A trasnada nunha voda
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 26 de febrero de 2026
Sabido é que hai xente que lle gusta facer tratadas e nunca lles importa nin onde, nin como, nin cando e esa xente acaban tendo un inxenio para argallar nas cousas que ás veces nos parecen imposibles tales historias.
Neste caso, trátase duns rapaces de San Martiño, moi prácticos eles nas bromas e trasnadas e cando chega a hora de actuar, nin se cortan un pelo e actúan como se todo fora normal e non pasara nada, dito doutro xeito, son verdadeiros artistas.
A historia comeza cunha parella de San Martiño que se van casar. O noivo, coñecedor de con que bois araba, recomendoulle á noiva que de todo canto se faga na voda que non dixera nada a ninguén para evitar precisamente iso, que ninguén saiba nada para que non se lles ocorra facerlles ninguha trasnada.
Tódolos preparativos relacionados coa voda se foron facendo correctamente a tanto a noiva como o noivo, mantendo todo no máis íntimo dos segredos.
Os regalos ían chegando, as felicitacións e noraboas por parte de amigos e familiares, pero tanto por parte dun como do outro evitaban falar nada do que se ía facer e por suposto moito menos, dicir onde a parella pasaría a noite da "lúa de mel".
Chegou o día, todo normal. Na misa sen problemas e no restaurante todo delicioso e marabilloso e como tódalas vodas en Galicia, cando remataron o xantar xa pasaban das nove da noite.
Ó remate do xantar, ocorréuselles entre todos, incluídos os noivos de ir preto do restaurante a unha festa que había onde tocaba unha das grandes orquestras de Galicia e aló se foron.
Na festa todos bailaban, os noivos, os amigos e familiares, todos gozaban do baile ata que de súpeto, o noivo observa que faltan tres invitados, pero claro, o peor era que quen eran os que faltaban non eran precisamente os máis de fiar.
Automaticamente o noivo dálle á xa esposa a voz de alarma e dille os nomes dos que faltan e con ton alterado díxolle á esposa ¿dixécheslle a alguén en onde íamos pasar a primeira noite?. A muller púxose a cavilar e ó final lembrou que llo había dito a unha anciá, da cal non tiña nin a menor desconfianza, pero claro, a anciá era familiar dun dos invitados que xa non estaba no baile.
Como daquela non había teléfonos móbiles, os noivos fóronse rapidamente ó bar máis próximo á festa e dende o teléfono público de moedas do bar chamaron ó Parador de Mondoñedo que era onde tiñan contratada a habitación para esa noite.
Para sondar o tema, cando descolgaron o teléfono do Parador, o noivo comezou a súa conversación dicindo: ¡Mira, son o noivo que che teño contratada a habitación para hoxe. Era para dicirche que quizais nos retrasemos un pouquiño para ir a durmir!. A sorpresa do noivo foi maiúscula cando do Parador lle contestan ¿Cómo que o noivo se os noivos xa están aquí?. O noivo totalmente acelerado e cabreado respondeu ¿como van a estar aí se eu son o noivo e teño aquí comigo á miña muller?. ¿Pedíchelles o carne de identidade cando chegaron?, o do Parador contesta que os noivos lle dixeron que só era un momento, subir a habitación e que logo baixaban a presentarlle os carnes, pero como viñan co seu fotógrafo, que só era para facerlles unhas fotos no entorno da habitación non desconfiou.
O noivo moi cabreado contestou ¡pois vai á habitación correndo e pídelles os carnes e a ver se coinciden cos nomes de quen cha contratou!.
Así o fixo o encargado do Parador, foi a habitación, pediu os correspondentes documentos de identidade, pero xa non fixo falta que os sacaran do peto e confesáronse autores dunha broma que se acabou sen comezar.
¿Como fixeron para colar como noivos?, pois nada, que como todos ían elegantes e ben traxeados para ir á voda, pois só a un lle puxeron unha flor no ollal da solapa da chaqueta e a que ía de noiva, xa había pedido prestado o traxe de noiva a unha amiga e que levaba agachado no coche, pois como ó final do día, os noivos non quedan tan ben amañados como cando saen pola mañá, colou moi facilmente e só coa idea de ir á habitación e montarlles alí, sabe o demo que.
O caso foi que a voda celebrouse no mes de agosto e por mor das dúbidas dos recen casados cos "amigos" das bromas, víronse obrigados a durmir coas ventás pechadas e as persianas baixadas baixo unha calor abafante.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)