Noso Pai,
o que te abandonou,
que fomos nós, teus irmáns adoptivos,
e Ti ben o sabes,
mais,
naquel intre de angustia total,
abafado coa carga do nosos pecados,
tan infinita que mesmo che pareceu,
como home,
que teu Pai te abandonara,
cando precisamente
máis amor che demostraba,
nos demostraba,
utilizando ao seu predilecto,
para cargar en Ti a infinidade
das nosas faltas,
para que nolas redimise
o único que facelo podía,
o único que para iso valía:
Nada máis e nada menos que o
seu propio Fillo,
coma El, Deus,
Segunda Persoa Trinitaria!
Grazas, Señor,
por esa angustia incomparable,
miña,
miña e de meus irmáns,
netos de Adán,
que aceptaches cargala
nos teus ombros
humanos.
O Cireneo fuches Ti,
Ti, e non para ti mesmo,
que viñas de Deus,
que eras Deus,
que seguías séndoo,
só que sufrindo e padecendo polos homes,
na túa carne de home:
Cireneo dos meus pecados,
que mos redimiches padecendo por min
o indicible,
así que,
en vista de que non cho sei agradecer,
só che pido una cousa:
¡Que me perdoes
,
outra vez!
-.-
Teño a mente vagando.
Téñoa en branco,
que ata non sei que pensar:
Non me gustan os meus pensamentos
cando cheiran a vago;
non me gustan as vaguidades
dos que falan, dos que falamos,
por non estar calados!
Quero ser profundo,
quero profundar,
e para iso,
de broca,
só atopo un verbo
que perfora,
que o di todo:
¡Amar!
-.-
Meus padriños

Naquela pía de San Cibrao
a auga estaba fría,
e iso que era agosto...
¡Auga limpa!
Tan limpa que limpo me deixou,
pero...,
¡non durou!
Ensucieime eu mesmo,
facendo diabruras;
ensucieime facendo o que non debía,
facéndolles caso ás tentacións,
ata que descubrín
que a segunda lavadura
faise...,
co xabón penitencial!
¿Para que me porían
Xosé e María,
antes de estar seguros
de que os imitaría?
Padriños, de todos modos, grazas,
pois a culpa foi miña...,
por non imitarvos!
¿Volveredes a bautizarme na Porta do Ceo,
para entrar tan limpo coma aquel día
santo,
aquel de San Cibrao?
-.-
Os poetas
Os poetas son uns seres débiles
que non poden cos seus pensamentos,
e por iso os descargan,
a brazados,
rimando,
facendo medeiros,
asentando espigas e ordenando letras!
¿Daquela, a prosa,
a palla?
¡Déixanllela aos prosaicos,
para estra-las cortes
do seu gando!
Os prosaicos somos esterco,
que por algo nos dedicamos ás hortas,
¡ás hortas das verzas,
ás hortas da prosa!
¿Onde se viu un prosaico
abonando nas roseiras?
-.-
Xa que de roseiras falo...

¿Por que terán espiñas as roseiras,
e por que serán tan pillas as mulleres,
pois esa sona teñen?
En vista deses perigos
inminentes
cómpre tratalas ben,
e cheiralas de lonxe,
sen abusar delas.
Compre achegarse soamente,
suavemente,
cando están de boas,
que daquela
vólvense cara a nós
tentadoras,
pedindo que as recollamos,
que as libremos das espiñas que as rodean.
Ofrécennos a súa beleza;
daquela, si.
¡Deus, como se parecen as mulleres
ás roseiras!
-.-
As cousas miúdas
Cousas miúdas chámaselles ás que non se contan,
ás que non queremos contar,
pero,
en verdade de verdade,
miúdas son as cousas grandes,
os segredos da alma,
as peripecias da vida,
eses tormentos que nos avergoñan.
Cando hai confianza
dá noxo,
pois daquela referimos
o que nos sobra,
deixando o que nos desacouga
e falando por falar.
Nestes casos,
¡que ben nos faría vomitar!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora