O rapaz e a anguía
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 26 de marzo de 2026
Fai moitos anos, no barrio de Porto vivía unha familia que consistía nun matrimonio con trece fillos.
A vida era moi difícil e para conseguir de comer para tanta xente tódolos días era un auténtico martirio para o matrimonio.
Na casa dispoñían dun burro, unha vaca, algún porco e galiñas e tiñan algunha leira na que procuraban labrar patacas, pementos, cebolas, allos, etc., pero a pesar de todo o xantar de cada día tan só consistía en caldo, caldo e máis caldo.
Un día, o máis pequeno da familia que se chamaba Jesús que tería uns 17 anos, foise ata o río Centiño preto dos muíños de Leandro. Alí había un lavadoiro no que as mulleres do lugar ían a lavar a roupa, pois a Jesús gustáballe moito ir por ese lugar para escoitar o faladoiro das lavandeiras porque era moi curioso e entretido. Falaban dos mozos, contaban contos, lendas, etc. e iso a Jesús encantáballe.
Cando o noso protagonista chegou ó lugar, deuse a casualidade de que aquel día ningunha muller estaba lavando a roupa, polo que se puxo a batuxar a auga coas mans xogando con ela. De súpeto Jesús ve que algo se move na auga do lavadoiro e observa sorprendido que se trataba dunha enorme anguía.
Rapidamente intenta tapar todo burato do lavadoiro por onde a anguía puidera escapar e ó mesmo tempo deixa un pequeno burato polo que saia a auga para así baleiralo pouco á pouco para que a anguía quedara en seco e poder collela.
Jesús sentíase moi nervioso no intento de coller a anguía pois son moi escorregadizas e de por riba aquela era enorme.
Despois de moito tempo de espera, conseguiu que se baleirara o pío e unha vez a anguía desprotexida sen auga, Jesús botoulle as mans e despois de mil penurias conseguiu collela e por suposto chantarlle as uñas para evitar que se lle escapara e con ela ben apreixada ó corpo, todo lelo se marcha para a casa.
Aquel día Jesús era totalmente feliz. Aportaría á casa un xantar distinto ó de tódolos días. Podían comer un bo guiso de anguía ou quizais fritida con patacas ou como a súa nai lle parecera mellor preparala e que todos a puideran probar. De todas, todas, xa tan só polo feito de coller aquel bicho era motivo de alegría.
Cando chegou á casa e súa nai viu a anguía quedouse moi sorprendida, pois en realidade poucas anguías vira tan enormes.
A nai de Jesús colleu un caldeiro de auga no pozo e dispúxose a lavar ben lavada a peza a cal acto seguido botou nunha fonte de louza. A muller quedouse mirando para a anguía de forma pensativa e de súpeto meteuna nunha esporta e díxolle ó fillo: ¡Toma, colle a esporta coa anguía e vailla levar a dona Eugenia!. Jesús incomodado preguntoulle a súa nai o ¿porque?, ¡pois eu fun quen a collín e é para comer nós!. A nai, comprendendo ó seu fillo díxolle: ¡Mira meu neno, a dona Eugenia debémoslle moitos favores e aínda que con esta anguía non llos imos pagar, é un xeito de demostrarlle tanto o noso agradecemento como tamén que non nos esquecemos dela!.
Jesús, aínda que incomodado, obedeceu a súa nai e aló se foi botando pestes á casa de dona Eugenia Couto, nai de Martín e Paco Maañón.
Ó chegar á casa, chamou á porta e alí saíu dona Eugenia e Jesús fixo entrega do presente á señora. Cando dona Eugenia veu a anguía díxolle a Jesús: ¡Vaia, home, vesme traer isto a min cando vosoutros o necesitades máis. Dille a túa nai que non o volva a facer!.
Dona Eugenia foise á cociña, cambiou a anguía de fonte, lavou ben a fonte para devolverlla ó rapaz, secouna e meteuna na esporta. Entregoulla a Jesús e díxolle ¡vente canda a min!. Acompañou á señora e entraron nunha enorme habitación que estaba abarrotada de produtos alimenticios que eran dos que se repartían ás familias máis desfavorecidas. Mandoulle que abrira a esporta e encheulla totalmente de produtos de primeira necesidade e cando estaba chea díxolle ó rapaz ¿poderás con ela?, a verdade é que pesaba moito, pero temendo que lle rebaixara ó peso sacándolle produtos, Jesús contestou ¡non, non pesa nadiña!.
Jesús chegou á súa casa rebentado co peso da bolsa, e cando lle entregou a esporta a súa nai exclamou ¡volvo ó río a ver se atopo outra anguía para dona Eugenia!.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)