Ladislao de Caserío
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 12 de marzo de 2026
Cando eu era neno ía con moita frecuencia ao ultramarinos Casa Basilio no número un da hoxe Avda. da Mariña.
Alí eu vía tódalas tardes-noites a un home tomando os viños ao cal todos lle chamaban Ladislao. O seu nome era Ladislao Muíña, pero coñeciámolo por Ladislao de Caserío. Era baixo, cunha chaqueta a cadros moi usada e vestía boina na cabeza.
Ladislao tiña fama de mentireiro e as súas historias corrían de boca en boca como o lume posto na pólvora.
Un día, miña nai mercoume unha goma de borrar o lapis para levar á escola, pero miña nai foise para dentro da cociña da Casa Basilio falar coa señora Josefa, porque eran grandes amigas.
Ao marchar para dentro miña nai e quedar no bar eu só, Ladislao preguntoume ¿qué tes na man? e eu todo orgulloso da miña nova goma de borrar, abrín a man e amoseilla. Ladislao ao verme a man aberta, deume coa súa un golpe debaixo da miña e a goma saltou polos aires e nunca chegamos a encontrala.
Eu boteime a chorar e ao escoitarme miña nai, volveu onde a min a preguntarme por que choraba, e tanto eu como os presentes, contámoslle a miña nai a fazaña de Ladislao.
Miña nai cabreouse moito con el, pero Ladislao nin se inmutaba e o peor que miña nai tivo que mercarme outra goma de borrar, pero Ladislao non se fixo cargo do seu custo.
Traballaba de mecánico nos Talleres Martínez e nos anos 40 do pasado século emigrou coma outros máis para Cuba.
Unha das trolas contadas por Ladislao, foi cando nunha ocasión, navegaban no trasatlántico que ía para Cuba, de súpeto o navío para no medio e medio do Atlántico.
Os rumores da xente comezaron a esparexerse por todo o barco que xa pensaban que xurdiría outra catástrofe como a do Titanic.
Ladislao ao ver a todos tan preocupados, presentouse ante o capitán e preguntoulle que era o que pasaba. O capitán respondeulle que lles había caído o hélice ao mar e que non poderían continuar a viaxe ata botar un SOS para que os socorreran remolcándoos ata América.
Contaba Ladislao que sen pensalo dúas veces, sacouse a roupa e púxose en bañador e tirouse pola borda do barco ao mar. Aos poucos minutos xa aparece Ladislao nadando e co hélice collida coas mans e coas súas dotes de mecánico colocou de novo a peza no seu sitio, subiu ao barco e dirixíndose ao capitán díxolle ¡avería reparada mi capitán, puede usted dar orden de proseguir el viaje!.
Cando chegou a Cuba dixo que traballara nunha gran empresa que subministraba a auga a toda a Habana.
Nos grandes depósitos de auga había unha enorme turbina que era a encargada de distribuír a auga por distintas canles, dita turbina había que limpala e engraxala de vez en cando.
Un día que Ladislao estaba de quenda el só, púxose a limpar e engraxar a turbina con tan mala pata que sen querer, tropezoulle ao botón de funcionamento e a turbina comezou a dar voltas con Ladislao no seu interior e así estivo sen poder parala ata que despois de tres horas chegoulle o relevo que parou a turbina e Ladislao baixouse dela como se nada pasara.
Outra das historias de Ladislao era que nunha ocasión cortou un dedo da man pola metade. Como era mecánico soldador, colleu o aparello de soldar e soldou o dedo e envolveuno cunha venda. Pasados oito días desenvolveu de novo o dedo para ver cono lle ía a cura, pero levouse a sorpresa de que o soldou ao revés, ou sexa, coa uña para o lado contrario. Ladislao colleu unha machada, cortou de novo o dedo, volveu a soldalo e ¡aí o tedes, nin se nota!, dicía.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora